Mire que lle digo, don Manoel! Ao final, queiras que non queiras, un pouco machistas somos todos. Mulleres incluídas no quiñón. Uns un pouco menos machistas e outros —e outras— moito máis. Algúns deles machistas orgullosos da súa actitude e outros —os menos— machistas ao seu pesar. Aqueles defendendo sen reparo a superioridade biolóxica do seu sexo, e repetindo ata a extenuación aquelo de Por ben que fale a muller, calada está mellor. Os outros a miúdo molestando cando intentan afagar, sen ser conscientes do impacto negativo das súas accións ou palabras.
—
Ben
sei da existencia de xente desa caste, don Paio! —dixo Damián o noso poeta minimalista
que estaba, como era mester, tomando ás once— Os vexo todos os días na
Asesoría! Machistas recalcitrantes que se resisten tenazmente, activamente, a
calquera cambio nas relacións coas mulleres, a calquera idea de igualdade de
xénero, sempre vixiantes das ameazas das «feminazis» á "orde
natural" das cousas!
—
Que
razón ten don Damián! —Intervén o Felipe, un cliente da asesoría— Haber hainos!
E abofé que abondan como para forrar un carro con eles!
—
E non
menos perigosos —retruca Damián— son todos eses que non se consideran machistas
a se mesmos, e declaran sentirse molestos coas actitudes machistas dos demais,
pero comentan cos amigos que eles son moi feministas, porque colaboran nas
tarefas da casa e no coidado dos fillos.
Hai que ver como
iso que chaman redes sociais fixo cambiar á xente! Na taberna do Mincha a xente
escoitaba a quen tiña algo que dicir do tema que se estaba a debater. Na do Miguel
todo o mundo ten unha opinión sobre todo, e está disposta a defendela, mesmo a
navalladas. E o tema interesa, e moito, á parroquia, que remove o cu nos tallos
ata que consegue enfiar a febra e facerse oír, xa que que non escoitar, no
debate.
—
E
logo? No me digas que iso é machismo! —intervén o máis novo e ousado deles.
—
Por
suposto! As tarefas da casa e o coidado dos fillos son responsabilidade dos
dous!
—
Iso
será se a muller traballa! Que ás mais andan todo o día de tenda en tenda e de cafetería
en cafetería.
—
Que
andarás a facer ti polas tendas e cafeterías para que as podas ver facendo esas
cousas?
—
Traballar!
—
Xa o
vexo! Traballando na taberna como agora!
Xa sabe don
Manoel que cando o diálogo deriva en liorta, eu abro o «baipás» e non escoito
nin o zunido dela. Son consciente de que á xente da miña xeración —e cada vez
máis ós da actual— nos custa moito non manifestar na nosa conducta cotiá,
moitos deses micro machismos que denuncia Damián. En actitudes, en
comportamentos, mesmo en formas de falar. Cousas que están fondamente fincadas en
patróns sociais, culturais e mesmo de pensamento. Patróns que abranguen os
comportamentos de homes e mulleres. Porque a miña muller non me deixaba entrar
na cociña pero sempre agardaba que chegara eu para arranxar todo o que se estragara
na miña ausencia.
E mire que lle
digo, don Manoel! Ben está loitar contra esa normalización da desigualdade.
Diferencias si, pero non esa desigualdade tan sutil que pasa desapercibida e
vólvese parte do pensamento social, dificultando un cambio profundo das
relacións entre as persoas. Non é unha loita doada. Require autocrítica, unha
atencións constante, e unha forte vontade de aprender dos propios erros, mesmo
cando a intención non foi mala.
A nosa cultura
popular ten exemplos abondo deste pensamento. Como esta copla que teño cantado
en máis dunha ocasión:
Entra se podes na casa,
Míralle ben os cornellos[1]
para ben pouco muller é
se non varre máis que os medios.
[1]
Os cornellos ou cornechos son os recantos
dun espazo, os lugares situados nos ángulos onde se xuntan dúas paredes.
Ben certo e ben contado
ResponderEliminarMil grazas don Juan José
Eliminar