xoves, 21 de setembro de 2017

Viaxe a Ítaca

Mire que lle digo don Manoel! Que traio hoxe no peto un recorte da prensa que atopei na casa para comentalo con vostede, se non lle resulta enfastioso. A cousa ven dun comentario arredor da utopía que a xente ten en grande estima, pero co que eu non podo mais que estar en desacordo. Nunha palestra que o director e actor de cine arxentino Fernando Birri xunto co xornalista e escritor Eduardo Galeano impartían en Cartagena de Indias, alguén preguntou que para que serve a utopía. A pregunta e a resposta de Birri, elaborada por Galeano, e traducida por min ao galego di mais ou menos o seguinte: 

-          A utopía está no horizonte. Camiño dous pasos, ela afástase dous pasos. Camiño dez pasos e o horizonte córrese dez pasos máis aló. Por moito que camiñe nunca a alcanzarei. Entón para que serve a utopía?
-          Para iso, serve para camiñar.

E digo eu, don Manoel, que certo é que a vida é como unha viaxe dende o berce ata o cadaleito, que coma dicía Homero antes que Kavafis o importante é o camiño e o que acontece mentres o percorremos.

Cando emprendas a túa viaxe a Itaca
pide que o camiño sexa longo,
cheo de aventuras, cheo de experiencias…

Mais non é menos certo que camiños son todos pero non é o mesmo autovía que congostra, corgos que vereas. E mais importante: onde che leva canda seu dos camiños, porque utopía está en ningures, polo tanto collamos o camiño que collamos está ben, porque, se facemos caso da parábola de Galeano, todos os camiños levan a utopía, o Camiño de Santiago ou de Monseñor Escrivá de Balaguer.


E, mire que lle digo, don Manoel. Ulises volta á súa patria, Ítaca. O periplo que haberá de levarlle de volta prolongarase por máis de vinte anos, percorrerá augas mansas e bravas, coñecerá xentes boas a malas, sufrirá a ira dos deuses e a protección dunha deusa, escoitará cantos de mulleres e de sereas, mais ten unha patria soñada onde chegar. O camiño é importante pero sempre que te achegue  onde queres chegar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario