Mire que lle digo don Manoel! Que xa era ben tempo que volvera a esta xa
nosa taberna a súa muller, que o ben feito ben parece e labor esmerado non quer
presa. Albízaras e parabéns por tan sisuda decisión! E calo sen máis
reviravoltas, que ao pouco falar chámanlle labrego, e que oír, ver e calar son
cousas de apreciar!
(Fala dona Lola)
Escoite e verá don Paio! A tenda de Eulalia, da que vai o meu relato, estaba
nos baixos da miña vella casa da baixada á Estación. Ben pretiño do Recreo, a
taberna da rúa Urzáiz da que me fala; a que que nos anos vinte rexentaban Benito
Alonso e Anxelina Montero, os pais de don Xesús. Don Xesús Alonso Montero, por
suposto! Xa sabe! Ese rapaz de noventa anos, cantareiro e falador que gusta de
levar a contra aos que din del que é comunista.
-
Xa me
gustaría a min, chegar a tan alta cualificación! -escoiteille dicir moitas
veces! As máis delas elevando unha cunca de viño a xeito de consagración da súa
firme determinación de cumprir algún día, non moi afastado, este inquebrantable
desexo.
Eulalia, así sen o dona diante, que daquela poucas tendeiras levaban o
trato de respecto; Eulalia, dicía, nacera na vila de Arcade, terra de moita
sona pola calidade dos seus bivalvos, ostras, voandeiras e berberechos, e na
súa mocidade exercía de croqueira [1]
polas rúas de Vigo. Esta viaxe cotiá no ferrocarril de Arcade a Vigo, esa tan
demorada espera na Estación de Vigo para coller o tren de volta, deu ocasión a que
un rapaz de Monforte que traballaba nos talleres da RENFE, ollara por ela, e quedara
tan enguedellado no seu feitizo que en pouco tempo levouna ao altar e, co
produto da venta dunha leira que a súa familia tiña nas terras de Lemos, lle
puxera a citada tenda en tan frecuentada rúa.
Moitos tesouros había para nos os nenos naquela tenda, pero ningún deles
resistía a comparanza cos tebeos! Tebeos de venta, troco e
aluguer; dos de aquí como Pulgarcito, DDT, Tiovivo, Mortadelo,
ou o propio TBO que lles daba nome a todos; e dos de alá como o Tom e
Jerry, El gato Félix, La pequeña Lulú, Porky e os seus amigos, ou aínda
Supermán. Tebeos suxeitos con pinzas da roupa a cordas que cruzaban
a tenda; tebeos atrás dos vidros das portas; e montes de tebeos
detrás do mostrador da tenda para a o seu repaso máis de vagar cando xa leras
todo o resto! Sen deixar de lado as novelas para ás irmáns maiores ou as nais!
Novelas de un peso de Corín Tellado ou Carlos de Santander. E para os rapaces,
os pais e os poucos dos carreteiros da Estación que sabían ler, ás “do oeste”
de Marcial Lafuente Estefanía ou Silver Kane; as do espazo de Clark Carrados ou
Keith Luger e as de medo de Lou Carrigan.
Á tenda de Eulalia baixabamos acotío a mercar á merenda; unha onza de chocolate para meter no pan ou un plátano que collía da piña que tiña colgada do teito. Tamén facía bocadillos de longaínza, de mortadela e o que máis me gustaba de todos eles: o de queixo de tetilla con marmelo! Con el na man saíamos á xogar á praza que había diante da estación. Na zona máis afastada da rúa da baixada á estación estaba unha gran báscula para camións, cunha pequena caseta de madeira mal pintada. Na máis achegada estaba un xardín bastante vizoso e moi coidado, protexido por un sebe de buxo. Entre un e outra estaba o fielato, unha construción de pedra e tellado a catro augas onde estaban os servizos de cobro dos arbitrios e as taxas municipais sobre as mercancías que por esa vía entraban en Vigo. A parte posterior do fielato non chegaba ata o muro da estación; deixaba entre ambas un corredor, cuxa pequena intimidade aproveitaban os moitos que non puideran aliviar no tren as súas urxencias minxitorias, para baleirar a vexigas deixando un espazo cun cheiro noxento a ouriños e quen veña detrás que tanga. Por moi ocupado o espazo citado, ou por outras razón que ao caso non veñen, un día que estabamos a miña irmá pequena e máis eu na tenda, agardando que Eulalia completara o mandado de mamá, entrou pola porta unha muller grosa coa face suorenta arfando de angustia.
- Que me vou! Que me vou por min! -dicía polo baixiño.
E sen máis pechou a porta da tenda, separou as pernas, púxose en crequenas e deixou saír do seu corpo o exceso de líquido que tanto lle molestaba. Eulalia que ata ese momento quedara coa boca aberta como un sapo, ollando para ela se poder crer o que estaba a suceder na súa tenda, saíu do seu pasmo para poñerse a berrar
- Pero muller que fai!
- Non fago nada. Fixen, que xa non aguantaba máis! Déame unhas serraduras e unha vasoira que isto o arranxo eu decontado. E se fai o favor un plátano e unha mazá para levar.
E pode crer don Paio que a Eulalia non deu nin chío? Deulle a vasoira e as
serraduras; envolveu nun papel de estraza plátano e mazá, e deullo, man por man
co diñeiro; que seguro que foron cartos cumpridos para axudar a esquecer o dano.
[1] Os croques, é a denominación que reciben
os berberechos en Vigo e a súa área de influencia por mor da galeguización da
súa denominación en inglés palabra inglesa “cockles”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario