sábado, 20 de marzo de 2021

Clientes habituais e outras xentes peculiares. (1)

 



(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! Arredor da tenda de Eulalia, a que estaba nos baixos da miña casa na baixada da Estación, viven na miña memoria moitas xentes peculiares. E moitas historias como as que xa lle contara da muller grosa coa face suorenta arfando de angustia porque íase polas patas abaixo. Ou a do garda civil de aduanas e a señora Virtudes. A do señor Amaro o inspector de Facenda e o pouco siso da señora Pilar. E aínda a de Trotski, o can de raza indefinida, a parella de periquitos sen nome, e Linda a gata obstinada en manter a súa felina independencia. E voto unhas risas lembrando ao meu irmán pequeno facendo saíres a gata de debaixo dun coche aparcado, imitando con especial acerto o ruído do motor ao poñerse en marcha.

Lois que tiña unha perna soia.

Outros clientes habituais da tenda dos que gardo boa memoria, eran a señora Lola e o Lois o seu home, un daqueles que chamaban cabaleiros mutilados porque perderan na guerra algún membro do seu corpo ou a súa utilidade. Por suposto sempre que tal incidente sucedera loitando no bando correcto! O dos vencedores! Cousa que algunha xente do barrio poñían en dúbida; algúns dicindo que no seu momento dera vivas á República, e outros que perdera a perna doutro xeito menos honroso. Nada diso tiña máis fundamento que rexoubas de maledicentes, que eu ben sei pola testemuña do meu pai, que tiveran que cortarlle a perna dereita nun hospital de campaña da fronte de Teruel, por mor da gangrena que estivo a piques de levalo por diante. Aquela morte non sucedida fixo de Lois un home de talante optimista fronte a tódalas dificultades. Algareiro e divertido, Lois traballaba na inspección da lonxa de baixura do Berbés, a única regalía que admitira pola súa discapacidade, e o seu bo carácter e notable disposición para axudar aos demais ganoulle moitos amigos entre a xente da pesca, co que na cociña da señora Lola nunca faltou peixe fresco. Lois estaba decidido a gozar daquela vida que o médico militar regaláralle cortándolle á perna polo fémur, bailando como o cadelo da cantiga “a muiñeira nunha perna soia” ou choutando por riba das lapas das fogueiras de San Xoán mellor que calquera rapaz, como se en troques de perna esquerda tivera un resorte. Un día deulle un mal aire e foise apagando aos poucos como a luz dunha vela. Cando tan mal se viu, aínda tivo rexouba abondo como para dicir aos amigos que o ían visitar:

-   Cando o mal é de morrer o mellor remedio é a morte!

E nun derradeiro alarde de humorismo gallofeiro deixou encargado á súa señora, e futura viúva, Lola, un epitafio para gravar na súa lápida:

Vin a este mundo chorando, e todos rían. 

Marcho e todos choran. E son eu o que ri.

Ningún comentario:

Publicar un comentario