Mire que lle digo don Manoel! Nin tanto acá nin tanto alá! Que non somos hoxe
moito mellores simplemente polo feito de chamar discapacitados aos que teñen
algunha eiva, algunha función básica limitada ou anulada. Especialmente se
seguimos a pensar que os diferentes son menos humanos, menos válidos, se
seguimos a actuar como se foran seres inútiles e inservibles e unha carga para
a sociedade. Certo é que xa non estrangulamos aos neonatos mal formados, nin afogamos
aos nenos débiles ou anormais, pero seguimos a clasificar á xente polo seu
aspecto e a considerar repulsivos aos que son distintos a nos. Eses son para
min, don Manoel, os peores discapacitados: os que eu chamo discapacitados morais.
Os discapacitados morais son xente que carece de toda ética, de toda
consideración e respecto polos demais. Moitos deles, en nome dunha pretendida boa
educación, evitarán chamar subnormal, atrasado ou mongólico aos que eles
consideran deficientes. Pero para o seus internos seguiran a consideralos anormais,
sen pararse a pensar que iso que chaman normalidade non existe; que a
normalidade non é máis que unha construción mental; que a humanidade no seu
conxunto é unha paisaxe heteroxénea de homes e mulleres, de novos e vellos, de sans
e enfermos, de razas distintas, orientacións sexuais distintas e
particularidades físicas distintas; unha humanidade de dereitos iguais e necesidades
desiguais.
Un destes discapacitados morais do que lle falo, era o Fernando, home feito
ao que con aquela teima tan propia de Bouzas de poñer alcumes chamabamos, máis por
mal nome que por adeallo, o Cabesaghrande.
Fernando era, a máis de cliente habitual da taberna do Mincha, un pailán
sabichón daqueles que falan de calquera cousa ou de calquera tema, convencido
de que sabe e entende de todo, e que non calan nin debaixo da auga. O Cabesaghrande traballaba na carpintería
da rúa Alfolíes, esa que hoxe é un restaurante, e entre os seus costumes máis noxentos
tiña o de facer escarnio do Moncho, un rapaz co síndrome de Down, ao que
emprega como branco das súas mofas. Nun alarde de enxeño, imitaba a pronuncia do
rapaz transformando o seu nome de Moncho en “Mongo”, nun ridículo intento de facer
un xogo de palabras coa denominación que John Lagdon Down deulle aos que tiñan
esta alteración xenética, por mor da semellanza que o rostro dos afectados polo
síndrome, tiña coas persoas deste grupo étnico. [1]
Eu, don Manoel, tiña por este rapaz un grande afecto, e sincero aprecio.
Fillo de solteira, a súa nai sempre estivo máis atenta en engaiolar a un home
que fixera por ela, que en ocuparse da educación e mantenza do rapaz, que saíu
adiante case que de milagre! Pero de milagre laico, obra da solidariedade dos
probes, que caridade daqueles que a levan como bandeira non houbo! Ben sabe don
Manoel que a igrexa non axuda aos fillos do pecado!
E nesta axuda ao Moncho, para maledicencia dalgúns que dicían que algo
habería para tanta largueza, destacaba a do meu amigo Antonio o da asesoría. Ben
é certo que Antonio non buscaba o recoñecemento, e agachaba acotío este aprecio
polo rapaz detrás dun constante reproche polo que el chamaba o seu pouco sangue;
pois para o seu entender, Moncho era excesivamente tranquilo e calmoso fronte as
ofensas do Fernando.
-
Ese rapaz,
que pouco sangue ten! Eu no canto del xa tería feito algo.
- Non teña
mágoa don Antonio! –dicíalle o Moncho –Rinse de min porque son diferente, pero
eu ríome de eles porque son todos iguais.
Antonio, o da asesoría, era un home tranquilo, pero xa sabe don Manoel aquilo
que din de que “da auga maina líbreme o ceo que
da auga brava líbrome eu”, e eu sempre andaba nun XX de que perdera a paciencia
con Fernando e as cousas marcharan fora do rego! Ata que un fausto día que
resoa no meu recordo como os versos do gran Homero, entra pola porta da taberna
do Mincha o Cabesaghrande, cunha
aparatosa vendaxe no dedo índice. Antonio, que xa sabemos que non lle tiña en
moito aprezo, aproveita o incidente para intentar amolar:
-
E logo Fernando?
Que é iso que traes!
-
Manqueime coa
ingletadora! –ao que o Moncho pregunta:
-
Coa que?
-
Ingletadora, “Mongo”!
-
E que cousa é
unha ingletadora don Fernando?
- Unha máquina
para facer bispeis! –resposta o Fernando, engadindo retranqueiro –“Mongo”, ti
non controlas moito de carpintería, non si?
-
Eu non! Pero parece
que vostede tampouco é que controle moito se a tal ingletadora púxolle o dedo
así!
E mire que lle digo don Manoel! A mandíbula inferior do Cabesaghrande descolgouse da superior,
deixando ver un espazo tan grande como a cova de Polifemo; a cara viroulle de
color, e foi collendo por quendas cada un dos do arco da vella. Foi o final das
chanzas do Fernando. E “dígocho Xan, enténdeme Pedro”, nunca ninguén máis
atreveuse a facer a burla do Moncho. E cando, van xa alá uns anos, démoslle terra
ao coitadiño, no cemiterio estaban todos os parroquiáns da taberna do Mincha, con
Fernando á cabeza.
Non te
poñas fachendoso,
que cada
un sabe o seu;
ves o
lixo nos meus ollos,
non ves a tranca nos teus.
[1] Mentres, o médico, botánico e zoólogo sueco Carl Linnaeus no seu Systema Naturae editado no 1767, catalogou cinco
"variedades" de especies humanas. Cada unha foi descrita como
posuidora das seguintes características
fisionómicas:
1.
Americanus:
vermello, colérico, xusto; negro, ergueito, cabelo groso; obstinado, celoso, libre; pintándose con
liñas vermellas; regulado por costumes.
2.
Europeanus:
branco, sanguíneo; con abundante cabelo longo; ollos azuis; xentil, enxeñoso, inventivo;
cuberto con vestimenta pechada; regulado por costumes.
3.
Asiaticus:
amarelo, melancólico, teso; cabelo negro, ollos escuros; severo, arrogante, cobizoso;
cuberto con vestimenta solta; regulado por opinións.
4.
Africanus: negro,
flegmático, relaxado; negro, cabelo rizado; pel suave, nariz plano, beizos inflamados; mulleres sen vergoña; glándulas mamarias dan leite abundantemente; astuto,
descoidado; se unta graxa; regulado pola
vontade.
5.
Monstrosus: non
apareceron nas primeiras edicións do Systema
Naturae. Este caixón de xastre, incluía ao
Homo feralis, home feroz de catro
pés, mudo e peludo; o Juvenis lupinus hessensis,
neno lobo de Hessen, criado por animais, o Juvenis
hannoveranus, ou neno de Havelín, a Puella
campanica nena salvaxe de Champaña; o
áxil pero débil de corazón Homo monstrosus, o xigante de Patagonia,
o anano dos Alpes, e Khoikhoi (
Hottentot). Logo, no Amoenitates academicae
(1763), engadiu ao Homo anthropomorpha, o troglodita, o sátiro, a hidra e o fénix,
incorrectamente identificado como criatura simiesca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario