Amosando publicacións coa etiqueta Ramona. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ramona. Amosar todas as publicacións

domingo, 10 de maio de 2026

Historia de Ramona (2)

 

Mire que lle digo, don Paio! Manda truco o que son os  relatos! Comezas a falar dunha cousa —neste caso da historia da Ramona, aquela rapariga que a miña nai collera para criada de servir na nosa casa— e rematas comentando das túas orixes familiares na rúa dos «Alfileritos» de Toledo!

Como xa lle contara daquela, a miña nai cambiara coa Ramona o seu costume de contratar a axuda dunha asistenta para algunha das tarefas da casa, admitindo nese lugar a unha «interna»: unha muller —unha rapariga neste caso—,que ía durmir nela. E abofé que a miña casa era ben pequena para tal propósito, que, a diferenza da do meu Manoel en Bouzas, onde había carto para o servizo con baño propio e ata ventá ao patio de luces, tivémola que instalar, como xa lle contara, facéndolle un oco no carto dos trastes.

Pero podo dicir con xustificado orgullo que á miña nai era tan boa que non lle cabía o corazón no peito, e que despois das admonicións de Rosario non era quen de abandonar á rapaza ao fatal destino que o borrachón e malandrín do seu pai trazara para ela, como xa fixera coas maiores. Dúas xa eran abondo para traballar no vello oficio do comercio carnal no Bar “Dos Naciones”!

Non sei se sabe, don Paio, que as criadas de servir tiñan dereito a comida e cama, e a unhas poucas horas libres á semana. Comida na cociña, das sobras do servido e unha vez rematados os traballos desta tarefa; cama ás máis das veces nun pequeno espazo preto da cociña, e unhas horas libres, o xoves pola tarde, que aproveitaban para encher os bailes “de tranca”[1] como Las Cabañas, moi preto de onde hoxe está a Escola de Peritos.

Ben certo, don Paio! E o seu dereito fundamental a percibir un salario semanal polo seu traballo que, aínda que adoitaba ser moi baixo porque "xa se lle daba teito e xantar", no noso caso supoñía un esforzo importante para a nosa cativa economía familiar, que o meu pai aceptara non sen fungar, rosmar e refungar que non sabía de onde ía saír para tanto gasto.

Outro aspecto que non hei de esquecer polo seu forte impacto na nosa vida diaria, foi o seu innegable dereito a compartir o uso dun cuarto da casa altamente demandado: o váter! Nunha casa como a nosa onde catro adultos e tres cativas, unha delas adolescente, tiñamos que compartir un único cuarto de baño, a xestión eficiente do tempo de permanencia nel, coa porta atrancada, era vital para a supervivencia da familia. Todos estabamos afeitos a facer un uso razoable dese único cuarto de baño pero cando chegou Ramona todo se desconcertou. E non por ser unha persoa mais na casa, que tamén, senón porque o número de adolescentes duplicárase! Os atascos que se organizaban no fluxo das quendas do baño ­e de xeito especial no xoves, o seu día de libranza— non tiñan envexa dos da porta de Saldos Arias o primeiro día das rebaixas!

Que tempos, don Paio! Que certo é que o cristal do tempo tingue todas as lembranzas dun color amable! Como os berros destemperados das desavinzas entre os litigantes polo uso da instalación sanitaria que soan a concerto na miña lembranza; como o alcatreo que quedaba no váter despois do seu uso pola miña irmá maior —que tiña o ben merecido alcume de “a mofeta”— é hoxe arume de herba recén segada; e son risas as presas por entrar e os lamentos de “ábreme a porta que voume por min”; e podo ter ata nostalxia das rexoubas compartidas no baño, unha no penico e outra no váter, coa miña irmá pequena.

O certo é que o da Ramona na casa tampouco durou moito tempo. A rapaza non acababa de asumir o seu papel real na estrutura da familia: o feito de que non é unha filla máis senón unha criada, cousa que a miña tía solteira estaba emperrada de recordarlle acotío. E nos tampouco é que axudemos moito nese labor porque, excepción feita da miña irmá maior, a tratamos como a unha de nos. Pero a pouca disposición para o traballo de Ramona, e o dilatado dos espazos de tempo nos que non está localizable, van minando a vontade de Mamá por manter o seu compromiso.

Nin tan sequera o enfado do día do xantar en Samil, serviu para decidila a ensinarlle a porta! E iso que a cousa foi de pasmar! Ramona nos acompaña á un domingo de praia. Vai “invitada” a xantar connosco no arboredo que o Bar Cendón ten arredor da casa de comidas, cuxas mesas de cemento ocupan as familias que levan o xantar de casa e mercan no bar as bebidas. Recordo que ía unha calor que abafa. Mamá está un pouquiño máis grosa do que debera e se afana en organizar a disposición de pratos, cubertos e vasos riba do mantel. Agoniada polo moito traballo e a pouca axuda, reclama a Ramona que lle bote unha man recibindo unha inesperada resposta:

—      Ai non señorita! Eu hoxe non fago nada que veño de invitada!

Pois non, don Paio: nin con esas! Tivo que pasar o que a miña nai temía, e un día aproveitando a ausencia da miña nai, alguén peta na porta e a tía, malia as advertencias que Mamá lle fixera, o deixa entrar. É o pai de Ramona que ven a por ela. Consonte a tía, pai e filla se encerran no cuarto escuro, e ao pouco Ramona sae co pai pola porta cunha pequena maleta de cartón na que leva as súas poucas pertenzas.

E mire que lle digo, don Paio! Un ano despois volveu pola casa a pedir traballo. Viña vestida como unha do oficio, pintada e cunha saia mínima. Estaba o meu pai na casa e xa non a deixou pasar.

Nunca máis soubemos dela.



[1] A orixe máis probable do termo "baile de tranca" fai referencia ao feito de que, a diferencia dos bailes tradicionais nos torreiros das festas, se facían en espazos pechados para acceder aos cales era necesario superar “unha tranca”, un peche, onde había que pagar por entrar. Normalmente so os mozos: as mozas gratis. Outros apuntan a que as leas, liortas e tirapuxas, eran frecuentes e acababan “a trancazos”. Finalmente os hai os que apuntan ao límite de tempo establecido para que as criadas regresaran ás súas casas; á tranca, o peche que os señores botaban na porta principal ás dez da noite.


domingo, 22 de marzo de 2026

Historia de Ramona (1)


Mire que lle digo, Paio! A miña casa nunca foi de moito aparato; cartos, abondo para o gasto do día, sen aforros nin estridencias. A pía sempre con auga; un xogo de toallas de Portugal ben esponxosas e xabón de olor no lavabo; colchón de resortes, mantas cálidas e sabas recendendo a lavanda nas camas; cuarto de estar cunha "mesa camilla" co faldrón groso para gardar o calorciño das pernas cando vai frío fóra. E sempre con comida suficiente para encher o prato dun comensal inesperado, que niso nunca se aforrou.

Non, don Paio, non! Meus pais nunca aforraron na comida, nin nos nosos estudos nun bo colexio, nin en pagar unha asistenta, que diso sempre houbo na miña casa. Non por vicio ou fraqueza da miña nai, que nunha casa con catro fillos —sen a axuda dos electrodomésticos de hoxe— unha soa persoa non daba feito todo o que a boa administración do fogar require.

Na nosa casa era normal que as asistentas duraran moito, porque a miña nai as trataba moi ben e as facía traballar pouco, pero no intre no que se desenvolve a historia que quero contar, quedáramos sen ela e estaba sendo un pouco complicado atopar algunha que se adaptara ben ao que se necesitaba.

Miña nai, que era moi refraneira, afirmaba que non hai inverno que non teña o seu verán e que sempre que se pecha unha porta, ábrese unha ventá, e precisamente pola porta chegou a solución na aparencia de Remedios, a muller que viña por casa a recoller a lavadura para os porcos, que falounos da filla pequena dunha súa veciña, que criaba galiñas nunha choupana mal amañada que instalara co seu home nunha leira sen dono da beira do Lagares.

Ramona, que tal era o nome da rapariga, non tiña nin catorce anos, pero xa era muller, como xa se decatara o borracho do seu pai, que quería que seguira a carreira das outras dúas fillas maiores no bar da rúa Alfonso XIII de cuxa actividade corría polo barrio da Estación un pareado que a definía con acerto:  “Bar Dos Naciones putas a montones".

Como soubemos moitos anos despois, a miña nai, atendendo á petición de Remedios e contra dos seus hábitos, colleu a Ramona como de “durmir dentro”, para deste xeito cortar de raíz os retorcidos planes daquel home de tan mala catadura como de intencións ao que coñecían no barrio como o «Güevero».

Non don Paio! non polo seu oficio, que era moi outro, senón polo negocio da súa muller. Que como xa lle apuntara o seu negociado era ben outro, con sede —social e da outra— no Recreo, o bar que fora dos pais de don Xesús. Disque o «Güevero» era funcionario cando a República, e que fora represaliado pola súa militancia sindical, pero para min que iso eran rexoubas que el mesmo puxera en boca doutros por mor de agachar a súa verdadeira actividade: chulo das súas propias fillas, o que ven sendo o oficio máis ruín que maxinarse poida. E de pouco futuro, porque a maior, Carme, que andaba con compañías perigosas apareceu morta na curva do Matadeiro, e Manuela, a segunda, sucumbiu á infección que lle sementaron unhas mans inexpertas nunha daquelas intervencións que chamaban «arranxos» por non citar o seu verdadeiro nome.

Pero déixeme que volva atrás, e retome o fío da miña historia.

O día que Ramona chegou a casa fixemos festa rachada. Na casa había un cuarto que por pequeno e mal iluminado chamabamos «o cuarto escuro».  Como non tiña outro uso posible servía de traseiro e estaba cheo ata o teito de cachifallos. Cachifallos que cumpría poñer nunha certa orde para deixar oco para a cama de Ramona. Cando chegamos do colexio o traballo duro xa estaba feito: Papá pedira a axuda das fortes mans de Cándido e Avelino, un par de mangallóns especialmente rexos que traballaban de mozos de equipaxe na estación de ferrocarril, que como sabe está moi preto da nosa casa.

—      Collede unha vasoira e uns trapos e ide limpando un pouco o po do carto, mentres eu fago a cea do voso pai.

E mire que lle digo, dan Paio! Aquela orde foi para nos como o “ábrete Sésamo” do conto de Alí Babá, o permiso para entrar no “cuarto escuro” e esculcar entre ás marabillas alí almacenadas. O armario de dobre espello, a cómoda de oito caixóns, a mesa de despacho do avó... por fin tiñamos acceso ao seu interior!

Comezamos con gana. O po voaba no aire facéndonos tusir e rir coma tolitates. Nun balde pequeno levabamos una mestura de auga morna cun pouco de vinagre e unhas gotas de alcol, e un par de xornais vellos, para limpar os espellos do armario de dobre corpo da tía. O momento máxico chegou cando rematamos a faena e os espellos recuperaron o seu perdido fulgor. Foi como se alguén acendera unha luz e o cuarto deixara de ser o 'escuro' para converterse nun altar de azougue e ouro vello. Entón as boas intencións quedaron esquecidas nun recanto xunto a baldes, vasoiras e baetas, e a miña irmá pequena colleu o tirador da porta do armario e probou sorte.

O arrecendo do alcanfor e da madeira asolagounos. Dentro non había roupa decotío; máis ben semellaban  os restos dun naufraxio de luxo e distinción. Colgados de perchas de madeira nobre, abrigos de pel e vestidos de festa de seda que conservaban o cheiro a perfume caro. Nos caixóns roupa interior pasada de moda; un mantón de talle "toledano", de la fina con bordados de cores terra, ocres e granates, menos vistoso que o de Manila, pero de máis abrigo, e varios pares de luvas de coiro finísimo, deses que se axustan á man como unha segunda pel, que aínda conservaban a forma dos dedos. Unha peita de carei que nos falaba de procesións e mantillas, gardada nunha caixiña de madeira de oliveira e dous xoieiros; un estoxo de coiro labrado e un de metal damasquinado, baleiros de xoias, pero conservando este segundo o forro de veludo vermello e o cheiro a opulencia.

Nos caixóns da cómoda atopamos un reloxo de peto que xa non camiña. De dobre tapa, co cristal roto e a maquinaria parada. No instante exacto no que o avó deu o último suspiro ou no que a última leira foi poxada? Tamén unha caixa de habanos chea de programas de man e entradas de teatro e un taco de postais sepia, amarradas cun cordón de coiro; as imaxes son dunha cidade amontoada sobre unha roca, rodeada por un río que parece un foso. Sabemos que é Toledo, a cidade dos avós, unha palabra que —non sabemos por que— nos fala de invernos de friaxe e veráns dunha calor que racha as pedras e de campás que non deixan durmir a sesta.

Prata non había: soamente os seus estoxos de veludo, baleiros, cos ocos marcados onde antes descansaban cubertos de prata co escudo familiar. E algunhas pezas que ninguén quixo mercar: unhas pinzas para o azucre, un abrecartas de aceiro de Toledo co puño de damasquinado e algunha culler de bautizo gravada coas armas dunha liñaxe que xa non tiña terras; documentos con selos de lacre e cintas de seda que acreditaban propiedades en Toledo que xa non lles pertencían. "Papeis mortos" que a avoa gardara por orgullo, ou quizais por pena.

Fotos si: moitas fotos. Un tesouro de fotos do avó con sombreiro, terno, «leontina» e bigote engomado, posando orgulloso; so, coa familia ou cos amigos, antes de que a ruína lle mordera o ánimo.

... ... ... ... ... ... ... ... ... ...

Miña nai! Pero se estabamos a falar da Ramona! E que horas son xa!

Pois se non lle sabe mal marcho, que teño que marchar. Pero lle prometo que non deixarei sen rematar a historia da Ramona.

E para que as penas sexan menos me despido con aquela copla que di:

Por baixo da oliveira

dá gusto parrafear,

ten a folla miudiña

e non a fura o luar