luns, 28 de xuño de 2021

Historia e memoria.


Mire que lle digo don Manoel! Ben sei do que me fala, que tamén eu antes da súa feliz e oportuna chegada a esta nosa taberna do Mincha tiña a sensación de que todo canto dicía nesta improvisada ágora era coma se o tirara nun pozo. Por iso entendo moi ben esa sensación da que me fala, de estar a escribir para ninguén, de pensar para ninguén, de loitar para ninguén, de pintar para ninguén! Aínda que nisto último, ben me pode crer, no pouco ao que chega o meu gusto e entendemento nestas materias, eses debuxos e pinturas que ven de amosarme non están nada mal!

Xa sei que a vostede non lle gusta nada, e que considera que é de mala educación falar con exceso de se mesmo. E digo eu que se tal fora certo, don Manoel, eu debo ser na súa consideración moi maleducado, porque o certo é que sempre ando a darlle a roncha coa miña teima de botar sentenzas coa mesma naturalidade que a fonte bota auga! E se tal é o caso, e debo confesar tal pecado, terá tamén vostede que recoñecer don Manoel, que non é miña a totalidade da infracción, e que boa parte da culpa é da súa complicidade, do bo escoitador que sempre é, caladiño como un furelo e intentando agachar baixo da mesa ese caderno de tapas negras onde toma ás súas notas; que ben se sabe que a memoria é fráxil.

Ben digo que a memoria é fráxil! Aínda que, por sorte para nos, non tan fráxil como gustaríalles a algúns! Que moito estorba a memoria vivida na construción dun relato do pasado aquelado aos seus intereses de crase! Que a historia non é imparcial, senón un arma ideolóxica coa que impoñer unha certa organización da sociedade, ben o saben os militantes dos movementos memorialistas, empeñados nunha loita, que ven a ser coma a das formigas contra dos rinocerontes, pola construción de espazos de participación cidadá na política cotián. Pois, a quen vas encomendar a loita pola túa verdade? Aos profesionais da política cuxo interese primordial é conservar o seu choio?

Na miña mocidade tiven un amigo que, coma min, cometera o delito de ter un pai anarquista. Floreal tiña por nome, e por unhas e outras razóns a vida foi moito máis dura con el do que foi comigo. Que Floreal non quixo embarcarse, que, dicía el, nin tiña xeito para ás faenas do mar nin carácter para vida tan arriscada, esquecendo que para xentes coma nos naqueles días de persecución, o saír pola bocana da ría era tanto coma deixar atrás a ditadura da terra para vivir na república do mar. Por se fora pouca a desgraza, Floreal, que sufrira dende ben cativo a persecución da rapazada pola súa condición de efeminado, veu como tódolos seus esforzos de adoptar unha aparencia externa de “normalidade” fracasaban estrepitosamente contra do “alzamento”, e como algúns dos que no pasado xogaran con el a xogos prohibidos, participaban no seu escarnio público, no parque da Alameda, agachados detrás da camisa azul da falanxe. Marica, maricón!, gritábanlle un e outro día. E bo sería se as cousas pararan aí! Porque un día tunda e outra malleira, que petar no diferente era doce obriga para os virís cidadáns da “Nova España”, e servía ben para acalar o medo de sermos un pouco coma eles!

A condición sexual do probe Floreal foi o delito que pagou cunha vida enteira de represión e escravitude, de traballos escravizantes dos que podía ser despedido sen outro motivo que ningún, condenado á miseria absoluta por unha falta que soamente estaba na mente da xente de orde e “bo siso”.

E o que tiña que chegar, chegou! Un día, don Manoel, arribei dunha daquelas largas mareas do Gran Sol, e ao entrar na taberna do Mincha alguén, sabedor do apego que tiña polo probe Floreal, contoume que ían alá un par de semanas que aparecera morto no palco da música da Alameda. E digo eu: que aparecera morto, non! Morreu de morte matada! Que o mataron a fame, a humillación, as malleiras e tundas! E a indiferenza da xente, que hai máis vítimas da ditadura que as que están nas cunetas!

Sen a Memoria quen recordaría agora as moreas de persoas doutras orientacións sexuais xulgadas e condenadas como vagos, delincuentes e perigosos? Quen a práctica totalidade das mulleres encerradas no seu fogar, subxugadas ao seu home e sen liberdade nin para asinar un contrato laboral? Quen aos miles o decenas de miles de bebés roubados nos cárceres ás mulleres republicanas, aos mestres depurados, aos sindicalistas expulsados dos seus empregos, aos militantes clandestinos asasinados? Como chegariamos a saber que as torturas e os malos tratos eran moeda de uso cotián na totalidade das comisarías e centros de detención do territorio nacional? Quen lembraría que o estado de guerra estivo vixente ata 1948, ou que para facer fronte ás “inexistentes” mobilizacións obreiras e estudantís o franquismo declarou ata 11 estados de excepción?

E mire que lle digo don Manoel! A resposta a tanta mentira é a memoria. A única resposta. E a supervivencia desa memoria, da memoria das vítimas da historia, constitúe unha tarefa social fundamental, pois é a garantía para esa parte da cidadanía que reclama xustiza, reparación e verdade en relación con feitos violentamente borrados, obrigadamente esquecidos e torticeiramente terxiversados, de supervivencia da verdade afogada polas narrativas hexemónicas dos usurpadores do poder.

Por moito que procuraran

escribir de novo a historia,

mentres quede un so de nos

non se borrará a memoria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario