martes, 23 de agosto de 2022

A tía Asunción (2)

              Foto de José Suárez

Mire que lle digo don Manoel! Cando a miña nai marchou da súa casa a servir de cociñeira na dos Palau, farta de aturar ao seu pai Fadrique (para o que non puideron escoller peor nome que poñerlle na pía do bautismo [1]) era consciente que deixaba atrás a estabilidade económica que a pertenza á familia dun armador dunha dorna do xeito como a Andoriña podía proporcionar naqueles anos, pero tamén o pouco aprecio do pai, pouco cariño da nai, e a indiferenza dos irmáns.

Seguro que é unha trapallada de vellas avoas sen moito quefacer, pero existe unha antiga crenza segundo a cal en toda familia con dous fillos sempre hai un listo e un parvo, e en toda familia con dúas fillas unha guapa e unha fea, e na casa dos meus avós crían ao pé da letra en tal proposición. Polo menos no caso das fillas, que para os fillos era un pouco máis complicado de establecer posto que, como xa explicara antes, os meus tíos Xaime e Xacobe eran xemelgos.

Con estes vimbios non é de estrañar que a miña nai Peregrina tivera moi mastigado, tragado e dixerido que era unha muller fea e sen outros atractivos que o seu traballo de atadora ou de cociñeira. Tal pensou ata que un día da segunda quincena de xullo, nas festas que a igrexa se empeña en dedicar á devoción ao Cristo dos Aflixidos, coñeceu ao home que sería o meu pai.

Pouco teño que contarlle das Festas de Bouzas a un insigne boucense coma vostede; ben sabe que estas celebracións son no fundamental, por moito que a igrexa o queira disfrazar, ceremoniais pagás de celebración da ledicia de volver con vida a casa, e non pertencer ao grupo dos que quedaron nas súas profundidades para alimento dos diversos monstros que o mar alberga. Xa sabe don Manoel que Atenea, Isis, Sirio ou a virxe do Carmen, non son máis que as divinizacións de esa estrela que escintila na soidade e negrura do inmenso mar, estrela que, se nos encomendamos a ela con férrea e sólida fe, tomará o leme da nosa lancha para guiarnos co seu resplandor de volta ao fogar. Pouco máis don Manoel, que foi nesas festas onde a miña nai, quero pensar que baixo a luz do espectáculo pirotécnico, viuse por vez primeira fermosa nos ollos dun home, o seu namorado, un home que levaba na cabeza todos os vellos poemas de amor da biblioteca do Pazo dos Lira, na rúa dos Ferreiros.

Aínda que ben sei don Manoel, que ninguén é quen de contar, ou imaxinar sequera, como foron as primeiras verbas de amor dos que logo serían os seus pais, quero pensar polo pouco que a vida me deixou desfrutar dos dous, que aqueles amores santos serían, pero seguro que non como os santos da igrexa que viven sen comer! E ao seu cumprido tempo fomos chamados á existencia este que lle fala, unha rapariga a que bautizaron como Hilaria por non poder poñerlle Ledicia, e os pequenos Froilán e Digna, xemelgos como os seus tíos Xaime e Xacobe, continuando a tradición familiar.

Cando a miña nai casou con aquel ilustrado orfo do mar que pouco tempo despois sería meu pai, non quixo deixar o seu traballo na casa dos Palau, como fixeran tantas outras rapazas nas súas mesmas circunstancias. Nin cando casou nin tan sequera cando quedou encinta dos seus sucesivos fillos. O traballo daba independencia á familia asegurándolles a entrada duns ingresos naquelas frecuentes ocasións nas que o meu pai pagaba co seu despido o seu compromiso sindical.

Chegou o golpe de estado da caverna. Ese cruento alzamento instigado pola reacción, bendicido pola igrexa e executado por un Exército sen honra [2], que levouse por diante a todo canto de bo e positivo comezaba a agromar no país grazas ás tímidas reformas da República; meu probe pai incluído! Chegou o golpe de estado traendo no seu libro de instrucións a destrución física e moral do adversario, as mascaradas de defensa da legalidade, os arremedos de xuízos, tan sumarísimos todos que nin conato de farsa se molestaban en montar; e as denuncias de fillos a pais, de irmáns a irmáns, de veciños por unha linde ou unha mala mirada; e as sacas e os paseos, e os cadáveres tirados nas cunetas como bonecos desamañados; tirados ben a vista, sen xuíz nin forense que os levante, sen policía nin Garda Civil que investigue os executores do asasinato, que non hai nada que investigar que todos sabemos quen foi o autor.

Cadáveres tirados nas cunetas, ou como o do meu pai, na encosta que leva ao túnel que cruza por baixo a carreteira de Samil; cadáver grazas ao que a miña nai entendeu que aquela nova igrexa de sacerdotes de pistola ao cinto e correaxe militar por riba da sotana que acirraban aos cans da morte dende os púlpitos prometéndolles a gloria eterna á destra de dios padre, e tantas máis indulxencias plenarias cantas más cabezas cortaran á hidra roxa, non era en forma ningunha na igrexa de Cristo á que ela se unira; a igrexa que sostiña que era vontade de deus que uns homes foran ricos e outros pobres, e que loitar por mellorar a vida dos demais era froito da arrogancia dos homes e a soberbia do demo intentando torcer a súa vontade, non podía ser en forma ningunha á da miña nai.

Coa disputa da miña nai con don José, a conta a súa determinación de non atender aos desexos da miña nai dándolle sepultura no camposanto aos restos masacrados do meu pai, e a súa renuncia e abxuración da fe nunha relixión baseada nun deus crucificado sedento de sangue e de vinganza, deu como resultado inmediato a perda do seu emprego na cociña casa dos Palau, e o baleiro social dunha sociedade aterrorizada coa onda de irracionalidade e vesanía que impregnaban as detencións e desaparicións.

A unha muller como a miña nai con catro fillos que manter e un carácter labrado a mallo e escoupro como couzón de porta de pazo, a perda do traballo na casa dos Palau non ían desanimala. Petou en moitas, moitas portas, pero a sombra da sotana de don José mete moito medo nos corazóns, e todas son desculpas, evasivas e pretextos sen fundamento. “Alento, alento e non desalento”—dicía para si a miña nai a cada porta coa que lle daban nos fociños. “Filliño, isto é como botar auga ó mar”—dicíame os dous primeiros días, cando chegaba a casa derreada. “Non teña pena miña nai—contestáballe eu—que ben sabe que vento, tempo, lúa e fortuna, axiña se mudan”. E digo ben porque ao terceiro día, cando chega baldadiña de correr arriba e abaixo polas rúas da vila na procura do traballo, estanlle a agardar uns poucos homes; os máis afoutados daqueles compañeiros polos que deu todo, incluso a vida. Traen nunha patela a ofrenda dos mariñeiros do sindicato: o mellor peixe, escollido do quiñón de cada un deles.

Na terra e no mar,

afoga o que non sabe nadar.

֍֍

Dous amores no meu peito

viven para o meu pesar:

o da mociña que quero

e o do traballo no mar.



[1] O nome propio masculino de Fadrique é una variante, na actualidade case en desuso, de Federico, a súa vez derivado de Friedrich. O seu significado é «aquel que impón a paz», «o que goberna para a paz» ou «príncipe da paz». Provén do antigo xermano Frithureiks, de frithu, paz, e reiks, xefe. Está claro polo que levamos relatado que o avó Fadrique gobernar gobernaría, pero non para a paz!

[2] Azaña quería un exército moderno, profesional, eficaz e cívico. E tamén máis republicano. Por iso, un dos seus primeiros decretos, do 22 de abril, obrigou aos xefes e oficiais a prometer fidelidade á República, coa fórmula: «Prometo pola miña honra servir ben e fielmente á República, obedecer as súas leis e defendela coas armas».

Ningún comentario:

Publicar un comentario