domingo, 9 de setembro de 2018

Meu caldo, meu grelo!


Mire que lle digo, don Manoel! Temos cinco dedos na man e ningún deles é igual. Todo o que de pequeno e mirrado tiña o Farruco o tiña o seu irmán Antón de groso e desmedido no xantar e beber. Non sei ben se coma din, o nome fai á persoa ou a persoa fai o nome, pero o de Antón éralle ao irmán do Mincha moi ben acaído. Tanto que aínda nun pobo como Bouzas, experto como poucos en alcumar, aínda non foran quen de poñerlle mellor adeallo, que o noso Antón era talmente como o porquiño de tal nome, que anda solto polas rúas sen mais actividade coñecida que comer e beber de todo o que lle dan os veciños do lugar.

Antón, como outra moita xente nesta nosa terra, era da confraría dos adoradores do porco, e aínda que non facía desprezo dun bo polbo, ou uns chinchos fritidos, a súa comida cotiá tiña que conter, queiras que non queiras, un bo prato de tal manxar. Morro, orella, cacheira, raxo, solombo ou lacón, calquera parte do cocho era boa para o Antón sempre que as patacas non faltaran!

E de sobremesa, era de tódolos taberneiros sabido, un caldo. De verza ou de grelo se era o tempo, que un caldiño para rematar o xantar quenta o bandullo e mellora a dixestión. Tanta era a afección do noso Antón ao caldo, que algúns contaban, xurando que tal cousa sucedera na de Euloxio, na da Maruxa ou na de Pinzás, que niso non había acordo, que un día que faltou o caldo foi comerlle a encaldada aos marranchos.

Mais, como ben sabemos os que compartimos tal afección, o proceso de dixestión das receitas tradicionais, e o caldo de nabiza de xeito especial, provocan no común dos mortais fenómenos de  meteorismo asociados, como explican os expertos, aos procesos de  fermentación provocados polas bacterias que compoñen a flora intestinal. Se a isto engadimos a cantidade de aire tomado de forma natural na mecánica de sorber o caldo dunha culler, teremos unha pequena idea do volume de gases que poden chegar a estar presentes no tracto intestinal dunha persoa normal e, cunha sinxela multiplicación, o que o Antón podía chegar a acumular de hidróxeno, dióxido de carbono, e outros gases mais perigosos como o metano e os derivados do xofre.

A cousa é, que unha noite na que o Antón saía dunha paparota mais cargado que un vello gaiteiro, tivo un mal encontro coa parella de garda civil.

-          ¿Alto, quién va? –di o garda con voz baril.
-          Son o Antón, ho! Que sodes parvos ou estades cegos?
-          ¡Identificación! –berra o número, xa un pouco anoxado

Daquela o Antón, un pouco farto xa da situación, responde cun peido descomunal.

-          Aí a tedes. E ademais con firma!

E, mire que lle digo, don Manoel! Os gardas, que non eran de aquí, ben se deixa ver, levaron ao Antón ao cuartelillo, pero cando lle contaron os motivos da detención ao comandante do posto o home, que si era de aquí, non puido parar de rir ata dez minutos despois. Ben é certo que, para que a autoridade dos gardas non quedara menoscabada, o comandante do posto fixo entrar ao Antón nun calabozo, pero tomando a precaución de non pechar a porta, achegar a cela dúas cadeiras e unha botella de licor café que lle trouxeran de Toén, da que, di a veciñanza que nestas vilas sábeno todo, ao amencer xa non quedaba nin pinga mentres cantaban aquilo de:

Meu caldo, meu grelo
Teño un gran pracer en velo!
Nada hai mais rico co caldo,
Co caldo do grelo, do grelo do nabo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario