xoves, 28 de setembro de 2017

Para dona Helena Villar Janeiro


Mire que lle digo don Manoel! Hoxe que é o aniversario da súa amiga na rede Helena Villar Janeiro, véuseme ás mentes un comentario verbo do uso do galego que antóllaseme vaille gustar. No so porque a cousa vaia de docentes e aconteza no tempo actual e nun lugar da Galicia interior, xeografía onde a lingua é mais do cotián e menos do militante, senón porque ben sei do seu compromiso vital coa fala.

Un grupo de profesores parrafean de temas varios antes de entrar nun claustro. O idioma que utilizan é, como non!, o castelán. Paseniño, sen presas, entran na sala onde vaise celebrar o devandito claustro. E, o que son as cousas! Tódalas intervencións fanse en galego. Pero en galego litúrxico!

Eu, don Manoel, non quero ese galego! Quero o galego dás nais falándolle aos cativos na rúa camiño da escola, o galego dos peóns insultando aos automobilistas que non respectan a un paso cebra, o galego dos que preguntan algo a un descoñecido, o galego das tascas, das aulas, do ascensor, da tenda de barrio e do supermercado, do barrio periférico e da rúa do Príncipe.


E, mire que lle digo, don Manoel! Non é que eu critique aos que chegaron a amar a lingua por militancia política, ou por amor á súa parella, que todas as razóns son boas para amar á cultura. Critico esa nova diglosia do politicamente correcto e amo afervoadamente a xentes coma a dona Helena, que emperrenchouse en publicar para que os fillos dos demais tiveran a mesma oportunidade que os seus María e Abe de ler contos na súa lingua.

1 comentario:

  1. Agradézollo ben, meu prezado amigo. Galego vital e para todo. Se non fose así, é lingua morta. Unha aperta grande.

    ResponderEliminar