Miren que lles digo meus queridos ordenses, tan afastados do meu mar de Bouzas coma achegados no meu afecto! Os meus moitos anos e a pouca saúde impídenme estar esta noite convosco, mais a miña pequena grande amiga Lucía, que estou certo que non é daquelas que canto din hoxe, mañá non é nada, prometeume que vos lería estas palabras de agradecemento. Agradecemento que podería dicir que é para todos e cada un dos presentes (e para aqueles que xustificaron a súa ausencia), e deste xeito acabaríamos de contado, pero que non vou facer ese non é o meu estilo, mais dado aos ditos e refráns, e, ao dicir de Lucila, a miña editora, ás frases subordinadas.
En primeiro lugar quero agradecer a hospitalidade das xentes do Bar Orellas, este templo do rock e do folk que o foi hoxe tamén da palabra, e templo da palabra nesta lingua proletaria do noso pobo que dicía Celso Emilio e que é o noso maior tesouro, un tesouro que nonos debemos de deixar arrebatar. E quero dicir que é un verdadeiro gozo ter oportunidade de que alguén lea nunha taberna o que tivo o seu berce tamén nunha taberna!
E falando de ler, vaia o meu recoñecemento para o Gonzalo e os dous migueles, os amigos que prestaron a súa voz aos meus pensamentos, recollidos con agarimo no seu día por don Manoel e que hoxe facedes coas vosas voces volver á súa esencia efémera.
E, como ben saben os que me coñecen, a música e a palabra van sempre xuntas no meu aprecio, coma unha nai e unha filla. Vaia, polo tanto, meu recoñecemento aos músicos Toni, Alexandre e Serxio, por ese labor de polinización das palabras. Sempre hai música soando na miña cabeza!
E último que non derradeiro, deixei para o final manifestar a miña gratitude ao autor de todo isto, Gonzalo Veiras. Alguén contoume, don Manoel, que foi alumno seu. Se estou no certo a súa participación neste serán ten, a ben seguro, dobrado mérito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario