Mire que lle digo, don Manoel! Ben sabe vostede que mentres me cheguen as
forzas hei de saír á rúa a loitar polo que considero xusto! Que quero mais que
a parca me colla na rúa protestando que apampado diante do televisor! Así que
se non me veu na manifestación dos xubilados foi porque, ende ben!, había xente
abondo como para que os encontros foran froito da casualidade mais que da pouca
asistencia.
A quen si que atopei foi ao seu amigo limiao, o Tavo, que moito fíxome rir cos
seus contos e socedallas. Un destes, que puxen por escrito por mor da pouca
memoria que as veces teño, pertence por dereito propio á categoría dos sucedidos.
E dígolle isto, non porque eu pense que a realidade teña mais valor que a
fabulación, que o que enxeño enxeño é, senón porque narrador e ouvinte concordamos
na opinión de que o relato describía de xeito sublime a esencia da alma galega
e as súas contradicións, como enxergará decontado ao escoitar.
Conta o Tavo que nun día de votacións do pasado recente, chegou a unha aldea
da que non imos dar o nome, un autobús que o partido corrupto, cada quen que
lle poña o nome que guste, enviaba por parroquias, aldeas, vilares e casais, a recadar
aos indecisos con dereito a, que non capacidade de, voto. As xentes do lugar ían
subindo paseniño ao autobús pola porta dianteira onde un interventor do
partido, todo endomingado e con garabata, entregáballes un bocadillo e un sobre
pechado cunha papeleta dentro. Unha das mulleres, mais curiosa o mais
inconsciente, intenta abrir o sobre electoral para comprobar o que hai dentro.
O interventor, todo alporizado, diríxese a ela nestes termos:
- Alto
aí, miña señora! Que é o que pensa que está a facer? E que vostede non sabe que
o voto é secreto?
E mire que lle digo don Manoel! A mulleriña non deu nin chío. Pechou de vez
a boca e o sobre e foi sentar no fondo do autobús, o mais lonxe que puido da
porta onde aquel home cun traxe tan bo, e tanta sabedoría lle tivera que
recordar os dereitos fundamentais que a Constitución consagra!
Goberna
ti, goberne el,
todos
queren gobernar.
Ou
ó goberno ten mel,
ou
non mo sei explicar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario