Mire que lle digo Don Manoel! Non sei se xa lle
falara das 13 rapazas e 43 rapaces que o 5 de agosto de 1939 fusilaron contra
da tapia do Cemiterio do Leste de Madrid. As trece rapazas, estou certo de que
xa o adiviñara, pasaron a historia co nome de As trece rosas, e os
corenta e tres rapaces ao esquecemento. Todos eles morreron coma vinganza polo
atentado contra do Comandante da Garda Civil, membro da Quinta columna de Madrid e espía do SIMP, Isaac Gabaldón, atentado
con resultado de morte dos tres ocupantes do auto, o propio Gabaldón a súa
filla de 18 anos e o chofer, que daría para escribir unha novela de misterio. Coma
da vida do responsable da caída da práctica totalidade da organización das JSU
e o PCE en Madrid, Roberto Conesa, o Orellas! Aínda que Roberto
Conesa, o despois famoso Comisario Conesa da Brigada Político
Social, si que ten o dubidoso privilexio de que unha escritora de sona,
Almudena Grandes, retrate con precisión parte da súa carreira delituosa nun dos
seus Episodios dunha guerra interminable:
Las tres bodas de Manolita.
E, mire que lle digo, Don Manoel! Que personaxe de
semellante catadura moral, militante do PCE, fundador do PCE (R) e dos GRAPO e
historiador afeccionado, anda a reescribir a historia de As trece rosas facendo
delas fanáticas stalinistas, responsables de multitude de asasinatos. Fálolle,
claro está!, de Luis imPío Moa Rodríguez, defensor apaixonado, primeiro, da
loita armada contra o franquismo e do labor de Don Francisco Franco no
exterminio de roxos, homosexuais e outros dexenerados, despois.
Na miña vida tal vin:
na feira de mentiráns
unha cadela con pitos,
e unha galiña con cans.
Ningún comentario:
Publicar un comentario