xoves, 11 de maio de 2017

Mais do pai do noso Mirequelledigo

Mire que lle digo, Don Manoel! Deixo de lado as rexoubas do Conesa, o Fernández Mato e o Trujillo, para narrarlle o pouco que certos personaxes dos que xa lle falara antes, me deixaron saber do meu pai.

Sei, Don Manoel, que foi algo mais que un simple mariñeiro, que un simple sindicalista, que un morto mais da represión fascista. Foi un home culto, con voz e opinión propia, e un home que, cando chegou a ocasión, colleu as armas para defender a República dos seus inimigos, sabendo que aquilo íalle custar a vida. E foino, Don Manoel grazas aos libros, as moitas lecturas que tivo a oportunidade, afección, gana, e vontade de facer, lecturas que o fixeron o home que foi: libre e libertario.

Meu pai, Don Manoel, quedara orfo do mar moi cedo, e tivo, coma tantos outros da súa mesma circunstancia, que facer por gaña-la vida, que a súa nai pouco podía axudar co xornal de mingalla que gañaba coma asistenta no Pazo dos Lira, na rúa dos Ferreiros. Mais todo o mao trae aparellado o bo, se un é que de aproveitalo, e o meu pai ben que o soubo! Un día que tivo que ir ao Pazo para levarlle un mandado á nai, agardando por ela, descubriu detrás dunha porta aberta a estanza do tesouro: unha biblioteca ateigada de libros dende o chan ata o teito! Ao señor do pazo, que o descubre coa boca aberta diante de tal fartura de coñecemento, faille graza o pasmo do rapaz, e coma é un home xeneroso e sagaz, proponlle un xogo: deixaralle un libro, e cando remate a semana terá que volver canda el, e contarlle o que o libro ensinoulle. Se supera a proba, deixaralle outro e outro, ata que lea, se lle presta, a biblioteca enteira.

E, mire que lle digo, Don Manoel! Que estou certo de que meu pai soubo merecer a confianza daquel home e amosarlle que podía sachar todo canto millo sementara nel, que a terra que escollera era boa terra, e bo o labor, que  poda cedo, ara tarde, redra axiña e terás boa colleita na túa viña. Logo viñeron tempos revoltos, e todo enmarañouse moito. Pero iso xa é gran para outra maquía!

Ningún comentario:

Publicar un comentario