domingo, 16 de decembro de 2018

O conto da leiteira



Mire que lle digo, don Manoel! Tamén a min berrábame a miña nai cando se me pegaban as sabas aquilo de “arriba rapaz que xa pasaron as leiteiras!” Porque daquela esas mulleres de braveza que traían acotío o leite a vilas e cidades eran para todos nos exemplo de forza, prontitude e dilixencia, fonte de información en ausencia de diarios especializados, e espertador de noctámbulos e xentes de mal vivir co tinguilear das súas caldeiretas.

Entre todas aquelas leiteiras doutro tempo veume agora as mentes unha rapaza farruca e garrida coma ningunha: a Carmela do Xuncal! Tódolos días dende ben noviña a Carmela viña dende o xuncal de Navia, ou de san Paio como diciamos entón coa teima santeira que asolagara os nosos falares despois da derrota, traer o leite as mellores casas de Bouzas, que tiñan en moito a súa puntualidade, honradez, probada rectitude de comportamento, e, o mais importante, calidade do leite fornecido. Carmela vivía coa súa nai, nun cacharufo medio derreado que estaba preto do camiño do Xuncal, de onde lles viña o nome á familia.

Familia só de mulleres, avoa, nai e filla, como tantas outras na nosa desventurada terra, de mulleres vestidas de interminable loito as maiores, e de farrapos as pequenas. Familias de viúvas de vivos ou mortos, as maiores, e de orfas de vivos ou mortos, as pequenas, que cando os homes marchaban a procurar unha nova vida alén do mar ninguén dos que quedaban na terra sabían deles ata que volvían cheos de cartos. Que poucos tiñan valor abondo coma para retornar, como o home do debuxo de Castelao, a morrer canda os seus; os mais esvaécense na calada da brétema do tempo e a distancia, sen enviar mais pegada que a que deixan no corazón dos que esperan contra toda lóxica.

Nai e filla defendían a vida cunha unha única vaca rubia, mais marela que vermella, de pouco pero saboroso leite, á que chamaban a Parrula. Carmela mercáballe o leite a outras casas dos arredores pero o leite da Parrula ía sempre separado do resto e nunca mesturábase co das demais, reservado para aquela casa onde había un cativo doente ou que necesitaba de especiais coidados. O camiño que leva dende san Paio a Bouzas e maiormente chan. Costa arriba ata o cruceiro e costa abaixo dende alí. Media hora a paso vivo. Pero non tan doado de facer para unha rapaciña lanzal cando vai cargada con dúas caldeiretas, unha no molido da cabeza e outra no cadril.

A xeira de Carmela comezaba antes do canto do galo. Muxir á Parrula, tomar unha parva de leite mazado cun pouco de pan reseso, recoller cunha canada as sobras do leite das casas veciñas na caldeireta grande, torcer o molido e aprestarse a saír co primeiro raiar do sol camiño a Bouzas. E sorte tiña de ter vendido nas casas fixas todo o leite que levara, que outras compañeiras, de peor sorte, ou peor leite, tiñan que percorrer as rúas de Bouzas ao berro de “Leite. Quen merca leite?” e ter que cobrar no momento en troques de por semanas, que deste xeito o diñeiro rende máis!

E precisamente nun encontro que tivo a Carmela neste camiño cun fregués habitual da nosa parroquia do Mincha, Nicasio levaba por nome e cuxo apelido non hei de dar, por ser seu pai un daqueles servidores da patria que se fixeron armadores cos barcos roubados aos mariñeiros galegos de Trintxerpe, aquel distrito de Pasaia que neses anos algúns chamaban a quinta provincia galega e outros  o “Buraco bolxevique”. Neste encontro, na versión de Nicasio, e enfrontamento, liorta ou retesía, na de Carmela, comeza o noso particular conto da leiteira. Conto que, como a totalidade dos contos da tradición oral, ten centos, senón milleiros, de versións que, se ben coinciden no fundamental, presentan fortes desemellanzas nos tempos, lugares e aínda protagonistas. A versión que estou a piques de relatarlle está feita arredor da que contou o propio Nicasio na taberna do Mincha, con algún que outro retrinco doutras versións das moitas que escoitamos doutras xentes que por unha razón ou outra paraban na taberna con gana de falar. Aínda que, don Manoel, antes de ir mais aló debera advertirlle que o noso protagonista tiña por alcume “Nin casio” por mor do pouco creto que merecían ás súas historias!

Din que fillo de porco marrán seguro, cousa que non era de todo certa para o noso Nicasio, que era carallán e fandangueiro pero sen chegar nin de lonxe á maldade do seu pai. Mais ben era daquela caste de mozos que nunca se deitaban tarde; porque deitar deitábanse de mañá, pero da mañá do seguinte día. Un daqueles, en resumo, que á hora de tomar decisións, fanlle mais caso á cabeza de abaixo que á cabeza de arriba.

Conta o noso Nicasio que tiña daquela un “Citroën 11 lixeiro” co que recorría toda canta corredoira había nos arredores da vila e mais aló, por ver de entrar nas saias das mozas como o raposo nos poleiros. Regresaba dunha destas cacerías cando topou no camiño dos Casaliños coa Carmela cargada co seu leite. Ao pasar canda ela miroulle para a cara que pareceulle talmente como a dun anxo. Miroulle pras pernas e os peitos, firmes como dúas mazás, e aínda que viña co depósito baleiro despois dunha noite movida decidiu parar e falarlle.

-          Bo día rapariga! Onde vas tan cargadiña?
-          Bo día meu señor. Ben sabe vostede onde vou. Levar o leite á súa casa, por non entrar en mais miudezas!
-          Tesme que perdoar, non che teña visto antes.
-          Tampouco é que o señorito estea tan cedo na casa … Nin que atenda pola porta de servizo!

Ao Nicasio fíxolle graza a desenvoltura da rapaza e insistiu na oferta.

-          Sube muller que che aforro a camiñada!
-          Non sei eu …
-          Sube muller, que a estas horas ninguén vaiche ver!

Así que Carmela subiu. Deixou unha caldeireta no asento de atrás e a mais pequena onde ía o leite da Parrula suxeito entre as súas pernas. Conta Nicasio que aquel recendo ao leite mesturado co de rapariga nova acendeulle de novo o desexo e argallou un quefacer para facerlle as beiras á fermosa leiteira.

Compre sinalar que o Citroën 11 lixeiro sedán” tiña 3 velocidades non moi ben sincronizadas, e a perna esquerda de Carmela quedaba ben preto da panca do cambio, así que nestas de escoller a mais axeitada para as complexidades do camiño, o Nicasio aproveita para tirarlle da saia para arriba. A rapaza remóvese inqueda pero non dá chío. Nicasio sinte a paixón subíndolle pola entreperna coma unha lapa alancando pola palla seca e decide avanzar coa man cara ao seu obxectivo.

-          Saca de aí esa man que vas levar unha labazada que vas a quedar sen dentes!
-          Ten compaixón de min! Mira como me puxeches, que a teño coma a dun burro!

E sen mais colleulle a man e púxolla sobre os seus xenitais. Ela deu chimpo no asento pero non retirou a man. Baixouna un pouco de onde o Nicasio lla puxera ata chegarlle aos testículos, e de súpeto, apertándollos con man de ferro díxolle con voz mainiña:

-          Agora ti e mais eu imos ser boíños e deixar que as cousas non vaian mais alá. Vasme levar ata a entrada de Bouzas e alí ti colles polo teu camiño que eu collerei polo meu.

E o Nicasio ría a cachón lembrando que a Carmela marchara cantando baixiño aquela de:

Tan bo camiño ti leves
como o caravel levou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario