sábado, 4 de agosto de 2018

Escarmentar en cabeza allea.




Mire que lle digo, don Manoel! Din algúns finxidos historiadores que en Galicia tivemos moita sorte porque a oposición ao Alzamento foi moi cativa e a paz estableceuse na totalidade do territorio galego antes de finais de xullo do trinta e seis, o día 26 en Tui ou uns días mais tarde na Gudiña, pero a única vantaxe do fracaso da resistencia armada en defensa da República non foi outra que o verdadeiro obxectivo da eliminación física e moral de todos os que non pensaran coma eles, puidera comezar de xeito mais inmediato.

A idea estaba clara: gañar de novo as eleccións non era abondo: o corpo social da Patria está infectado pola gangrena comunista e libertaria, e o cirurxián terá que cortar aínda do san para asegurar a salvación de España[1].

Foi a igrexa, don Manoel a que deu a orde do golpe? Non digo eu tanto, pero si que o inspirou[2] e alentou, e tomou, salvo moi escasas excepcións, partido polos alzados. Algúns foron quen de manter algo da mensaxe de Cristo en medio do furacán da depuración, pero o noso don José era un dos chacais da manda. E non dos que se acubillaban no grupo, senón dos que destacaban na súa ferocidade e celo perseguidor.

De don José contárame Farruco moitas cousas; algunhas de propia experiencia e outras de díxome díxome. De propia experiencia os seus constantes enfrontamentos cos obreiros do ferrocarril e da súa complicidade coas partidas de falanxistas na persecución, despois do alzamento militar, dos desafectos ao novo réxime, denunciando aos homes cos que antes discutira e delatando os lugares onde se acochaban, e que, a súa tolemia e delirio o levaban a ver inimigos da Patria en calquera veciño cuxo ardor delator fora menor que o seu. Ou que tivera algunhas terras que el cobizara, que, a dicir de moitos, don José quedouse coas fincas de moita xente obrigándolles a testar ao seu favor para non perde-la vida.

Destes feitos, don Manoel, non acredito  súa veracidade, que é historia que se repite con mais dunha parroquia coma escenario e mais dun cura como protagonista, pero coma o merquei o vendo. Segundo este relato, cando algún veciño estaba a piques de dar as tres boqueadas, recibía a visita do cura disposto a darlle alivio espiritual e paz, liberalo dos seus pecados coa unción dos enfermos, e de camiño, xa que andamos nesas, das súas posesións materiais, de nula utilidade na outra vida. E se o moribundo non tiña forzas abondo para pronunciarse nun ou outro sentido cunhas verbas ou un aceno, sempre estaba a man paternal de don José para axudar á cabeza do moribundo a facer o movemento de asentimento que os músculos do pescozo xa non eran quen de dar. E pouco en contra podían dicir os familiares presentes pois, sempre consonte as testemuñas mais ou menos directas, don José seguía a portar pistola ao cinto, coma medida de defensa diante do eventual ataque dalgún fuxido, deses que andaban no monte esquecidos de deus e a legalidade vixente.

A segunda destas historias de transmisión oral ten coma protagonistas ao cura de Cesuris, don Manuel Fernández, o grupo guerrilleiro do Mario de Langullo, e, claro está!, ao noso don José. Don Manuel era, como o noso don José, da caste dos curas que mais se distinguiron nos primeiros meses do golpe sinalando a todos aqueles que eran, aberta ou secretamente, defensores da Fronte Popular e que, consonte as ordes recibidas, debían ser eliminados.

Mario Rodriguez Losada, que marchara aos quince anos a traballar a Bilbao, era sen dúbida un destes que eles chamaban froitos podres da árbore do mal. Militante da UGT, e fillo do alcalde de Manzaneda pola Fronte Popular, estivo no cárcere pola súa participación nos conflitos sociais de Biscaia, e mantivo ese compromiso político ao seu regreso a Galicia. Co fracaso da loita armada fuxiu ao monte con outros compañeiros e veciños onde organizaron unha partida ou maquis, que plantou cara con éxito ao Falanxe e Guarda Civil, de xeito que nin uns, nin outros se atreveran a extremar a persecución daqueles, aos que, para non estendernos na relación, agrupamos baixo o nome de desafectos.

Esta situación era algo que don Manuel non podía soportar. Sobre todo no caso de Juan  Rodríguez, o pai do Pinche como era coñecido Mario na guerrilla, un home  de extrema bondade, que malia a ser alcalde de Manzaneda pola Fronte Popular, era moi querido pola veciñanza, e aínda polas novas autoridades. Así que don Manuel fartouse de berrar dende o púlpito, de dar a prosma a uns e outros, de acirrar a cans e porcos ata que, nove meses despois, en abril de 1937, conseguiu que unha partida de falanxistas de Langullo lle deran o paseo a don Juan Rodriguez.

Din os vellos do lugar que os berros de Mario no monte, cando soubo do asasinato do seu pai, puxeron, na negrura das noites de terror daqueles anos, os pelos de espeto ao párroco e un pequeno hálito de esperanza nos peitos dos perseguidos.

Días despois a partida de Mario tomou a aldea con cinco homes, e detiveron a don Manuel. Parece ser que Mario e o párroco falaron; que Mario pediulle cartos para a causa e que don Manuel negouse; que Mario lle dixo e don Manuel respondeu; que Mario acusou e don Manuel cuspiu todo o seu desprezo polos inimigos de deus; que a Mario fóiselle a cabeza e tirou de pistola; e ao que finalmente fóiselle a cabeza foi ao párroco de Cesuris, xa morto, a mans de outro da partida ao que chamaban O Porco[3].

E queren as lendas non documentadas que ao pouco, mentres o noso don José Rivada, párroco de Campobecerros estaba na casa a ler as sagradas escrituras diante da cheminea, un obxecto esférico rachou o cristal da xanela, e foi rodando polo chan ata deterse nos seus pes.

-          Aí te vai a cabeza de don Manuel; a próxima será a túa!

E mire que lle digo, don Manuel. Que don José xa nunca foi o mesmo. O seu animo decaeu desque decatouse de que para poder andar tranquilo tiña que facerse protexer por unha parella da Garda Civil, que o acompañaban a tódolos sitios que ia misar. Ao pouco don José conseguiu o traslado a Ourense onde continuou a súa carreira de barítono/tenor no Orfeón Unión Orensana ata o seu falecemento en outubro de 1966 aos 63 anos.


NOTA [1]:A acción deberá ser en extremo violenta para reducir canto antes ao inimigo, que é forte e ben organizado. Desde logo, serán encarcerados todos os directivos dos partidos políticos, sociedades ou sindicatos non afectos ao movemento, aplicándolles castigos exemplares aos devanditos individuos para estrangular os movementos de rebeldía ou folgas é necesario crear unha atmosfera de terror, hai que deixar sensación de dominio eliminando sen escrúpulos nin vacilación a todo o que non pense como nós. Temos que causar unha gran impresión, todo aquel que sexa aberta ou secretamente defensor da Fronte Popular debe ser fusilado.” (Emilio Mola. Directrices secretas. Xullo de 1936)
NOTA [2]:Sendo a guerra uno dos azoutes máis tremendos da humanidade, é ás veces o remedio heroico, único, para centrar as cousas no couzón da xustiza e volvelas ao reinado da paz. Por iso, a Igrexa, aínda sendo filla do Príncipe da Paz, bendí os emblemas da guerra, fundou as ordes militares e organizou cruzadas contra os inimigos da fe.” … “Esta  é unha guerra de principios, de doutrinas, dun concepto da vida e do feito social contra outro, dunha civilización contra outra. É a guerra que sostén o espírito cristián e español contra esoutro espírito, se espírito pode chamarse, que quixese fundir todo o humano, desde os cumes do pensamento á pequenez do vivir cotián, no  molde do materialismo marxista". (Cardeal Isidro Gomá i Tomás. Carta colectiva de los obispos españoles a los obispos de todo el mundo con motivo de la guerra en España. 1937)
Nota [3]: Consonte a documentación á que temos acceso, o autor da morte do cura de Cesuris foi Manuel García Rodríguez, o Porco, nado tamén en Langullo (parroquia de Cesuris, Manzaneda), De carácter violento, fixo honra aos alcumes de Verdugo e Sarxento, foi o autor do asasinato do cura de Cesuris e de numerosos atracos. Mario de Langullo acabou por expulsalo do grupo. Agochado dende 1945 na casa de Gumersinda Rodríguez en Placín, foi denunciado pola muller que o albergaba e arrestado o 7 de novembro de 1958 en Pena Folenche (A Pobra de Trives). Xulgado en Ourense en consello de guerra, foi condenado a garrote vil e executado na cadea da cidade o 3 de setembro de 1959.

Ningún comentario:

Publicar un comentario