Canta ti, gorxa de xílgaro,/ que a de merlo xa cantou,/ o cantar é alegría,/ eu sempre a cantar estou
Mire que lle digo, don Manoel! Nada coma ter amigos investigadores! Así que o seu avó Manoel, a máis de pintor de mérito e contador da sociedade cultural «La Oliva», exercía nela tamén de tenor! Ben vexo que “fillo de peixe nadar sabe!”.
Concordo coa súa
emenda, don Manoel! A herdanza da parte financeira para o fillo e a artística
para o neto, que non o vexo a vostede anotando pagos e cobranzas, manexando ingresos
e gastos, activo e pasivo, patrimonio e matrimonio. Non digo que vostede non
soubera preparar os informes dos estados financeiros, a documentación necesaria
para o cumprimento das obrigacións tributarias e todas esas tarefas propias da mellor
administración societaria, soamente que penso que está menos na súa natureza.
Pois tamén tería
o seu aquel que o seu avó Manoel houbera coincidido no coro coa Ascensión, a
nai daquela rapariga á que chamaban o “xílgaro de Alcabre” cuxa historia vai
tempo abondo que lle contara. Recorda? Que non? Que si que recorda pero pensa
que non coincidiran? Pois tampouco levareille a contra que a diferenza de idade,
agora que boto ás contas, semella abondo como para estragar o meu devezo.
Xa lle contara,
don Manoel, que Ascensión era unha das mellores sopranos que «La Oliva» tiña no
seu coro, á que, pola súa precisa afinación e dominio das dinámicas, encargaban
sempre a parte solista das pezas. E lembrará tamén que a moita exposición a que
tal virtude a obrigaba, non era moi do gusto do seu mozo, un garrido mariñeiro
do Berbés moi sensible ás chacotas e escarnios dos seus compañeiros de faena. E
que os boureos dos seus conmilitóns tanto mallaron no ferro frío da súa
imaxinación que, ateigado de ciúmes e investido da autoridade que a condición
de aspirante a consorte outorgáballe, puxo a Ascensión a condición de abandonar
esa actividade —das poucas gozosas e gratificantes que a probe tiña— para que
el persistira na súa intención de desposorio.
E malia que tal imposición
era unha vella coñecida entre as mellores voces femininas do coro, e confirmando
o vello dito de que os únicos que aprenden en cabeza allea son os barbeiros, a
nosa Ascensión puxo o amor coma arreda para arriar a súa vontade ao gusto do
seu home.
E mire que lle digo,
don Manoel! A decisión foi saudada cun leve múo de asentimento por parte do pai
e un sabio comentario por parte da nai.
—
Ti
verás o que fas, miña filliña! Pero non esquezas que cando casas compras o
animal polo rabo pero despois tes que aturar o porco completo.
Nada máis hei de
engadir a tan sabio consello, salvo a copla en octosílabos a que tan afeitos
temos aos nosos lectores.
Vállame
Dios, como canta,
a sereíña
no mar-e;
os
mariñeiros dan volta
solo pola
ouvir cantar-e.
Ningún comentario:
Publicar un comentario