luns, 6 de maio de 2019

A cruz de ferro


Mire que lle digo don Manoel! Cando, van alá uns días, canteille a copla da Cruz de Ferro, canteina como ma ensinaron:

Ó pasar a Cruz de Ferro
a Gudiña ben a sei
i agora voume achegando
aos aires de Monterrei.

Ben sei que a letra non ten moito sentido que a que chaman Cruz de Ferro está no cumio do Monte Iragodo, entre Foncebadón e Manjarín, e dende ese punto, por moi boa vista que o camiñante teña, non é moi doado ver a Gudiña, que está a máis de cen quilómetros ao suroeste. Teño para min que o autor da copla falaba doutra cruz de ferro e así o teño escoitado argumentar. Un cliente da taberna afirmaba que tal cruz era a da Portela do Padornelo, cousa que eu non acredito, porque a tal cruz é de pedra e está tamén a unha boa distancia da Gudiña. Respondía a isto o Farruco, o noso taberneiro, sen máis pretensión que o seu bo coñecemento daquelas terras, que tal punto podería ser o Cruceiro da Portela, que está en Vilamaior do Val preto de Verín, ben por traer a auga ao seu rego, ben por aquilo de “i agora voume achegando/ aos aires de Monterrei”, e suxerindo o troco do segundo verso por “a Gudiña ben pasei”, cousa que pareceume ben acaída a min e absurda ao defensor do Padornelo, pero xa se sabe que mal me queren as comadres porque lles digo as verdades.

Non foi este o caso do defensor da cruz de ferro no Padornelo, que, despois de mollar a palleta cun groliño de monterrei, contounos a tradición que paso a relatar.

Nos duros anos da fame, que foi ata ben pouco, a madurez chegaba aos mozos de súpeto, cando no pobo se formaba a cuadrilla para ir a segar a Castela e o pai pronunciaba o nome do fillo como unha orde que non tiña escusas. Moitas cuadrillas facían a viaxe pé, en grupos de xentes da mesma comarca, e era tradición que cando a cuadrilla chegaba a este punto onde deixaban atrás a galega terra, facían unha paradiña para descansar, comer unha parva e beber un grolo de viño. Alí, a xeito non sei moi ben se broma pesada, rito de iniciación ou de paso, os veteranos contábanlle aos que ían por vez primeira á sega, a historia daquela Cruz de Ferro.

-          De forma semellante que os mariñeiros poden escoitar o mar nunha buguina, por moi afastado que estea del — dille o veterano ao novizo —este cruceiro ten a virtude prodixiosa de que achegando a orella ao seu varal podes escoitar as voces dos que deixaches na aldea; sexa nai, irmáns ou aínda a noiva!

A proposta era tan atractiva que ninguén se resistía á tentación de probar. Así que cando o neófito achegaba a orella ó fuste do cruceiro, o veterano dáballe un empuxón na cabeza ata que batía coa pedra, mentres recitaba esta ladaíña ou calquera outra fórmula semellante:

-          Unha fouce non fai sega pero axuda a quen a leva; con este croque, ingresas na irmandade da seitura. Amén!

E, mire que lle digo, don Manoel! Compre sinalar que ás máis das veces o golpe era máis toque que cacholada, pero algúns oficiantes puñan tanto empeño na cerimonia que ao novizo quedáballe a orella quente ata chegares aos campos de Zamora. E alguén que estaba a escoitar, comezou a cantar polo baixiño:
Mozas que van á seitura,
mozas que á seitura van,
mozas que van á seitura
lévana pero non a tran.

Ningún comentario:

Publicar un comentario