luns, 7 de xuño de 2021

Quen con lobos anda, a ouvear aprende!


Mire que lle digo don Manoel! Meu pai era home de ideas e práctica anarquistas. Home con voz e opinión propias froito das moitas lecturas e da discusión activa no Ateneo Libertario. Home fortemente comprometido en cambiar ao individuo para poder cambiar o colectivo. O recordo coma se fora hoxe; lizgairo, de mente rápida e enxeño fértil, sempre co ás da baralla na man para matar ao tres, deixando ao opoñente coa boca aberta sen posible resposta.

- Nunca un voto nunha urna serviu para facer aos homes máis libres! Gustaba de argumentarlle ós dirixentes do sindicato de pesca da UXT.

Certo é! O feito de introducir un papeliño pola regaña dunha urna, se este traballo non leva consigo ningunha acción máis, ou se a escolla da papeleta concreta a introducir na devandita urna está realizada sen criterio, sen información nin formación, pouco de transformador pode ter. Todo o máis a perpetuación do sistema baixo unha aparencia de participación na “festa da democracia”.

Trae isto á miña memoria a historia que contou un día o Breixo, cliente que aínda que é pouco habitual, por vir a Bouzas soamente por afáns de traballo, sempre conta cousas de moito interese. E certas!, se temos que facer caso do seu nome que xa sabedes que ven do latín verissimum! Contaba o Breixo que nas primeiras eleccións democráticas despois da ditadura, ás do 15 de xuño de 1977, deixouse convencer por Matías, un amigo do “pecé”, para ir con el como interventor a unha pequena vila de Terra de Montes. O seu compadre sabía dunha taberna onde tiñan unha carne ao caldeiro que era manteiga pura e un viño do Condado espectacular co que podían aliviar os atafegos da xornada electoral, e o Breixo, que galdrumeiro non era pero si larpeiro, deixouse convencer. Engadía Breixo que estiveran nunha formación previa na que un camarada máis sabido, instruíunos nas sutilezas e reviravoltas da lei electoral, e dos “pucheiros” e “lázaros” que tiñan que vixiar para que os caciques de sempre non fixeran das súas. Grande esforzo fixeron os partidos de esquerdas para evitar o fraude no rural sen medir que o que ía  decidir o resultado serían as grandes cidades! E nas vilas e cidades, incluídas as industriais como Ferrol e Vigo, as elites burguesas da UCD ían conseguir manter o poder político grazas aos medios de comunicación e aos púlpitos, mediante a manipulación ideolóxica e o medo.

Así que Breixo e o seu amigo chegaron a vila e entraron en canda seu Colexio Electoral, concertando a hora na que irían a xantar. Cando chegou Breixo, un pouco máis tarde da hora acordada o Matías xa estaba metendo o escarvadentes nunha tallada de polbo.

- Seica tiveches problema para deixar a mesa?

-  Non tal! Estaba tan a gusto que fóiseme o tempo sen sentir!

-  E logo que foi? Porque eu estaba mais aburrido que unha pataca!

-  No vexas a que levo montado! Ao pouco de constituír a mesa entra o cacique do pobo cun feixe de documentos de identidade a votar por todo canto “lázaro” hai na circunscrición.

-  Manda chover na Habana! E que lle dixeches?

-  Que non podía votar máis que el. E iso se estaba no censo! Que por certo nono estaba, que segundo dixo vivía en Pontevedra! E o máis divertido do caso é que ten os ovos de cacarexar que xa o fixera en todas ás eleccións pasadas, e que quen carallo era eu para impedilo.

-  Quen carallo eras! O interventor dun partido político legal!

-  Pois non cho perdas que unha hora despois estaba de volta, co feixe de carnés e a parella da Garda Civil!

-  Iso acolloa, meu!

-  E que eu xa estaba un pouco acelerado de máis para reparar en prudencias ou medos a esta altura do conto. E moi educado e confidencial saúdo ao cabo da parella, indicándolles que ao mellor non se apercibiron, pero que acaban de entrar coas súas armas regulamentarias nun local electoral, cousa que é un delito grave. Que eu non quero buscarlle a ruína, que sei que son persoas honradas que están a gañar o pan dos seus fillos, pero que ou abandonan inmediatamente o local ou que vereime na obriga de cursar unha denuncia á Xunta Electoral Central e impugno a mesa.

-  Que ovos tes Breixo, que ovos!

-  E non vexas a cara do cacique! Eu pensei que dáballe un pasmo alí mesmo! Saíron os tres xuntos cos rabos entre as pernas, pero aínda quedaron discutindo entre eles no exterior do Colexio electoral un bo tempo, sen darse conta de que eu lles vía pola fiestra.

A carne ao caldeiro estaba de morte. Pero Breixo tiña gana de volver decontado para a mesa, temendo que os interventores dos outros partidos non tiveran as cousas tan claras coma el. Así que bebeu dun grolo o augardente de herbas, agasallo da casa de comidas, e dun par de alancadas volveu ao seu Colexio electoral. Contaba o noso Breixo que ao entrar pola porta soubo o que sentía o coronel do seu rexemento cando lle daban as novidades:

-  “Todo tranquilo meu interventor! Poucos electores meu interventor!”

-  “E logo que foi?”

-   “Que o xantar quere o seu pouso, e hoxe é día especial pero non tanto”.

E todo se lle ía en comentar como, a partires do incidente cos gardas, todos os da mesa electoral, vogais e presidente incluído, consultábanlle ata a máis cativa das dúbidas, e aínda algunhas das xentes do lugar que viñan cumprir co seu deber cidadán de votar, o tomaban como destinatario dos seus comentarios. Recordaba o caso daquela velliña que achegouse a el e moi misteriosa bisboulle:

-  Eu voto aos de sempre que como xa teñen cartos abondo non teñen tanta necesidade de roubar!

E de como el, sen chisco de acritude nin dobrez, respondeulle:

-  Iso está moi ben, miña señora! Que rouben os que levan toda a vida a facelo: os profesionais! Que estes que veñen agora sonche afeccionados que aínda non saben as mañas do oficio!

Chegou a hora do reconto. Abriron as urnas e deitaron o seu contido riba dunha mesa. E que dirá que fixo o Breixo? Non sei se recorda don Manoel que nestas primeiras eleccións a UCD e Alianza Popular imprentaran milleiros de papeletas que distribuíron a través das súas redes clientelares. Ningunha das dúas respondía ao modelo oficial co que tiñan notables diferencias, motivo este que aduciu o noso Breixo para cualificalos, coa conformidade do presidente da mesa, de votos nulos. Xustiza poética, poderiamos dicir, porque deste xeito todo o voto recluso e presidiario foi a parar onde debía: ao sobre do lixo, dos votos nulos.

E mire que lle digo don Manoel! Dicía, non sei ben se con retranca ou sen ela, aquel  eslamiado e ridículo xeneral que aturamos corenta anos: "faga coma min: non se meta en política". Pois non. Métase, enzóufese, mánchese, comprométase, na política. Porque se algunha ensinanza ten a historia do Breixo é que ás veces convén que democracia formal sexa algo deturpada para ben de se mesma!

Aínda que non es perfecta

Democracia, con ben veñas,

Líbrame ti dos cabritos

para nunca ser ovellas

Ningún comentario:

Publicar un comentario