mércores, 10 de maio de 2017

O pai do Mirequelledigo.

Mire que lle digo Don Manoel! Que falando de Roberto Conesa decateime dunha estraña conexión coa historia do meu pai, do que no lle falara ata o de agora. Non. Non quero dicir que o meu pai coñecera nin ao Roberto Conesa mozo dos recados dunha tenda de ultramarinos da rúa General Lacy en Madrid e militante da JSU, nin ao Conesa da BPS infiltrado no PCE de Toulouse, nin ao torturador no soto da DGS da Porta do Sol de Madrid. A quen si coñeceu foi a Don Ramón Fernández Mato ao que os libros outorgan a fundación da primeira Biblioteca Mariñeira do mundo, a de Bouzas.

Vexo pola súa cara de que non da encontrado a relación entre os dous. Non é que sexa un papaleisón, porque a cousa non é moi evidente, pero Conesa traballou para Rafael Leónidas Trujillo, coma escolta na visita do ditador a Madrid no 1954, e do 58 ao 60 na República Dominicana organizando a policía política, e Fernández Mato, cando exiliouse en Santo Domingo, escribiu, baixo a protección do ditador o panexírico Trujillo o la transfiguración dominicana.

E, mire que lle digo, Don Manoel! Foi, ao meu parecer, o único exiliado republicano galego que converteuse ao franquismo no exilio!

Se ti viras o que eu vin,
non te tiñas coa risa,
vinte e cinco xastres xuntos
cosendo nunha camisa.

1 comentario:

  1. Si está visto..... pulvis eris et pulvis reverteris! O malo é cando isto sucede estasndo vivo!!!!!

    ResponderEliminar