Mire que lle digo don Manoel! Que tamén eu teño agora días deses nos que tampouco teño nada concreto que facer pero ando coma peixe fora da auga por non estar a facelo. Supoño que terá algo que ver coa certeza de que o meu tempo vaise acabando, e de que o número de cousas que quero facer antes de perder a conciencia de min mesmo non deixa de medrar como o leite quente. Co que seguro que non ten nada que ver, ben o sabe vostede que destas xa me coñece un pouco, é coa apatía, preguiza, indolencia ou molicie; coa falla de vontade necesaria para encetar e dar cabo a unha tarefa pendente, ou co medo a non saber facela. Quero pensar que isto meu é algo pasaxeiro, froito se cadra deste confinamento ao que estivemos sometidos, e coa perda dos meus hábitos e o meu auditorio habitual. E que axiña, coma os sapos cando cae orballo polo verán, hei de volver aos meus parrafeos. Se a parroquia o quere, certo é!
Recorda ao meu amigo Antonio, don Manoel? Si, oh! O fillo da señora Carme;
o da asesoría! Home, tampouco é que eu sexa o demo e el a auga bendita, que sen
estar sempre de acordo, que sería moi aburrido que non houbera unha miga de
discrepancia, penso que aínda me quere ben. Pois ao Antonio, que é moi amigo de
ler os libros de auto axuda, foi ao que lle escoitei por primeira vez esa maldita
palabra que ten dúas erres e que non son quen de pronunciar nunca
correctamente! Xa sabe don Manoel: esa que fala de deixar sempre para maña as
cousas que non apetece facer! Procrastinación, iso é! Non me diga que a vostede
non se lle atranca esa segunda erre!
O non estou tan certo é de que o Antonio tivera claro o sentido de tal acción ou hábito de deixar o que se debera atender por outras cousas máis agradables. Pero sempre andaba coa palabriña na boca:
- Damián, deixa xa de procrastinar e vai levar o paquete a don Felipe! Hoxe anda don Manoel a procrastinar que van a dar as doce e aínda non chegou! Sefa, seica hoxe estás a procrastinar que aínda non trouxeches a tapa!
Para o Antonio todo o mundo anda a procrastinar como se non houbera un
mañá. Ou máis ben como se o mañá nunca fora a dar chegado. Aínda que teño para
min que o Antonio entende tan pouco disto da procrastinación como eu de capar
cochas, e confunde as témporas de arriba coas de abaixo, que procrastinar non é
tanto o de “pola rúa do despois vaise á praza do xamais”, senón o de ser moi
produtivo en tarefas que non corren présa e nas cousas máis innecesarias e
superfluas. Que as xentes de hoxe en día teñen sempre tanto traballo urxente que
facer, tantos correos, guasaps e feisbús que contestar, que nunca teñen
tempo para pararse a facer o importante. Atenden a tanto de tantos que non
atenden a nada de ninguén e por fas ou por nefas, para esta xente nunca está o
alcacén para facer gaitas.
Logo hai os que, como Franco ou Rajoy, pensan que, para que facer algo hoxe
se mañá tampouco é inexorable? Non é necesario gobernar, non é necesario tomar
decisións; o mundo ele sozinho atopa o seu curso natural. Deixa que as cousas que non son, sigan sen ser. E
se xa son, xa son! Entón, para que mover un dedo? A inutilidade é sublime e o
tempo circular; se logras manter a inmobilidade, as cousas darán a volta
completa, e calquera mudanza que estableceras no proceso non fará máis que
evitar que as cousas segan igual. Como
lle dicía Tancredi Falconeri ao seu tío Fabrizio: Se
vogliamo che tutto rimanga come è, bisogna che tutto cambi. Desculpe don Manoel a pedantería, pero
vai pouco que collín “Il gattopardo” na Juan Compañel e quixen apredela de
memoria ao comprobar que non é exactamente como a xente a recorda.
E mire que lle digo don Manoel! Por todo o falado hoxe ben poderiamos
trocar o coñecido refrán de “non deixes para mañá o que poidas facer hoxe” polo
de “non empeces hoxe o que tampouco vaias a facer mañá” que algúns atribúen a
Fernando Pessoa; non sen certa razón que o poeta dos mil heterónimos sempre foi
moi dado a esas cousas. Esta que lle deixo non é do Pessoa, pero tampouco fáltalle
razón e éche acaída ao conto de hoxe:
Miña nai ten unto vello
do cocho que ha de matar,
e na
horta ten as verzas
das coles que ha de plantar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario