sábado, 2 de agosto de 2025

Míralle ben os cornellos...


 Mire que lle digo, don Manoel! Ao final, queiras que non queiras, un pouco machistas somos todos. Mulleres incluídas no quiñón. Uns un pouco menos machistas e outros —e outras— moito máis. Algúns deles machistas orgullosos da súa actitude e outros —os menos— machistas ao seu pesar. Aqueles defendendo sen reparo a superioridade biolóxica do seu sexo, e repetindo ata a extenuación aquelo de Por ben que fale a muller, calada está mellor. Os outros a miúdo molestando cando intentan afagar, sen ser conscientes do impacto negativo das súas accións ou palabras.

      Ben sei da existencia de xente desa caste, don Paio! —dixo Damián o noso poeta minimalista que estaba, como era mester, tomando ás once— Os vexo todos os días na Asesoría! Machistas recalcitrantes que se resisten tenazmente, activamente, a calquera cambio nas relacións coas mulleres, a calquera idea de igualdade de xénero, sempre vixiantes das ameazas das «feminazis» á "orde natural" das cousas!

      Que razón ten don Damián! —Intervén o Felipe, un cliente da asesoría— Haber hainos! E abofé que abondan como para forrar un carro con eles!

      E non menos perigosos —retruca Damián— son todos eses que non se consideran machistas a se mesmos, e declaran sentirse molestos coas actitudes machistas dos demais, pero comentan cos amigos que eles son moi feministas, porque colaboran nas tarefas da casa e no coidado dos fillos.

Hai que ver como iso que chaman redes sociais fixo cambiar á xente! Na taberna do Mincha a xente escoitaba a quen tiña algo que dicir do tema que se estaba a debater. Na do Miguel todo o mundo ten unha opinión sobre todo, e está disposta a defendela, mesmo a navalladas. E o tema interesa, e moito, á parroquia, que remove o cu nos tallos ata que consegue enfiar a febra e facerse oír, xa que que non escoitar, no debate.

      E logo? No me digas que iso é machismo! —intervén o máis novo e ousado deles.

      Por suposto! As tarefas da casa e o coidado dos fillos son responsabilidade dos dous!

      Iso será se a muller traballa! Que ás mais andan todo o día de tenda en tenda e de cafetería en cafetería.

      Que andarás a facer ti polas tendas e cafeterías para que as podas ver facendo esas cousas?

      Traballar!

      Xa o vexo! Traballando na taberna como agora!

Xa sabe don Manoel que cando o diálogo deriva en liorta, eu abro o «baipás» e non escoito nin o zunido dela. Son consciente de que á xente da miña xeración —e cada vez máis ós da actual— nos custa moito non manifestar na nosa conducta cotiá, moitos deses micro machismos que denuncia Damián. En actitudes, en comportamentos, mesmo en formas de falar. Cousas que están fondamente fincadas en patróns sociais, culturais e mesmo de pensamento. Patróns que abranguen os comportamentos de homes e mulleres. Porque a miña muller non me deixaba entrar na cociña pero sempre agardaba que chegara eu para arranxar todo o que se estragara na miña ausencia.

E mire que lle digo, don Manoel! Ben está loitar contra esa normalización da desigualdade. Diferencias si, pero non esa desigualdade tan sutil que pasa desapercibida e vólvese parte do pensamento social, dificultando un cambio profundo das relacións entre as persoas. Non é unha loita doada. Require autocrítica, unha atencións constante, e unha forte vontade de aprender dos propios erros, mesmo cando a intención non foi mala.

A nosa cultura popular ten exemplos abondo deste pensamento. Como esta copla que teño cantado en máis dunha ocasión:

Entra se podes na casa,

Míralle ben os cornellos[1]

para ben pouco muller é

se non varre máis que os medios.



[1] Os cornellos ou cornechos son os recantos dun espazo, os lugares situados nos ángulos onde se xuntan dúas paredes.

2 comentarios: