venres, 3 de maio de 2019

Leña verde todo é fume.




Mire que lle digo don Manoel! Se non lle sabe mal imos para aquela mesa do fondo, que estoulle máis farto de necidades, parvadas e simplezas que un gato de tripas; certo é que a xente é libre de expresar ás súas opinións, pero non menos certo é a liberdade da outra de non ter que escoitalas. Que non é tanto polo volume dos seus berros, que xa se sabe que xente nova e leña verde todo e fume, senón polo desnortado das súas afirmacións nunha xente que se definían a se mesmos como de esquerdas.

Culpa da nosa sociedade, por deixar de lado a formación política da mocidade; en troques de facer deles cidadáns responsables das súas propias decisións e formalos na cultura do esforzo e da solidariedade, construímos monstros egoístas, pendentes exclusivamente da satisfacción inmediata dos seus caprichos.

Aínda que, don Manoel, isto de ser de esquerdas é para algúns como ser do “Dépor” ou do “Celta”, algo máis achegado ao corazón e aos xenitais que ao raciocinio. Cousa de afouteza, denodo e valor e non de observación, reflexión e raciocinio. Así se lle dan razóns a aqueles que manteñen que as opinións políticas son unha circunferencia na que extrema dereita e extrema esquerda son o mesmo punto ideolóxico, poñendo como exemplo ao anarquista de mercado Fernando Sánchez Dragó, quen dende a militancia comunista da súa xuventude chegou a ser o ideólogo oficial da extrema dereita, namentres mantiña con singular impudicia intelectual que “ser de esquerdas ou de dereitas é unha das infinitas formas de ser estúpido que ten ao seu alcance o ser humano”.

Non teña medo, don Manoel! Ben me coñece, que podo dar máis voltas que as que da un muíño de vento, pero sempre volvo ao rego onde deixei o conto. Falaban, e como lle dixen non era necesario botarlle orellas coma ás dunha burra para os escoitar, de que o da Transición fora todo unha farsa, dos satélites carrachos do bipartidismo hexemónico e dos soldos aberrantes dos dirixentes aburguesados e casposos; eu, don Manuel, non lle vou falar da transición, que vostede viviu o mesmo ca min, e sabe que sapos houbo que tragar por mor dunha análise que hoxe pode parecer equivocado, pero que daquela nono parecía tanto; dos satélites carrachos nada lle sei, que os únicos carrachos que coñezo se alimentan do sangue dos animais e non do bipartidismo, por moi hexemónico que este sexa; e se de soldos aberrantes, no sentido de afastados do sentido común, temos que falar, diríalle que me molestan menos que soldos pequenos e roubos impunes, non vaia a saír máis caro o prebe có peixe!

Coma case sempre non lle falta razón, don Manoel. Todo iso molestoume, pero se teño que ser sincero o que me fixo levantar do asento para non ter que ir canda eles, foi cando afirmaron impávidos que calquera Estado que pretenda chamarse democrático, debera de prohibir certos partidos políticos e meter inmediatamente no cárcere aos seus membros. Non don Manoel, non! Nun Estado democrático ninguén pode prohibir a ningunha facción política salvo que de forma reiterada e grave esta organización atente contra ese réxime democrático de liberdades; e o de “meter no cárcere inmediatamente” á xente por expresar ás súas opinións, aínda que estas sexan contrarias ás nosas, nos recorda demasiado a tempos non moi afastados.

E mire que lle digo, don Manoel! Eu, sen querer sentar cátedra máis que desa especialidade, que aínda non se imparte en universidade ningunha, de filósofo tabernario, quero lembrarlle as verbas que a escritora británica  Evelyn Beatrice Hall puxo en boca de François-Marie Arouet, máis coñecido como Voltaire :

“Estou en desacordo co que dis, pero defenderei ata a morte o teu dereito para dicilo”

Ningún comentario:

Publicar un comentario