Mire que lle digo, don Manoel! Para todos aqueles que teñen como ocupación
principal a de ensinar aos demais como acometer as tarefas que eles non saben
realizar, traio hoxe un conto que serve tanto para os cativos como para os
xubilados, que ben sabe don Manoel que os que gozamos de tal situación estamos sempre
nesa disposición de aconsellar aos demais como vivir a vida que nos
dilapidamos.
Fai moitos anos, tantos que daquela había crustáceos
na praia da Espedrigada en Alcabre, estaba
tomando o sol nos cons que hai entre esta praia e a do Tombo do Gato, un caranguexo peludo, moi sabido e prosma abondo; estaba
no seu filosofar coas lapas e mexillóns cando veu pasar a unha nécora impúbere que
ía, como é por outra banda natural na xente desta caste, andando de costado,
que non para atrás como di o refrán castelán que fala doutros cangrexos que tal
fan. O noso sabedor que tal andares viu, dille ao paseante:
-
Pero
rapaz, que fas andando dise xeito! Que non sabes que andando para diante
chégase antes?
-
Bo
día, meu señor. E quen lle dixo que eu teña presa ningunha?
-
Non é
por cousa das presas soamente, senón que o
ben feito ben parece …
-
E o que o fai, algo merece! Seino. Pero,
mire o que lle digo: por que nono fai vostede que eu vexa, e aprenda como é que
se fai?
O señor caranguexo examinou a proposta de fondo á cima e calou; moi amolado
e fodido pola contestación do rapaz, que o deixaba sen posible retruque dado que
tampouco tiña el moita arte en tal forma de camiñar. Pero o caranguexo peludo desenvolve
cos anos unha condición de pertinacia que sería moi boa se non fora cazurrería
e ánimo de quedar sempre por riba como o aceite, e decide practicar, practicar
e practicar, ata dar cunha rocha que ten unha certa inclinación que favorece a
marcha cara adiante. E cando xa está un pouco convencido de que a demostración
pode ser convincente manda a un propio á avisar ao impúbere.
-
Aprende
rapaz! Pronto e ben non hai quen!
O señor Caranguexo está tan absorto na súa demostración do xeito de andar
para diante que no se decata da gaivota famenta que está máis atenta á comida
que as explicacións.
-
Corra
señor Caranguexo, que o van papar!
Entón, como unha cousa é unha demostración e outra a salvación, e o novo e
elegante xeito non da como para escapar con velocidade abondo, o señor Caranguexo
esquece a demostración e a rápidas alancadas alcanza un refuxio, salvando por
un tris a vida.
-
Ai
meu señor Caranguexo! Ben certo é aquilo de “cando toca de correr, todo temos que esquecer”!
- Aí falaches! –responde o señor Caranguexo aínda ampeando de tanto esforzo –que “o durmir non quer présa e a présa non quer durmir”!
Ningún comentario:
Publicar un comentario