Mire que lle digo, don Manoel! A procura das virtudes escondidas do Farruco
que namoraran á Fina era a miúdo motivo de risas e chanzas na tasca do “Mincha”, cando os vapores etílicos dos
saborosos caldos de Monterrei comezaban a facer o seu labor de ceibar as
linguas de víboras dos seareiros. As chacotas e brincadeiras dos clientes da
taberna tiñan no Farruco un efecto realmente peculiar; como se baixo a chuvia de
chacotas o seu corpo minguara aínda mais, e os ollos, de fitar sempre
revesgado, deviñesen en dúas fendas sanguentas por onde espreitaba a reacción
que as burlas tiñan no rostro da súa muller.
-
Deixádeme
que non estou para lerias! Como non tedes outro quefacer sóbravos tempo para
andar con estes enredos! – dicía cun aceno que quería ser conciliador.
Sospeito que detrás das chanzas non había mais interese que a que ten un
mariñeiro na auga da vogada que queda pola popa da lancha, ou aínda o gusto de amolar,
que é moito na xente ociosa, mais no meu caso ben sabe don Manoel que para poder relatar compre saber escoitar,
e gusto das historias mais que as pitas do trigo. Así que unha noite de pouco
movemento na que a Sefa estaba melancólica de mais e con gana de falar, gardei a
lingua coma paxaro na gaiola, e dispuxen a orella a escoitar con toda atención o
que me tiña que contar.
-
A
miña nai coñeceu ao seu marido na primavera do trinta e seis nun baile na de o Fanchico.
Devecía coma gato pola manteiga por preguntarlle, pero coma bo pescador de
cana dinlle carrete, que, do mesmo xeito que cando un peixe busca o anzol
compre darlle fío para que se mova ao seu antollo, cando alguén comeza unha
historia non hai cousa peor que preguntar por algunha miudeza que as interrupcións matan as confesións. Aínda que, agora que o penso, non sei moi ben por
qué estoulle a explicar isto a alguén que é un mestre nesta arte!
E, mire que lle digo don Manoel! Se non lle sabe mal, deixaremos que sexa a
propia Sefa a que conte á historia dos pais. Ninguén mellor ca ela para levar o
goberno da narración, e contar o que queira e como queira. Mais iso será outro
día, que coma di a cantiga:
Tres
noivas me teñen preso
De
amores ó corazón;
o
bo viño, unha empanada
e
un bo anaco de lacón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario