Mire que lle digo, Don Manoel! Con toda esta barafunda de historias que lle
veño relatando xa non sei se chegueille a contar a de Aileen, a noiva de louros
cabelos que coidaba do noso Tiniño no Mercy Hospital de Cork, cando a manobra
de largado do aparello rompeulle a perna. Non llo contara? Logo terame que
perdoar Don Manoel, pero a miña memoria anda mais leada cun palangre, e por
veces, cousa do viño ou dos moitos anos, non sei ben se o que lle conto é
vivido ou soñado.
Mais vaimos ao conto, non vaia ser que colla o fío doutra madeixa, e
acabemos falando do tempo, que compre sacar da cabeza algo mais que piollos! A
cousa é que nunha das veces que tocamos porto en Bantry para unhas reparacións
de urxencia, cinco ou seis meses despois da fractura da perna do Tino, atopámonos,
agardado por nos, unha carta do gaiteiro anunciándonos a súa voda coa
enfermeira que o coidara todos estes meses no Hospital de Cork.
Coñecendo ao Tino, coma eu o coñecía despois de tantas horas contándome as
súas venturas e desventuras, a noticia non tiña para min moita credibilidade, así
que, fiándoo todo á preguiza dos mecánicos na reparación da avaría, deixámolo
barco e tomamos o coñecido Austin FX4, voando cara a Cork coma se nos puxeran
un foguete no cu.
Atopamos ao gaiteiro practicando coa muleta no patio do Hospital. Alegrouse
moito de vernos, e dos nosos parabéns. Menos das mofas e escarnios que se lle
fan adoito aos que van cambiar de estado, mais capeounas sen dar nin chío, cun
medio sorriso na comisura da boca. Cando os compañeiros marcharon a molla-la
palleta nun Pub da veciñanza, o Tiniño e mais eu fomos dar unha volta polo
xardín e a falar mais devagar coma tiñamos por costume a bordo.
Entón abriu o peito e contoume que un par de meses atrás Aileen o invitara
a unha festa e nela, diante de tódolos mozos solteiros de Cork, ou boa parte
deles, ofreceulle auga para lavar as mans. El lavounas sen nada sospeitar, para
quedar abraiado cando os convidados puxéronse entre berros e risas a bater as
mans, a bicar a moza e a darlle fortes petadas no lombo a el, e a darlle nun
idioma que non era inglés algo que parecían parabéns. Esa noite Aileen contoulle
do costume ancestral co que a muller escollía ao seu compañeiro entre tódolos
solteiros presentes, o ritual que facía público o compromiso da parella de enlazar
as súas vidas para sempre, apoiándose o un ao outro fronte a tódalas treboadas
da vida. Faloulle tamén da cerimonia de Unión de Mans, na que o noivo colle coa
man dereita a da noiva e a noiva coa esquerda a esquerda do noivo formando os
dous o símbolo do infinito. E do vestido branco a da coroa de flores de lavanda
nos seus cabelos, do costume de casar usando algo azul, algo novo, algo usado e
algo prestado. E a de pasar os trinta días despois da voda bebendo hidromel e facendo
o amor ininterrompidamente.
E, mire que lle digo Don Manoel! Eu mireino de fite en fite, porque o
gaiteiro contábame aquelas cousas coma se lle sucederan a outro que non era el.
Cunha sorte de afastamento da realidade, coma se estivera a vivir nun soño, que
en calquera intre podía trocar en pesadelo. E véuseme as mentes aquela cantiga
que di:
Quen che dixo a ti loureiro
Que es o pau das culleres
As mentiras son dos homes
E as verdades das mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario