Érase, non unha vez senón moitas veces, as que a netiña dicíalle ó seu avó:
- Avó, cóntame un conto de princesas!
E o avó calaba. Como ía explicar a súa adorada netiña de so cinco anos de
idade, a carraxe que o invadía cada vez que alguén faláballe de princesas?
Porque o avó fora dende ben novo un neno especial, ao que os moitos accidentes
que sufrira na rúa e na escola acabaron por apartalo das actividades de risco e
dos deportes violentos e, para a súa inmensa sorte, encamiñar os seus ocios ao
abeiro das páxinas dos libros. E coa sabedoría contida nelas e o axeitado siso,
oportunamente recuperado dos despoxos do seu naufraxio vital, edificar a
fortaleza de prudencia, razón e sensatez, dende onde administrar rectamente o coñecemento,
ciencia e cultura precisos nos eidos e searas da súa vida.
O avó fora (e era) un lector afoutado, impenitente e contumaz. Afoutado
porque tiña a gala rematar todo canto libro encetara; impenitente porque leu
tódolos días da súa larga vida, estivera onde estivera; e contumaz porque,
aínda estimando e escoitando as opinións alleas, nunca mudou no seu amor por
certos libros que a crítica profesional deostaba, nin no seu desdén por outros sinalados
como obras mestras por esa mesma crítica.
Por escoller dúas máis entre as particularidades lectoras do avó, (por ter,
ten máis que facetas o ollo dunha mosca!) citaremos o seu espírito inquiridor, que
obrígalle a ler cun dicionario enciclopédico aos alcances, e o de contradición,
que en demasiadas ocasións estraga o goce de algunhas das súas lecturas; en
particular os contos para nenos e mozos: a literatura infantil e xuvenil, LIX
no seu acrónimo.
Xa de ben novo, ao avó os heroes dos contos non lle parecían tan heroes nin
as princesas tan desexables. Poñía os seus afectos máis no Capitán Garfo que no
Peter Pan; máis na balea Moby Dick que non no insensato e desvariado Ahab; máis
no valente Long John Silver que non no irascible e lingoreteiro Trelawney. Leu
a Biblia, cousa que daquela non facían os católicos, e descubriu que o deus do
Xénese era un trampón que facía que o fume das ofrendas que Caín lle facía
esmagárase contra o chan namentres as de Abel subían dereitiñas ao ceo; un
manipulador que tiña que levar a Isaac ata a insania coa súa esixencia de que
lle sacrificara ao seu fillo primoxénito, para probar algo cuxo resultado, na
súa omnisciencia, xa coñecía previamente; antolladizo e tarabelo que,
descontento coa súa propia creación, manda un dioivo universal no que afoga a,
cando menos, 20 millóns de persoas e innúmeros animais; un demente sedento de
sangue que fai sufrir 10 pragas ao pobo exipcio, inocente das decisións do seu
faraón; un racista irredento que pretende que o pobo que escolleu ten dereito a
masacrar ao resto de pobos, en teoría tan obra súa como os demais. Todo iso leu
e nada entendeu, e nada creu.
E un día nuns exercicios espirituais os xesuítas lle contaron que un
católico irreprochable, despois de toda unha vida de bondades e sacrificio
polos demais, ía ao inferno por, no intre do seu pasamento, ter un mal
pensamento; namentres o que fora un canalla explotador ía ao ceo, tras unha
oportuna confesión no instante anterior á súa morte. Ese día decidiu deixar
para sempre unha relixión tan absurda onde hai “máis gozo no ceo por un pecador
que se arrepinte que por noventa e nove xustos que non necesitan arrepentimento”
E dende esas ningún conto podía ser lido sen buscarlle as cóxegas, ningún heroe
era tan perfecto como lle querían facer crer, e canda seu vilán tiña os seus
motivos para non seguir o camiño vital establecido. E conforme os libros e a
vida o facían medrar intelectual e politicamente aprendía que para a ideoloxía
conservadora, viláns eran tódolos que
loitaban por cambiar as cousas, e os heroes aqueles que procuraban por calquera
medio que todo seguira igual. Por iso ás máis das veces os viláns tiñan para el
tanto atractivo.
E se dos heroes renega, as princesas tampouco teñen para el unha especial consideración:
- E, que dicir das princesas? Branca Neves por exemplo. Branca Neves era unha inxenua; unha inxenua e unha imprudente. Como senón se pode explicar que se deite tranquilamente a durmir na casa duns descoñecidos? Sete homes que viven no medio dun bosque, afastados do resto da xente. E ananos! Que é cousa sabida que o seu armamento non corresponde coa súa estatura! E logo, cando comproba que, por fortuna para ela, os ananos non estaban moi interesados polo sexo oposto, mete á unha muller do máis sospeitosa na casa e cómese a mazá que lle ofrece. Finalmente nun máis difícil aínda, casa cun tipo do que non sabe máis que o seu xeito de bicar. Bela, a da besta, ten o síndrome de Estocolmo. A saber que libros lía que pouco ou nada aprendeu neles! Porque chegar á conclusión de que para converter a un maltratador nun príncipe azul chega cun pouquiño de paciencia, unha presada de humildade e un brazado de resignación, é, cando menos, perigoso para a saúde.
O avó colle folgos e continúa impertérrito o inventario.
- E logo temos a Aurora, a Bela Dormente. Outra Bela máis! E cando falan de beleza, claro está!, nunca é da beleza interior! A señorita Dormente é, ante todo e sobre todo, torpe. Máis torpe e zoupeira que un burro atado a un poste. Outra explicación non ten que con 16 anos pida que lle aprendan a fiar, e á primeira que senta na roca sexa quen de picarse coa punta do fuso. Por non falar de que é outra que tal! Como Branca Neves vaise co primeiro que a bica! Que digo eu que, que obsesión que teñen cos bicos! Nin que foran rusos!
E algunha máis merece a súa atención.
- E para acabar de rematar as cousas o caso de Cincenta. Que pasa por afable, benévola e transixente, cando o que é de verdade unha coitada, mexeriqueira e pusilánime, que non é quen de dar unha puñada na mesa e defender os seus dereitos. Criada de servir na súa propia casa! Vivindo no faiado cos ratos e agardando un feitizo con hora de caducidade! Menos mal que esta non é princesa senón da aristocracia vinda a menos!
Pero nunca choveu que non escampase! Hai esperanza: as boas e afoutadas
lexións da LIX levan anos na loita por trocar o paradigma na literatura
infantil e xuvenil! Sen dar nomes, que sempre ten un o risco de deixar fora a
alguén con méritos abondo como para estar nela!
E mire que lle digo dona Lucía! O seu avó, que a quere tanto, decidiu
deixar por un intre ás súas historias de infamia, e contribuír, aínda que sexa minimamente,
á tarefa común da Lexión LIX, publicando na súa segunda entrega das nosa Crónicas
dun filósofo tabernario, un conto arredor das andanzas dun xigante xusto que
leva por título “O muíño de sal”, e outro dunha serea afoutada, cuspidiña a
vostede que chamou “Fuco, a serea e o diaño”. E non quero rematar este conto
sen dedicarlle unha copla que non é miña senón popular:
Baila, nena! Baila, nena,
e non deixes de bailar!
Que as estrelas tamén bailan
e non deixan de alumear!
Ningún comentario:
Publicar un comentario