Benqueridos lectores deste blogue[1]:
O día nove do mes
de decembro do pasado ano 2022 publiquei o que pretendía que fora a derradeira
entrada das reflexións do meu vello mariñeiro “con moita mar nos ollos”
coñecido por todos vos como «Mirequelledigo».
A razón non era
outra que a de concentrarme nas correccións necesarias para a publicación en
papel da terceira entrega dos contos que foron vendo a luz nesta páxina dende a
publicación do volume anterior: «A taberna do Mincha».
Eu cumprín de
sobras o meu compromiso e textos —coa impagable colaboración de Begoña Méndez
«Pico»— e ilustracións chegaron nos prazos acordados á editorial. Todo
semellaba marchar acorde cos tempos programados.
Outra COVID, como
pasara coa «A taberna do Mincha» non era de agardar. Pero tampouco era
necesaria: avatares de todo tipo foron adiando unha presentación que estaba
preparada para o 28 de abril e que hoxe, 17 de xuño, aínda non podemos poñer
data concreta.
Hoxe, ben de
mañanciña, me sorprende unha mensaxe e comprobo que o blogue contiña vivo,
respirando no alento dos seus lectores. E soamente quería darvos as grazas e
pedirvos que exercitedes a virtude da paciencia: saír, sairá! Cando? Poderemos
lelo tendidos ao sol baixo dunha antuca, cunha cunca de monterrei ben frío na
man. Oxalá!
Unha forte aperta!
[1] A RAG indica que os termos admitidos para
designar unha “Páxina web, xeralmente de carácter persoal, cunha estrutura
cronolóxica que se actualiza regularmente e que presenta información ou
opinións” é blog ou bitácora. O termo orixinal, weblog é unha contracción de
"World Wide Web log", é dicir, rexistro/diario (log) da tea de araña mundial,
pero como xa parecía longo de máis quedouse en blog. Supoño que isto non gustou
nada de nada ós académicos da lingua que, nun alarde de ignorancia mariñeira suxeriron
o emprego da alternativa «bitácora» para designar tal páxina, confundindo o
caderno de rexistro onde anótanse todos os feitos ocorridos durante a garda de
navegación, cando os buques carecían de ponte de mando cuberto —o «caderno de bitácora»—
co moble onde se gardaba tal caderno.
A bitácora,
pois, non é unha páxina web de carácter persoal senón «un instrumento que se
fixaba á cuberta das embarcacións, preto do temón, para facilitar a navegación
en océanos descoñecidos. Trátase dun moble fixado con parafusos no teito da
ponte dunha embarcación que contén un compás magnético, suxeito mediante
suspensión cardán a fin de contrarrestar o sincronismo transversal e
lonxitudinal do buque. No seu exterior leva a denominada liña de fe que debe
estar aliñada co centro do buque ou liña de renxía. No seu interior colócanse
imáns para contrarrestar o campo magnético terrestre. Nos costados do
cubichete, hai dúas esferas de ferro doce, para anular o desvío producido polo
ferro do propio buque e facer uniforme o campo magnético que rodea á agulla
náutica con obxecto de lograr que, en todo momento, sinale o norte magnético».
Ningún comentario:
Publicar un comentario