Mire que lle digo, don Manoel! Fai anos lin nun diario a noticia de que un
fato de poetas mais ou menos contestatarios, celebraran en Pontevedra un deses
encontros, non sei se poéticos ou de poetas, a que tan afeccionados son algúns,
ao abeiro dun epígrafe de sete estralos:
“Só a poesía nos pode sacar dos infernos que a intelixencia crea”
E ven isto a conto porque estes días volvín atopar esta frase curta
colocada, non coma é de lei no encabezamento dunha obra, capítulo, parágrafo ou
cousa semellante, senón nun comentario laudatorio nunha desas redes sociais que
tanto aborrezo, malia ter tanto que lles agradecer.
E mire que lle digo don Manoel, que contando co seu permiso e fiado na súa
paciencia que é coma a dun santo, desta volta non penso deixar pasar sen mais
comentario tan perigoso sofisma. Porque detrás dunha premisa atractiva, o da
poesía coma instrumento para mellorar o futuro, ou nas verbas do poeta sacarnos
dos infernos, ven unha afirmación mais que discutible: que eses infernos son un
produto da intelixencia, cando todo o mundo sabe que a intelixencia é soamente
unha capacidade, e que outra cousa ben distinta é o resultado desa capacidade.
Aínda mais: que coma ben di o refrán:
O que sabe onde está o niño
ten o coñecemento, pero o que o colle ten o niño.
E vostede sabe, don Manoel, que eu gusto da poesía coma ás pitas do trigo.
Mellor que ma lean de viva voz, que o que recita a poesía volve darlle vida. Ou
aínda mellor que ma canten, que a poesía enténdese mellor cando se escoita coa
música que leva no interno.
Así que, don Manoel, cante comigo aquela de Xosé Luís Rivas Cruz:
Melra,
melriña, doce asubiar;
trás
daquel valo; fuches pousar;
eu
hei saber-e do teu neal.
Eu hei saber-e do teu neal.
Anque
te agaches no silveiral,
anque
me leves pra outro lugar;
eu
hei sabere, do teu neal.
Eu hei saber-e do teu neal.
Non
teñas medo, non hei roubar,
os
paxariños que qués gardar,
quero
sabere do teu neal.
Quero sabere do teu neal.
Biquiño
rubio, lindo asubiar!,
dime
ónde gardas o teu fogar.
Non
teñas medo, non hei roubar,
nin os teus fillos, ni o teu
cantar.
Comentario dun amigo músico: só a música pode salvarnos das baduadas das poéticas irracionais!
ResponderEliminar