— Que pensen de min o que queiran, pero a música é máis importante que as matemáticas ou a física! —seica proclamaba aos ventos microfónicos, eufórico e moi pagado de se mesmo, un destes popes da Cultura Oficial.
Pois pensaremos, meu, pensaremos! Que se coidas que porque ti nos permitas ter ou non ter unha opinión sobre a túa declaración de principios ímosche facer caso, aviado vas! Por moito que saias na tele en moitos sisudos programas deses que chaman de opinión.
Non teño que dicirlle, don Manoel, o importante que sempre foi a música na miña vida. Correndo de neno detrás de canto gaiteiro pasaba polas rúas de Bouzas primeiro, e nas cubertas dos bous de altura co Tiniño o “Averomar” despois. Aínda máis! Recordará don Manoel que, despois de moito esforzo, fun quen de facer sonar con certo aquel a gaita do Marcial que o Tiniño me deixara en agasallo antes de marchar con destino descoñecido. Fun e son, que aínda saio tódalas semanas a tocar unhas pezas cos amigos, ben é certo que non nesta nosa taberna do Mincha, que a gaita é instrumento que quere horizontes máis abertos. Pois con todo e con esas, non sería quen de establecer tales prioridades entre unhas e outras materias. Nin sería quen nin tampouco creo que haxa motivo razoable como para ter que desprezar unhas en beneficio doutras. Parece que esta sociedade nosa xira arredor do culto á ignorancia e a mediocridade, e que o verdadeiramente democrático consiste en admitir que a túa ignorancia é tan válida como o meu coñecemento.
Recordo o día no que coincidiron na taberna o Damián e o Breixo. Damián, xa sabe! Aquel poeta minimalista que traballaba na asesoría do meu amigo Antonio, e que de tanto procrastinar arreo non preparara nin tan sequera a primeira das oposicións de instituto. Do Breixo pouco máis lle contara que aquela anécdota súa nas primeiras eleccións democráticas no que puxera firmes á Garda Civil e mandara ao sobre do lixo todo o voto recluso e presidiario de AP e a UCD. E non que o Breixo que daquela estaba a estudar na Facultade de Física da USC, era a estas alturas un experto na cousa esa das partículas elementais. Por unhas cousas ou outras, o viño Monterrei ou se o polbo quer máis o menos picante, Damián e Breixo acabaron tecendo unha conversa sobre temas insubstanciais que, despois de dar máis voltas cunha corredoira acabou por intentar analizar as bondades e inconvenientes que a ausencia na taberna dun receptor de televisión tiña.
— Non todo é malo na televisión! —argumentaba o Damián.
— Certo! —respondeu Breixo. —Nada é malo nin bo sempre. Pero tampouco é mala unha lavativa e non creo que unha taberna sexa o mellor sitio para poñerse unha!
Ao Damián esta oración comparativa do Breixo, na que equiparaba a televisión cunha lavativa, con todas as imaxes escatolóxicas asociadas a tal metáfora, deixouno momentaneamente sen goberno, cos miolos dando máis voltas que unha estornela intentando forxar unha resposta que estivera á altura da complexidade do concepto. Menos mal que o ter unha cunca a man axuda moito nestes transos, e a inxestión dunha boa cantidade de fluído alcohólico fornece o necesario tempo de reflexión para ordenar ás ideas na procura dunha resposta axeitada a tan brillante cotexo.
— Eu, coma vostede, abomino de toda esa televisión de vísceras e miudanzas...
— E soamente desfruta cos documentais da dous, verdade? —retruca o Breixo, lizgairo como gato polas brasas.
Teño que recoñecer, don Manoel, que adoro estas confrontacións dialécticas! Pero que sexan en vivo e en directo, cos protagonistas de carne e ósos, non eses actores de raios catódicos, editados e conxelados nunha gravadora, personaxes de cartón pedra que recitan sen convicción un diálogo que alguén escribiu para eles, enfrontamentos preparados para o desfrute de ximnastas de sofá, e máis falsos que un duro de madeira! Mágoa que o Breixo sexa rival demasiado preparado para dar un bo combate. E Damián non é parvo e decátase decontado. E meu dito, meu feito, da cabo ao que quédalle de viño na cunca e sae apresuradamente pretextando un traballo urxente.
Quedou ceibe o Breixo para quen quixera prender con el o rabo da conversa e vin a miña oportunidade de preguntarlle a súa opinión arredor das importancias das ciencias e das letras na felicidade das persoas.
— Pois non sei que lle diga, meu amigo! Nunca fun quen de entender as razóns polas que, se ninguén dos físicos, matemáticos, astrónomos, biólogos e bioquímicos, médicos, xeólogos, enxeñeiros e o resto de practicantes de calquera das ciencias, de cuxa amizade me honro, menospreza a importancia da música e da literatura nas súas vidas, non resulta vergonzoso para algunhas das xentes que se denominas a se mesmas como “da cultura”, presumir da súa ignorancia científica.
Explicoume que, na súa opinión, as matemáticas e a física, ou mellor dito o mal que se explicaban as dúas materias, tiñan moito que ver con tal actitude de rexeitamento que polas ciencias tiña certa xente que nelas fracasara, e aproveitaba as posibilidades de escape que o sistema educativo dáballes para procurar non volver atoparse con elas. Faloume tamén da súa propia experiencia no eido da investigación, e de como, calquera científico, calquera técnico, necesita imperiosamente manexar con destreza os coñecementos tradicionalmente considerados como “non científicos”
— O coñecemento é un todo. Non hai parcelas “de ciencias” e “de letras” que cultivar separadamente. E tanta cultura é saber construír un soneto como resolver unha ecuación diferencial.
Tras unha breve interrupción para tomar alento (e unha tallada de polbo), continúa dicindo o Breixo:
— E a investigación, meu amigo, é un proceso que require, ademais de definir unha boa cuestión previa, unha boa planificación dos pasos para seguir e avaliación precisa dos recursos que vas necesitar, unha comunicación dos resultados en distintos idiomas. Necesito traballar en equipo con outras xentes doutras realidades e convencelos para traballar xuntos na procura de resultados. Non podo investigar sen chegar a conclusións. Non podo investigar sen comunicar estas conclusións. E como podo informar deses resultados se non son quen de manexar axeitadamente as ferramentas de comunicación oral e escrita?
E mire que lle digo don Manoel! Que se a universidade ten tal nome é precisamente por iso: por entender que o coñecemento é universal. Malia que xa no medievo viñera a igrexa a corrixir aquel primeiro impulso dividindo a secuencia de aprendizaxe naqueles trivium, a gramática, retórica e dialéctica, e quadrivium, a aritmética, astronomía, xeometría e (manda carallo!) a música. O certo é que chamar “humanidades” ao Arte, Literatura, Historia, Teoloxía, Filosofía, Filoloxía, Lingüística, Semiótica e Semioloxía, como se o resto de coñecementos foran alleos ao ser humano é un pouco discriminatorio de mais. Como dicía o noso Breixo antes de apurar o último grolo de monterrei:
— Levo toda a puta vida estudiando para poder ter unha opinión sobre un tema moi específico, e canto máis estudio menos seguro estou da miña opinión! A xente do común cre que os científicos manexamos certezas, cando a materia do noso traballo é a dúbida!
Xa ve don Manoel! Verdades coma pancenteos!
— Pero ti non eras un científico!
— Son. E por iso non estou seguro de nada.
O tocar require estudo.
A cantar hai que aprender.
Ao que anda polo mundo
Todo lle compre saber.
Ningún comentario:
Publicar un comentario