venres, 16 de agosto de 2019

Non pidas a quen pediu nin sirvas a quen serviu.



Mire que lle digo don Manoel! Non pidas a quen pediu nin sirvas a quen serviu, di o refrán advertíndonos tanto da inutilidade do emprego con eles dos trucos do oficio que tanto pedichón como servente coñecen de primeira man, como poñéndonos sobre aviso do máis que probable rancor e desexos de vinganza das humillacións, reais ou inventadas, que tiveron que aturar cando tal eran, que ninguén é máis explotador que o que foi explotado, ninguén máis racista que o que por tal condición foi discriminado, e aínda, ver para crer como santo Tomé!, ninguén máis de dereitas que aquel que foi o máis radical dos comunistas.

Cando á miña nai tivo aquela disputa con don José da que penso que xa lle falara, liorta na que lle cuspiu na cara a súa determinación de repudiar á facción dos amados do deus de xenreira que don José, e a meirande parte da igrexa deses convulsos tempos, defendía, pasou por vontade allea que non propia, a formar parte do exército do maligno, a ser sinalada polas xentes de orde como apestada, portadora dun mal infeccioso que calquera podía contraer polo simple feito de ollar para ela, de acariñar aos seu fillos, ou aínda de facer caridade con eles ata que, como o fillo pródigo, ou a ovella perdida, volveras humillada e arrepentida á protección do rabaño. Coa licenza do pegureiro! Así que a miña nai perdeu na mesma semana ao seu compañeiro, o seu emprego na casa de don Antonio Beade e ás súas comadres da congregación do Cristo dos aflixidos.

Perdido o traballo na casa dos Palau as posibilidades de entrar a servir noutra casa onde non chegue á negra sombra da sotana de don José son mínimas. Pero a miña nai a vida ensinoulle que o traballo quer alento e non desalento e recorreunas todas, empezando polas casas das súas confrades do Cristo do aflixidos. Pero a conciencia é verde e comeuna un burro, e nada máis que desculpas, evasivas e escusas de mal pagador atopou. E aínda algunha que outra porta nos fociños dalgunha desas prostitutas que pasaron da pública á privada e agora que se pensan señoras, prodigan os peores tratos ao persoal doméstico!

Ben certo é que o animal humano é capaz do mellor e do peor! Claro que non o mesmo animal! Cando a miña nai chega a casa, baldada e cos pes descompostos de tanto correr arriba e abaixo polas rúas da vila na procura do traballo, estanlle a agardar os amigos do seu home, aqueles mariñeiros polos que deu a vida, cunha patela do mellor peixe escollido do quiñón de canda seu deles.

E mire que lle digo, don Manoel! Aquel peixe salvounos a vida, que a miña nai colleu un molido puxo a patela riba del e, derreada como estaba, saíu á rúa a vendelo polas casas nas que antes lle pecharan a porta, para descubrir con satisfacción que diante do peixe de calidade esmorecen as ideoloxías!

Leva a patela do peixe,
miña nai, na súa cabeza.
Vai polas portas dos ricos
Que antes lle estiveron pechas

Ningún comentario:

Publicar un comentario