mércores, 24 de marzo de 2021

Clientes habituais e outras xentes peculiares. (2)



(Fala dona Lola)

Ben me sabe don Paio que lle gustase a historia de Lois, un dos clientes habituais da tenda de Eulalia, a que estaba nos baixos da miña casa na baixada da Estación. E por min non ha de quedar o relatarlle unha, ou se ven ao caso máis, peripecias daqueles habitantes da miña memoria que os anos aínda non lograron esborranchar dela.

E sen máis prólogo, introdución ou limiar, paso a referirlle o asunto.

Xaquín do Quinteiro.

Xaquín, o pai da Flor da miña memoria, era fillo dunha familia de labregos acomodados do Quinteiro. María, a súa nai, era de Basadroa, e Antón, o seu pai, de Artoño onde tiña un serradoiro con  moita actividade que dáballe moitos cartos. A familia vivía nunha boa casa de perpiaño, que estaba moi preto da igrexa de San Cristovo de Borraxeiros. Aínda que na casa había posibles e o mozo fora de neno un moi bo estudante, quebrantando os desexos do rapaz e as recomendación do mestre da unitaria, rematados os estudos primarios Xaquín comezou a traballar co seu pai na administración do serradoiro, recibindo a cambio unha cantidade xenerosa que permitíalle mocear con desafogo, o que xunguido á súa guapura e boa planta dáballe unha chea de predicamento entre as mozas casadeiras da contorna. El a ningunha facía moito caso, porque era home formal e traballador, e conforme ao seu pensamento tiña outras cousas na cabeza que andar a enredar con amoríos que podían acabar en voda non procurada.

Pero ata ao mellor escribán cáelle un borrancho, e esta súa firme determinación e propósito de non deixarse enredar en amoríos, quedouse en viva estampa do dito popular, aquel no que o home propón, deus dispón e a muller todo o descompón. Como lle dixera a súa nai, María de Basadroa:

-  Meu filliño! Tanto fuxir por demais das boas raparigas e vas perde-la a chaveta por unha mala!

Porque a Morena era, para as xentes do lugar, unha mala femia; unha carrañosa, máis sucia que a parrumeira, que andaba pola aldea igual que unha porca de ranchos. E desvergonzada! Que era fama que non levaba bragas nin cando tiña o período, que moita xente lle mirara as pernas manchadas de sangue menstrual. O certo é que a Morena non era unha mala rapaza; un pouco asilvestrada si, e para o seu mal, que era filla de borrachos, e saíra adiante pola fortaleza do seu natural, tan privada dos coidados dos seus pais como un lagarto das silveiras.

Intentar torcer os mandados da natureza é tan inútil coma coller auga nun cesto, e o que ten que pasar pasa. Un día de agosto á volta da festa o viño e o baile fixeron a situación propicia; foi ollar para as carnes pretas da Morena, sentir no fociño a vagada do seu recendo a femia en celo, e percibir como o sangue ponse a bater aloucadamente nos seus pulsos. E na cabeza a vertixe de que todo xiraba ao seu redor non o deixa pensar nas consecuencias de deixarse levar pola enxurrada, que a xente de máis siso é quen, cando o perde, das maiores loucuras. Así que ó que coce e amasa de todo lle pasa. De terra fecunda e boa semente naceu un precioso meniño, ao que puxeron Flor na pía bautismal de San Cristovo de Borraxeiros.

Pasaron os anos e pasaron as calores primeiras. E as batallas amorosas no leito deixaron paso aos enfrontamentos, e as groserías da Morena, ao fin filla das súas circunstancias. Xaquín descubriu con dolor que ningunha outra cousa que a súa Flor uníalle á familia, e comezou a pasar cada día máis tempo no serradoiro e menos na casa. Trabou amizade cun carreteiro anarquista que, sabendo a afección que Xaquín tiña pola lectura, deixoulle un exemplar de A conquista do pan de Piotr Kropotkin, na traducción de León Ignacio para la editorial valenciana de Francisco Sempere. Aínda que as ideas libertarias eran demasiado para un pequeno burgués de corazón como Xaquín, o libro abriulle a mente a novas lecturas e novas amizades, singularmente as os agraristas de Solidaridad Gallega, ás xentes das Irmandades de Fala e ás do Partido Galeguista, e segundo me contaran participou con eles na Pelegrinaxe ao Candán de agosto do 33, a homenaxe ao 25 aniversario da Sociedade Fillos de Silleda, onde tamén estiveron persoeiros de moita sona como don Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Suárez Picallo, Blanco Amor, Ramón de Valenzuela e Antón Alonso Ríos, aquel que foi quen de librarse das poutas dos alzados facéndose pasar por un esmoleiro portugués: o “Siñor Afranio”.  

Esta mínima militancia, e ao mellor algunha xenreira de vello, costoulle a vida. Unha noite do inverno do 37, un sarxento da Garda Civil e uns falanxistas de Lalín o levaron de casa para, segundo eles, tomarlle declaración.

-  Tranquila miña rula! Volvo decontado! −díxolle á cativa.

Pero nin Flor, nin a súa nai A Morena, o viron nunca máis con vida. Un cazador atopouno medio comesto polos lobos e con catro tiros no peito e un na caluga, nas fragas do Farelo. E a probe meniña nunca máis puido escoitar dos beizos do seu pai aquela cantiguiña coa que tanto lle gustaba que a arrolara cando se ía a deitar:

O carballo dá bugallas,

e o castiñeiro ourizos.

Os ollos da miña nena

para min sonche feitizos

Ningún comentario:

Publicar un comentario