Amosando publicacións coa etiqueta Toledo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Toledo. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de xuño de 2026

Os limpadores de morte (3)

 

Din que á terceira vai a vencida, e tal é o meu propósito de hoxe: Dar cabo dunha vez por todas á historia de Lita, a filla de Isolina, a menciñeira de Escudeiros. Porque aínda que non hai dous sen tres; nin catro que mal faga, xa vou pola terceira volta que intento xustificar o título da serie, e mire que lle digo, don Paio! Xaora que desta si que vai!

Deixe que pase un pequeno repaso ao que xa contara. No primeiro día creo que faleille da empresa de desparasitado que Lita e Eduardo —uns amigos dos meus pais— montaran na rúa de Urzáiz, e de como a competencia doutras alternativas máis baratas limitaba o desenvolvemento da citada empresa. Tamén das circunstancias nas que Eduardo e Papá se coñeceron e intimaron, e como o matrimonio acabou entrando na nosa casa e nas nosas vidas. E teño para min que ese primeiro día fóiseme en contar o que —moitos anos despois— descubrira da vida do pai de Eduardo no campo de concentración de Argelès-sur-Mer, nas CTE que traballaron no encoro de Gnioure e no Departamento de Control de Pragas de Toulouse.

E no segundo... o segundo día o teño máis recente! Contara a historia de Isolina a nai de Lita, do seu labor de «sabedora» na Fonte da Levada, do accidente de Román na mina de Escudeiros e da súa sanación. E finalmente o nacemento da cativa e o asasinato do pai nos primeiros días do golpe militar. E a fuxida ata Cortegada e finalmente ata Vigo, onde resultaba moito máis doado escapar da persecución entre as engurras do tecido social da cidade.

Día máis recente e máis achegado nos meus afectos, porque hei de confesar que o máxico, o misterioso, forma parte esencial da miña natureza, chantada, non sei ben se por vía materna —galega— ou paterna —toledana— no cerne da miña alma.

Non don Paio. Da miña tía! Á miña avoa galega non a coñecín —Mamá quedou orfa moi cedo— e a avoa toledana que vivía connosco, era xa moi maior, e pouco afeccionada aos cativos. A tía; a tía Lola foi a que cumpriu tal papel. E debo dicir que de lindo gusto!, que nada lle gustaba máis que facernos tremelicar de medo coas súas historias de estatuas que cobran vida nas igrexas toledanas e de noitébregos aparecidos de turbias intencións, cuxos pasos nos parecía escoitar facendo renxer os banzos da escaleira da nosa casa.

Así que, un deses días nos que Lita e Eduardo están tomando a merenda na nosa casa, entra pola porta Rodó, outra das amizades que tampouco tiñan necesidade de anunciar a súa presenza porque eran sempre ben recibidos. Rodó tiña varios negocios dos que vivía moi ben. Un deles, o do aluguer de pisos, era precisamente do que viña disposto a laiarse hoxe.

—      Xa é o segundo maragato destes de merda que se morre nun piso meu! Aínda teño o outro que ninguén quere alugar e ten que morrer outro máis! Xa podía ir a morrer a aldea!

—      E logo meu amigo! —preguntou meu pai— , que importancia ten que morra en Vigo ou en Curillas de Sayago?

—      Se morrera nun hospital, ningunha. O problema é que poucos teñen esa deferencia cos propietarios de pisos de aluguer! E, non sei moi ben a conto de que, cando se da tal desgraciada circunstancia é como se o piso onde ocorreu quedara apestado! Á primeira oportunidade recollen todas ás súas pertenzas e marchan a outro piso. Aínda que sexa máis caro; aínda que sexa peor. Tanto lles ten! A cousa é escapar do contaxio da morte.

Lita calaba. Malia que devecía por intervir na conversa, por demandar máis información a tan choromiqueiro propietario, calaba. A esta altura, tantos anos despois de escapar de Escudeiros no colo da súa nai, tantos anos de aprender a calar, de aparentar normalidade, ollando como a outrora «Isolina a menciñeira» fregaba escaleiras e traballaba nos máis humildes oficios, esborranchando da súa intención toda a marabillosa ciencia de sanación que atesouraba no seu coñecemento, sabía abondo o valor que naquelas circunstancias tiña silencio e a simulación de ignorancia. Ocasión habería de pescudar máis información!

Ben certo, don Paio! A Santa Inquisición que dende a súa creación xulgou e procesou a un gran número de mulleres españolas, acusándoas de bruxaría, feiticería e superstición, foi en Galicia un pouco máis laxa. Mírase que a maioría dos inquisidores que chegaban a esta terra procedentes da meseta atoparon que as prácticas das menciñeiras galegas eran tan útiles e gozaban de tan alta consideración por parte da poboación que a gran maioría dos procesos do Santo Oficio na nosa terra saldáronse con penas de desterro, azoutes ou submisión, sendo as execucións na fogueira extremadamente raras no noso contexto.

E volve a ter razón, don Paio! E non está nada mal que quen o diga sexa un home da súa xeración. O poder eclesiástico é o principal interesado en reprimir estes saberes ligados á medicina natural, á espiritualidade non cristiá e á autonomía social; e non tanto por populares como por femininos! O poder de sanación física e espiritual destas mulleres era visto pola igrexa como unha ameaza á orde patriarcal e relixiosa establecida.

Mire que lle digo, do Paio! Que de mouras peiteándose con peites de ouro nos espellos de auga da Fonte da Levada na mañá de San Xoán, podemos falar se lle presta; pero non estaba eu moi polo labor de deixar unha vez máis sen facer o traballo proposto no primeiro parágrafo: o de dar cabo á historia de Lita e Eduardo. Así que se non lle serve de molestia, vou continuar a historia onde a deixei: co señor Rodó laiándose pola desconsideración dos inquilinos de morrer no piso da súa propiedade, e a Lita calada coma unha parede: escoitando pero non falando.

—      E logo pensan que o piso queda contaminado? —di Papá que aínda que é de Toledo, non cre nestas cousas—. Eses son contos de vellas!

—      Non tal don Fernando —rompe a falar Lita, que xa non pode máis— Nas aldeas o fogar é un organismo vivo que conecta ás xeracións pasadas coas presentes. Cando alguén morre dentro da casa cómpre que o tránsito entre o mundo dos vivos e o dos mortos se faga ordenadamente. Na cidade os que naceron nela ignoran todo do ritual e dos pasos a seguir; e os que naceron no rural se avergonzan de tal circunstancia, e os esquecen a mantenta por non parecer ignorantes.

Calamos todos para que Lita seguira explicando cousas como que sen esas precaucións a alma do defunto non pode atopar o seu camiño e queda vagando como “aire de morto” ou “sombra” polos currunchos e recantos da casa. Ou que o cuarto do finado tiña que quedar pechado, mantendo as xanelas atrancadas e os mobles cubertos, durante o ano de loito, porque calquera que entrase ou durmise nese cuarto antes de tempo podía pillar a quentura, enfermar de tristura ou sufrir o meigallo. E o máis importante: que non era que a casa quedara enmeigada e fora para sempre inutilizable, non; era que o tránsito non se fixera axeitadamente e que era necesario proceder a un conxunto de rituais de limpeza que permitiran ao espírito do defunto descansar por fin.

—      E con iso chega para o noso propósito? — preguntou Rodó, esperanzado.

—      Facéndose ben, desde logo.

—      E ti saberías facelo?

—      Abofé que si! Son filla aplicada da miña nai, e cousas máis difíciles fixo ela no lugar de onde vimos!

Podo acreditar, porque alí estaba facendo como que xogaba cunha boneca, que Eduardo ollaba para a súa muller cos ollos abertos como un sapo, disposto a meter baza na conversa se non fose polas patadas de advertencia que recibía da súa muller por baixo da mesa.

—      Pois o que vai diante, vai diante! Se non hai reparos mañá pola mañá despois da misa, a espero no segundo andar da rúa do Príncipe número **.

—      Alí estaremos! Eu e —se non lle sabe mal— o meu Eduardo con todos os seus trebellos por se cómpre librarse doutros hóspedes; que o ben feito ben parece, e non hai por que dar que falar ás rexoubeiras!

Lita, que meiga será pero tamén muller de negocios, apunta:

—      Sabe vostede se a familia do morto tivo a precaución de tapar os espellos da casa e abrir as ventás no momento do finamento para que a alma non se vise reflectida e marchase ben?

—      Non teño nin idea!

—      Imos ter que poñernos no peor e traballar de firme. Vai ser un pouco máis caro do que pensaba!

—      Non importa: cun mes de aluguer xa saio a pre!

Era o meu momento: agora ou nunca!

—      Mamá, Mamá: podo ir con eles?

—      E ti que pensas que vas pintar alí?

—      Axudar e aprender!

Riron todos.

—      Mira ti Lita: xa tes aprendiz! Faina traballar arreo para que saiba que O traballo non mata pero amata!

—      Razón no lle falta Papá! Pero non menos certo é que O traballo do rapaz é pouco pero o que non o aproveita é louco.

E así, refrán contra refrán, chegamos ao domingo das miñas arelas. Ao saír da misa, ao pé das escaleiras da igrexa dos Capuchinos, Lita e Eduardo agardaban por min, atafegados, dos trebellos do oficio el, e de chintófanos e aparellos misteriosos ela.

A meiga vai vestida —é domingo— con "roupa de garda": saia de percal dun marrón sobrio, impecablemente limpa e pasada polo ferro con esmero. Blusa branca e chaqueta cruzada atada cun botón discreto. Medias de seda e zapatos de coiro negro de cordóns. No peito, colgado por dentro da blusa, leva ao pescozo, como protección física e espiritual, unha patena de amuletos: un colar e tres cordóns de esconxuro; un de prata cunha figa de acibeche; un de tripa cun dente de xabaril e o terceiro de coiro coa cabeza dunha vacaloura. Do propio colar colgan tres pezas de «Pedra do raio»[1], en forma de prismas de seis caras rematadas nunha pirámide. Dependurado do brazo dereito trae unha gran bolsa de coiro e na man esquerda un balde metálico con auga.

—      Imos indo que logo fáisenos noite! —dime despois do saúdo.

—      Podo axudar con algo? —dixen chea de ilusión por ser de utilidade.

—      Colle este balde con auga; e non a derrames que é do cacho do sanxoán.

Que largo faise o camiño dende o Couto dos Despoboados á rúa do Príncipe; aínda que non vaia máis que a carreiriña dun can e que sexa costa abaixo, e que consonte di a expresión popular, todos o santos axuden! Co corazón batendo de impaciencia chegamos ao portal do edificio e subimos ao piso. Ao abrir a porta un forte bafo a piso pechado golpea os nosos narices.

—      O sentes? —pregúntame Lita.

Eu non sinto nada especial, pero afirmo coa cabeza. Eduardo non necesita moita preparación: deixa as súas cousas no vestíbulo, métese dentro da funda e procede sen pausa á eliminación das presenzas reais en forma de ratos, cascudas e resto de pragas. Lita necesita un pouco máis de preparación ritual para á súa tarefa de limpeza dos imaxinarios da morte.

O primeiro de todo que fai a meiga —que creo que chamarlle así des que vístese para o ritual é obrigado— é sacar da gran bolsa de coiro un pequeno incensario de metal: para "cortar" o aire pesado o primeiro é o fume! Nel deposita con unción un puñado de herbas de San Xoán, abeluria seca, ruda, loureiro santo e unha miga de lavanda e estalote para disimular o cheiro a esconxuro. Comezamos polo cuarto onde estivo a cama prestando especial atención ós recantos e ás fiestras que dan á rúa ou ao patio de luces, que son as vías polas que "foxen" as almas e entran as malas linguas.

Decontado a meiga comeza o varrido das estanzas cunha vasoira de xibarda. A clave do ritual está no movemento: sempre se varre cara á porta de fóra, xamais cara ao interior da casa. Cada golpe de vasoira vai botando fóra o rastro do morto, o alento que o defunto deixou ao marchar. Sempre cara á porta; cara ao corredor primeiro e ás escaleiras comunitarias despois, onde o tránsito da xente corrente acabará por esparexer a enerxía negativa.

Me pide agora o balde coa auga do cacho que deixara no vestíbulo. Do seu bolso saca un frasco de vidro con augardente de ruda, romeu e herba luísa, o abre e engade un pouco do seu contido á auga coa que fregará as táboas de madeira do chan. A meiga percorre unha a unha as estanzas do piso insistindo na limpeza dos recantos —que é onde din que se agochan as tebras e as lendas—. E podo da fe que non murmura, como din, esconxuros ou ladaíñas, porque estamos a falar ás dúas mentres lle axudo no traballo.

Unha vez limpo o chan, cómpre oficiar o selado de portas e fiestras. Co dedo polgar mollado nunha pinga de aceite alcanforado fai unha pequena cruz invisible detrás da porta principal e nas xambas das fiestras. O "rastro" que sacou fóra xa non pode volver entrar. A casa queda morna e limpa, devolta ao mundo dos vivos.

—      Feito! —di satisfeita Lita— Remataches Eduardo?

—      E todo isto que fixemos, para que serve? —pregunto eu

—      Para que os vivos puideran volver habitar este piso sen necesidade de mirar por riba do ombro.

—      Para iso limpamos o aire? —insisto.

Lita sorrí.

—      Querida nena! Se algo de nos queda nesta realidade despois de mortos non perdura no aire precisamente; nin no chan dos cartos e corredores da casa: queda das almas dos que con el conviviron; como unha presenza amable se a relación foi boa, e como unha presenza maligna se algo malo lle fixemos en vida.

Adiviño pola resposta que Lita xoga con esa necesidade de crer noutras realidades que temos todos. E os galegos especialmente. E comprendo que a parella complementan os seus saberes: no Vigo industrial deses anos aínda é cedo para unha empresa seria e profesional de desparasitado. E tarde para contratar a unha meiga para limpar un piso do aire de morto. Pero unha empresa que ofreza un servizo integral pode ter un gran futuro.

Eduardo xa rematou a súa parte da faena. Lita recada os seus trebellos e os garda con coidado na bolsa. Fechan a porta con coidado e danlle dúas voltas á chave. Rodó agárdaos na cafetería do Derby cos cartos que darán ao negocio de limpeza unha nova esperanza.

—      Mágoa! —dime Lita cando estou chuchando nun xeado— Mágoa de non poderse publicitar axeitadamente con algo así como «Limpamos locais de morte».

Non fixo falla nin botalo por fora. Nos tempos que corrían daquela o boca a boca era a mellor publicidade, e Lita e Eduardo saíron como soñaran de probes. Pero nunca esqueceron a casa onde a súa sorte virara como a folla da ulmeira.

A herba de namorar,

a herba namoradeira,

a herba de namorar,

tráiocha na faldriqueira.

 



[1] O cristal de rocha é un cuarzo incoloro e transparente. Óxido de silicio en estado practicamente puro recibe o nome de «pedra do raio» na cultura popular porque se cre que se formaron polo impacto dun raio durante unha tormenta, e que debido a esa orixe protexe contra as faíscas e as febres.

 


domingo, 10 de maio de 2026

Historia de Ramona (2)

 

Mire que lle digo, don Paio! Manda truco o que son os  relatos! Comezas a falar dunha cousa —neste caso da historia da Ramona, aquela rapariga que a miña nai collera para criada de servir na nosa casa— e rematas comentando das túas orixes familiares na rúa dos «Alfileritos» de Toledo!

Como xa lle contara daquela, a miña nai cambiara coa Ramona o seu costume de contratar a axuda dunha asistenta para algunha das tarefas da casa, admitindo nese lugar a unha «interna»: unha muller —unha rapariga neste caso—,que ía durmir nela. E abofé que a miña casa era ben pequena para tal propósito, que, a diferenza da do meu Manoel en Bouzas, onde había carto para o servizo con baño propio e ata ventá ao patio de luces, tivémola que instalar, como xa lle contara, facéndolle un oco no carto dos trastes.

Pero podo dicir con xustificado orgullo que á miña nai era tan boa que non lle cabía o corazón no peito, e que despois das admonicións de Rosario non era quen de abandonar á rapaza ao fatal destino que o borrachón e malandrín do seu pai trazara para ela, como xa fixera coas maiores. Dúas xa eran abondo para traballar no vello oficio do comercio carnal no Bar “Dos Naciones”!

Non sei se sabe, don Paio, que as criadas de servir tiñan dereito a comida e cama, e a unhas poucas horas libres á semana. Comida na cociña, das sobras do servido e unha vez rematados os traballos desta tarefa; cama ás máis das veces nun pequeno espazo preto da cociña, e unhas horas libres, o xoves pola tarde, que aproveitaban para encher os bailes “de tranca”[1] como Las Cabañas, moi preto de onde hoxe está a Escola de Peritos.

Ben certo, don Paio! E o seu dereito fundamental a percibir un salario semanal polo seu traballo que, aínda que adoitaba ser moi baixo porque "xa se lle daba teito e xantar", no noso caso supoñía un esforzo importante para a nosa cativa economía familiar, que o meu pai aceptara non sen fungar, rosmar e refungar que non sabía de onde ía saír para tanto gasto.

Outro aspecto que non hei de esquecer polo seu forte impacto na nosa vida diaria, foi o seu innegable dereito a compartir o uso dun cuarto da casa altamente demandado: o váter! Nunha casa como a nosa onde catro adultos e tres cativas, unha delas adolescente, tiñamos que compartir un único cuarto de baño, a xestión eficiente do tempo de permanencia nel, coa porta atrancada, era vital para a supervivencia da familia. Todos estabamos afeitos a facer un uso razoable dese único cuarto de baño pero cando chegou Ramona todo se desconcertou. E non por ser unha persoa mais na casa, que tamén, senón porque o número de adolescentes duplicárase! Os atascos que se organizaban no fluxo das quendas do baño ­e de xeito especial no xoves, o seu día de libranza— non tiñan envexa dos da porta de Saldos Arias o primeiro día das rebaixas!

Que tempos, don Paio! Que certo é que o cristal do tempo tingue todas as lembranzas dun color amable! Como os berros destemperados das desavinzas entre os litigantes polo uso da instalación sanitaria que soan a concerto na miña lembranza; como o alcatreo que quedaba no váter despois do seu uso pola miña irmá maior —que tiña o ben merecido alcume de “a mofeta”— é hoxe arume de herba recén segada; e son risas as presas por entrar e os lamentos de “ábreme a porta que voume por min”; e podo ter ata nostalxia das rexoubas compartidas no baño, unha no penico e outra no váter, coa miña irmá pequena.

O certo é que o da Ramona na casa tampouco durou moito tempo. A rapaza non acababa de asumir o seu papel real na estrutura da familia: o feito de que non é unha filla máis senón unha criada, cousa que a miña tía solteira estaba emperrada de recordarlle acotío. E nos tampouco é que axudemos moito nese labor porque, excepción feita da miña irmá maior, a tratamos como a unha de nos. Pero a pouca disposición para o traballo de Ramona, e o dilatado dos espazos de tempo nos que non está localizable, van minando a vontade de Mamá por manter o seu compromiso.

Nin tan sequera o enfado do día do xantar en Samil, serviu para decidila a ensinarlle a porta! E iso que a cousa foi de pasmar! Ramona nos acompaña á un domingo de praia. Vai “invitada” a xantar connosco no arboredo que o Bar Cendón ten arredor da casa de comidas, cuxas mesas de cemento ocupan as familias que levan o xantar de casa e mercan no bar as bebidas. Recordo que ía unha calor que abafa. Mamá está un pouquiño máis grosa do que debera e se afana en organizar a disposición de pratos, cubertos e vasos riba do mantel. Agoniada polo moito traballo e a pouca axuda, reclama a Ramona que lle bote unha man recibindo unha inesperada resposta:

—      Ai non señorita! Eu hoxe non fago nada que veño de invitada!

Pois non, don Paio: nin con esas! Tivo que pasar o que a miña nai temía, e un día aproveitando a ausencia da miña nai, alguén peta na porta e a tía, malia as advertencias que Mamá lle fixera, o deixa entrar. É o pai de Ramona que ven a por ela. Consonte a tía, pai e filla se encerran no cuarto escuro, e ao pouco Ramona sae co pai pola porta cunha pequena maleta de cartón na que leva as súas poucas pertenzas.

E mire que lle digo, don Paio! Un ano despois volveu pola casa a pedir traballo. Viña vestida como unha do oficio, pintada e cunha saia mínima. Estaba o meu pai na casa e xa non a deixou pasar.

Nunca máis soubemos dela.



[1] A orixe máis probable do termo "baile de tranca" fai referencia ao feito de que, a diferencia dos bailes tradicionais nos torreiros das festas, se facían en espazos pechados para acceder aos cales era necesario superar “unha tranca”, un peche, onde había que pagar por entrar. Normalmente so os mozos: as mozas gratis. Outros apuntan a que as leas, liortas e tirapuxas, eran frecuentes e acababan “a trancazos”. Finalmente os hai os que apuntan ao límite de tempo establecido para que as criadas regresaran ás súas casas; á tranca, o peche que os señores botaban na porta principal ás dez da noite.


domingo, 22 de marzo de 2026

Historia de Ramona (1)


Mire que lle digo, Paio! A miña casa nunca foi de moito aparato; cartos, abondo para o gasto do día, sen aforros nin estridencias. A pía sempre con auga; un xogo de toallas de Portugal ben esponxosas e xabón de olor no lavabo; colchón de resortes, mantas cálidas e sabas recendendo a lavanda nas camas; cuarto de estar cunha "mesa camilla" co faldrón groso para gardar o calorciño das pernas cando vai frío fóra. E sempre con comida suficiente para encher o prato dun comensal inesperado, que niso nunca se aforrou.

Non, don Paio, non! Meus pais nunca aforraron na comida, nin nos nosos estudos nun bo colexio, nin en pagar unha asistenta, que diso sempre houbo na miña casa. Non por vicio ou fraqueza da miña nai, que nunha casa con catro fillos —sen a axuda dos electrodomésticos de hoxe— unha soa persoa non daba feito todo o que a boa administración do fogar require.

Na nosa casa era normal que as asistentas duraran moito, porque a miña nai as trataba moi ben e as facía traballar pouco, pero no intre no que se desenvolve a historia que quero contar, quedáramos sen ela e estaba sendo un pouco complicado atopar algunha que se adaptara ben ao que se necesitaba.

Miña nai, que era moi refraneira, afirmaba que non hai inverno que non teña o seu verán e que sempre que se pecha unha porta, ábrese unha ventá, e precisamente pola porta chegou a solución na aparencia de Remedios, a muller que viña por casa a recoller a lavadura para os porcos, que falounos da filla pequena dunha súa veciña, que criaba galiñas nunha choupana mal amañada que instalara co seu home nunha leira sen dono da beira do Lagares.

Ramona, que tal era o nome da rapariga, non tiña nin catorce anos, pero xa era muller, como xa se decatara o borracho do seu pai, que quería que seguira a carreira das outras dúas fillas maiores no bar da rúa Alfonso XIII de cuxa actividade corría polo barrio da Estación un pareado que a definía con acerto:  “Bar Dos Naciones putas a montones".

Como soubemos moitos anos despois, a miña nai, atendendo á petición de Remedios e contra dos seus hábitos, colleu a Ramona como de “durmir dentro”, para deste xeito cortar de raíz os retorcidos planes daquel home de tan mala catadura como de intencións ao que coñecían no barrio como o «Güevero».

Non don Paio! non polo seu oficio, que era moi outro, senón polo negocio da súa muller. Que como xa lle apuntara o seu negociado era ben outro, con sede —social e da outra— no Recreo, o bar que fora dos pais de don Xesús. Disque o «Güevero» era funcionario cando a República, e que fora represaliado pola súa militancia sindical, pero para min que iso eran rexoubas que el mesmo puxera en boca doutros por mor de agachar a súa verdadeira actividade: chulo das súas propias fillas, o que ven sendo o oficio máis ruín que maxinarse poida. E de pouco futuro, porque a maior, Carme, que andaba con compañías perigosas apareceu morta na curva do Matadeiro, e Manuela, a segunda, sucumbiu á infección que lle sementaron unhas mans inexpertas nunha daquelas intervencións que chamaban «arranxos» por non citar o seu verdadeiro nome.

Pero déixeme que volva atrás, e retome o fío da miña historia.

O día que Ramona chegou a casa fixemos festa rachada. Na casa había un cuarto que por pequeno e mal iluminado chamabamos «o cuarto escuro».  Como non tiña outro uso posible servía de traseiro e estaba cheo ata o teito de cachifallos. Cachifallos que cumpría poñer nunha certa orde para deixar oco para a cama de Ramona. Cando chegamos do colexio o traballo duro xa estaba feito: Papá pedira a axuda das fortes mans de Cándido e Avelino, un par de mangallóns especialmente rexos que traballaban de mozos de equipaxe na estación de ferrocarril, que como sabe está moi preto da nosa casa.

—      Collede unha vasoira e uns trapos e ide limpando un pouco o po do carto, mentres eu fago a cea do voso pai.

E mire que lle digo, dan Paio! Aquela orde foi para nos como o “ábrete Sésamo” do conto de Alí Babá, o permiso para entrar no “cuarto escuro” e esculcar entre ás marabillas alí almacenadas. O armario de dobre espello, a cómoda de oito caixóns, a mesa de despacho do avó... por fin tiñamos acceso ao seu interior!

Comezamos con gana. O po voaba no aire facéndonos tusir e rir coma tolitates. Nun balde pequeno levabamos una mestura de auga morna cun pouco de vinagre e unhas gotas de alcol, e un par de xornais vellos, para limpar os espellos do armario de dobre corpo da tía. O momento máxico chegou cando rematamos a faena e os espellos recuperaron o seu perdido fulgor. Foi como se alguén acendera unha luz e o cuarto deixara de ser o 'escuro' para converterse nun altar de azougue e ouro vello. Entón as boas intencións quedaron esquecidas nun recanto xunto a baldes, vasoiras e baetas, e a miña irmá pequena colleu o tirador da porta do armario e probou sorte.

O arrecendo do alcanfor e da madeira asolagounos. Dentro non había roupa decotío; máis ben semellaban  os restos dun naufraxio de luxo e distinción. Colgados de perchas de madeira nobre, abrigos de pel e vestidos de festa de seda que conservaban o cheiro a perfume caro. Nos caixóns roupa interior pasada de moda; un mantón de talle "toledano", de la fina con bordados de cores terra, ocres e granates, menos vistoso que o de Manila, pero de máis abrigo, e varios pares de luvas de coiro finísimo, deses que se axustan á man como unha segunda pel, que aínda conservaban a forma dos dedos. Unha peita de carei que nos falaba de procesións e mantillas, gardada nunha caixiña de madeira de oliveira e dous xoieiros; un estoxo de coiro labrado e un de metal damasquinado, baleiros de xoias, pero conservando este segundo o forro de veludo vermello e o cheiro a opulencia.

Nos caixóns da cómoda atopamos un reloxo de peto que xa non camiña. De dobre tapa, co cristal roto e a maquinaria parada. No instante exacto no que o avó deu o último suspiro ou no que a última leira foi poxada? Tamén unha caixa de habanos chea de programas de man e entradas de teatro e un taco de postais sepia, amarradas cun cordón de coiro; as imaxes son dunha cidade amontoada sobre unha roca, rodeada por un río que parece un foso. Sabemos que é Toledo, a cidade dos avós, unha palabra que —non sabemos por que— nos fala de invernos de friaxe e veráns dunha calor que racha as pedras e de campás que non deixan durmir a sesta.

Prata non había: soamente os seus estoxos de veludo, baleiros, cos ocos marcados onde antes descansaban cubertos de prata co escudo familiar. E algunhas pezas que ninguén quixo mercar: unhas pinzas para o azucre, un abrecartas de aceiro de Toledo co puño de damasquinado e algunha culler de bautizo gravada coas armas dunha liñaxe que xa non tiña terras; documentos con selos de lacre e cintas de seda que acreditaban propiedades en Toledo que xa non lles pertencían. "Papeis mortos" que a avoa gardara por orgullo, ou quizais por pena.

Fotos si: moitas fotos. Un tesouro de fotos do avó con sombreiro, terno, «leontina» e bigote engomado, posando orgulloso; so, coa familia ou cos amigos, antes de que a ruína lle mordera o ánimo.

... ... ... ... ... ... ... ... ... ...

Miña nai! Pero se estabamos a falar da Ramona! E que horas son xa!

Pois se non lle sabe mal marcho, que teño que marchar. Pero lle prometo que non deixarei sen rematar a historia da Ramona.

E para que as penas sexan menos me despido con aquela copla que di:

Por baixo da oliveira

dá gusto parrafear,

ten a folla miudiña

e non a fura o luar