Mire que lle digo don Paio! Que para frío, frío, dese que encrecha os collóns, o que pasamos en Copenhague aló polo ano oitenta e un. Creo que xa lle contara que despois dun curto período de tempo como Responsable do departamento naval da empresa onde comezara a traballar recén rematado o servizo militar, a alguén ocorréuselle pensar que iso do “departamento naval” era pouca tarefa, e nos deixaba moito tempo libre, que conviña facernos empregar, aínda que non fora máis que por amolar. Así que, por que non montar unha estrutura estable que aproveitara o potencial dos enxeñeiros que xa tiñan, para dar cobertura técnica a todo un conxunto de produtos que demandaban tal preparación para a súa axeitada comercialización? E como naqueles anos a ruptura entre un norte industrial e un sur de servizos era moitísimo máis acusada que hoxe, a citada organización callou soamente en tres áreas: Cataluña, Euskadi e Galicia. Como nunha sorte de Tripla Alianza, ou un pacto Galeusca, como o do mitin de Gernika de abril de 1933 que firmaron Riera i Puntí por Esquerra Republicana de Catalunya, Sabin Seijo pola Alianza Nacional Vasca, e Daniel R. Castelao polo Partido Galeguista. Ou xa postos, o concerto de Coruña de 1977, con Rafael Subirach, Mikel Laboa e Miro Casabella!
Xa ve don Paio! Tal fórmula tivo tan boa aceptación entre os fabricantes de
material eléctrico que raro era o mes no que os tres Directores Técnicos non
tiñan visita a algunha fábrica, de xeito tal, que de andar tanto xuntos merecemos
o alcume de “os tres mosqueteiros”, ou máis ben o do “trío da bencina”, os protagonistas daquela comedia
alemá que contaba a historia de tres amigos que venden todo o que teñen para
montar unha gasolineira. Pois concretamente dunha destas visitas é a anécdota
que lle quero contar hoxe.
Como xa lle dixera foi alá polo 1981 cando fixemos a famosa visita ás
fábricas de Danfoss en Dinamarca. Incluída unha visita á factoría de Carlsberg
en Fredericia, na que nos encheron de cervexa de xeito tal que non nos víramos endexamais
noutra coma ela. O último día de dita viaxe tiñamos o avión de volta á media
mañá, e non queríamos marchar de Copenhague sen dar un paseo polas súas rúas. Se
nos erguíamos cedo aínda poderíamos dar unha volta polos Xardíns do Tívoli,
coller o H. C. Andersen Boulevard ata o edificio do Concello, (admirable unha
nación no que o máis esgrevio dos seus fillos é un contacontos fillo dun
zapateiro e dunha lavandeira), ollar por fora a antiga Bolsa, e se nos dabamos
presa, botar unha ollada rápida ao pazo de Christiansborg.
Así que non serían nin ás sete da mañá que o “trío da bencina”, saía pola porta do Hotel Mercur.
- Manda carallo o frío que vai! −Di Carlos Zabalo, que é de Bilbao, ollando para o termómetro −Oito graos! Pois tampouco é tan baixa a temperatura.
Eu o miro de fite, sen poderme crer o que está a dicir.
- Carliños, non sería tan baixa se non fora porque os oitos graos de temperatura están na escala Fahrenheit!
Ningún comentario:
Publicar un comentario