venres, 9 de marzo de 2018

A obriga de ser feliz



Mire que lle digo Don Manoel! Xa dicía o fillo da señora Carme que o papel o aguanta todo sen rosmar! Non sei ben se pola súa natureza vexetal ou pola propia condición e temperamento, pouco dado ao estudo das técnicas de descifrado dos xeroglíficos que os animais, de pelo o pluma, bípedes ou cuadrúpedes, dotados ou non de coñecemento, siso e xuízo, decidan gravar no seu lombo, como ben evidencia o feito de que a proba mais antiga da existencia de papel consiste nun feixe de cartas que unha esposa escribiu ao seu marido, un mercador da Ruta da Seda:

“antes casada cun porco ou cun can que contigo”

Mais ben sabe don Manoel, que o meu temperamento pouco ten que ver coa mansedume do papel. Que a estulticia e a ignorancia disfrazada de sabedoría, aínda aos meus anos, seguen a acabar coa escasa paciencia coa que a miña nai tróuxome a esta terra. Lea isto que aquí lle traio, e non me diga que o que di sonche cousas que a excesiva libación de fermentados e destilados, as festas de nadal teñen coma froito inescusable:

Lembrade que a única obriga que tendes para este ano é ser felices e que parte da felicidade a dan os libros.

Aí falaches rapaz! Ser felices coma única obriga! Non loitar por procurar a felicidade propia e allea, non. Ser felices! Así sen mais! Coma un estado de estupidez suprema ao que se chega polo simple feito de ter. De ter cartos, de ter saúde, ou de ter un golpe de sorte no que a felicidade ven incluída baixo o celofán! Nada de camiños cheos de exixencias coma pedras de punta, de vidas inzadas de actos acordes aos nosos valores e principios! A felicidade coma un dereito constitucional polo feito de nacer nunha terra e non en outra!

E aínda mais! A felicidade atópase nos libros. Non está claro se compre lelos ou chega con mercalos. Tampouco se aclara qué tipo de libros son os que a traen incluída: se son os libros de auto axuda, os de fantasía e misterio, ou os das vidas dos santos.

E mire que lle digo, don Manoel! Teño para min que se un libro pódese ler sen que o seu contido provoque en ti mudanza ningunha, non paga a pena tomarse o traballo, que os libros, cando están de verdade vivos, morden e rabuñan, feren e curan, afogan e dan folgos, confortan e desacougan, e son a guía imprescindible na procura da felicidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario