Din que á
terceira vai a vencida, e tal é o meu propósito de hoxe: Dar cabo dunha vez por
todas á historia de Lita, a filla de Isolina, a menciñeira de Escudeiros. Porque
aínda que non hai dous sen tres; nin catro que mal faga, xa vou pola terceira
volta que intento xustificar o título da serie, e mire que lle digo, don Paio!
Xaora que desta si que vai!
Deixe que pase un
pequeno repaso ao que xa contara. No primeiro día creo que faleille da empresa
de desparasitado que Lita e Eduardo —uns amigos dos meus pais— montaran na rúa
de Urzáiz, e de como a competencia doutras alternativas máis baratas limitaba o
desenvolvemento da citada empresa. Tamén das circunstancias nas que Eduardo e
Papá se coñeceron e intimaron, e como o matrimonio acabou entrando na nosa casa
e nas nosas vidas. E teño para min que ese primeiro día fóiseme en contar o que
—moitos anos despois— descubrira da vida do pai de Eduardo no campo de
concentración de Argelès-sur-Mer, nas CTE que traballaron no encoro de Gnioure
e no Departamento de Control de Pragas de Toulouse.
E no segundo... o
segundo día o teño máis recente! Contara a historia de Isolina a nai de Lita,
do seu labor de «sabedora» na Fonte da Levada, do accidente de Román na mina de Escudeiros
e da súa sanación. E finalmente o nacemento da cativa e o asasinato do pai nos
primeiros días do golpe militar. E a fuxida ata Cortegada e finalmente ata Vigo,
onde resultaba moito máis doado escapar da persecución entre as engurras do
tecido social da cidade.
Día máis recente
e máis achegado nos meus afectos, porque hei de confesar que o máxico, o
misterioso, forma parte esencial da miña natureza, chantada, non sei ben se por
vía materna —galega— ou paterna —toledana— no cerne da miña alma.
Non don Paio. Da
miña tía! Á miña avoa galega non a coñecín —Mamá quedou orfa moi cedo— e a avoa
toledana que vivía connosco, era xa moi maior, e pouco afeccionada aos cativos.
A tía; a tía Lola foi a que cumpriu tal papel. E debo dicir que de lindo
gusto!, que nada lle gustaba máis que facernos tremelicar de medo coas súas
historias de estatuas que cobran vida nas igrexas toledanas e de noitébregos
aparecidos de turbias intencións, cuxos pasos nos parecía escoitar facendo renxer
os banzos da escaleira da nosa casa.
Así que, un deses
días nos que Lita e Eduardo están tomando a merenda na nosa casa, entra pola
porta Rodó, outra das amizades que tampouco tiñan necesidade de anunciar a súa
presenza porque eran sempre ben recibidos. Rodó tiña varios negocios dos que
vivía moi ben. Un deles, o do aluguer de pisos, era precisamente do que viña
disposto a laiarse hoxe.
—
Xa é
o segundo maragato destes de merda que se morre nun piso meu! Aínda teño o
outro que ninguén quere alugar e ten que morrer outro máis! Xa podía ir a
morrer a aldea!
—
E
logo meu amigo! —preguntou meu pai— , que importancia ten que morra en Vigo ou
en Curillas de Sayago?
—
Se
morrera nun hospital, ningunha. O problema é que poucos teñen esa deferencia
cos propietarios de pisos de aluguer! E, non sei moi ben a conto de que, cando
se da tal desgraciada circunstancia é como se o piso onde ocorreu quedara
apestado! Á primeira oportunidade recollen todas ás súas pertenzas e marchan a
outro piso. Aínda que sexa máis caro; aínda que sexa peor. Tanto lles ten! A
cousa é escapar do contaxio da morte.
Lita calaba.
Malia que devecía por intervir na conversa, por demandar máis información a tan
choromiqueiro propietario, calaba. A esta altura, tantos anos despois de
escapar de Escudeiros no colo da súa nai, tantos anos de aprender a calar, de aparentar
normalidade, ollando como a outrora «Isolina a menciñeira» fregaba escaleiras e
traballaba nos máis humildes oficios, esborranchando da súa intención toda a
marabillosa ciencia de sanación que atesouraba no seu coñecemento, sabía abondo
o valor que naquelas circunstancias tiña silencio e a simulación de ignorancia.
Ocasión habería de pescudar máis información!
Ben certo, don
Paio! A Santa Inquisición que dende a súa creación xulgou e procesou a un gran
número de mulleres españolas, acusándoas de bruxaría, feiticería e superstición,
foi en Galicia un pouco máis laxa. Mírase que a maioría dos inquisidores que
chegaban a esta terra procedentes da meseta atoparon que as prácticas das
menciñeiras galegas eran tan útiles e gozaban de tan alta consideración por
parte da poboación que a gran maioría dos procesos do Santo Oficio na nosa
terra saldáronse con penas de desterro, azoutes ou submisión, sendo as
execucións na fogueira extremadamente raras no noso contexto.
E volve a ter
razón, don Paio! E non está nada mal que quen o diga sexa un home da súa xeración.
O poder eclesiástico é o principal interesado en reprimir estes saberes ligados
á medicina natural, á espiritualidade non cristiá e á autonomía social; e non
tanto por populares como por femininos! O poder de sanación física e espiritual
destas mulleres era visto pola igrexa como unha ameaza á orde patriarcal e
relixiosa establecida.
Mire que lle
digo, do Paio! Que de mouras peiteándose con peites de ouro nos espellos de
auga da Fonte da Levada na mañá de San Xoán, podemos falar se lle presta; pero
non estaba eu moi polo labor de deixar unha vez máis sen facer o traballo
proposto no primeiro parágrafo: o de dar cabo á historia de Lita e Eduardo. Así
que se non lle serve de molestia, vou continuar a historia onde a deixei: co
señor Rodó laiándose pola desconsideración dos inquilinos de morrer no piso da
súa propiedade, e a Lita calada coma unha parede: escoitando pero non falando.
—
E
logo pensan que o piso queda contaminado? —di Papá que aínda que é de Toledo,
non cre nestas cousas—. Eses son contos de vellas!
—
Non
tal don Fernando —rompe a falar Lita, que xa non pode máis— Nas aldeas o fogar é
un organismo vivo que conecta ás xeracións pasadas coas presentes. Cando alguén
morre dentro da casa cómpre que o tránsito entre o mundo dos vivos e o dos
mortos se faga ordenadamente. Na cidade os que naceron nela ignoran todo do
ritual e dos pasos a seguir; e os que naceron no rural se avergonzan de tal
circunstancia, e os esquecen a mantenta por non parecer ignorantes.
Calamos todos para
que Lita seguira explicando cousas como que sen esas precaucións a alma do
defunto non pode atopar o seu camiño e queda vagando como “aire de morto” ou
“sombra” polos currunchos e recantos da casa. Ou que o cuarto do finado tiña
que quedar pechado, mantendo as xanelas atrancadas e os mobles cubertos,
durante o ano de loito, porque calquera que entrase ou durmise nese cuarto
antes de tempo podía pillar a quentura, enfermar de tristura ou sufrir o
meigallo. E o máis importante: que non era que a casa quedara enmeigada e fora
para sempre inutilizable, non; era que o tránsito non se fixera axeitadamente e
que era necesario proceder a un conxunto de rituais de limpeza que permitiran
ao espírito do defunto descansar por fin.
—
E con
iso chega para o noso propósito? — preguntou Rodó, esperanzado.
—
Facéndose
ben, desde logo.
—
E ti
saberías facelo?
—
Abofé
que si! Son filla aplicada da miña nai, e cousas máis difíciles fixo ela no
lugar de onde vimos!
Podo acreditar,
porque alí estaba facendo como que xogaba cunha boneca, que Eduardo ollaba para
a súa muller cos ollos abertos como un sapo, disposto a meter baza na conversa se
non fose polas patadas de advertencia que recibía da súa muller por baixo da
mesa.
—
Pois
o que vai diante, vai diante! Se non hai reparos mañá pola mañá despois da
misa, a espero no segundo andar da rúa do Príncipe número **.
—
Alí
estaremos! Eu e —se non lle sabe mal— o meu Eduardo con todos os seus trebellos
por se cómpre librarse doutros hóspedes; que o ben feito ben parece, e non hai
por que dar que falar ás rexoubeiras!
Lita, que meiga
será pero tamén muller de negocios, apunta:
—
Sabe
vostede se a familia do morto tivo a precaución de tapar os espellos da casa e
abrir as ventás no momento do finamento para que a alma non se vise reflectida
e marchase ben?
—
Non
teño nin idea!
—
Imos
ter que poñernos no peor e traballar de firme. Vai ser un pouco máis caro do
que pensaba!
—
Non
importa: cun mes de aluguer xa saio a pre!
Era o meu
momento: agora ou nunca!
—
Mamá,
Mamá: podo ir con eles?
—
E ti
que pensas que vas pintar alí?
—
Axudar
e aprender!
Riron todos.
—
Mira
ti Lita: xa tes aprendiz! Faina traballar arreo para que saiba que O
traballo non mata pero amata!
—
Razón
no lle falta Papá! Pero non menos certo é que O traballo do rapaz é pouco
pero o que non o aproveita é louco.
E así, refrán
contra refrán, chegamos ao domingo das miñas arelas. Ao saír da misa, ao pé das
escaleiras da igrexa dos Capuchinos, Lita e Eduardo agardaban por min, atafegados,
dos trebellos do oficio el, e de chintófanos e aparellos misteriosos ela.
A meiga vai
vestida —é domingo— con "roupa de garda": saia de percal dun marrón
sobrio, impecablemente limpa e pasada polo ferro con esmero. Blusa branca e
chaqueta cruzada atada cun botón discreto. Medias de seda e zapatos de coiro
negro de cordóns. No peito, colgado por dentro da blusa, leva ao pescozo, como protección
física e espiritual, unha patena de amuletos: un colar e tres cordóns de
esconxuro; un de prata cunha figa de acibeche; un de tripa cun dente de xabaril
e o terceiro de coiro coa cabeza dunha vacaloura. Do propio colar colgan tres
pezas de «Pedra do raio»[1], en forma de prismas de
seis caras rematadas nunha pirámide. Dependurado do brazo dereito trae unha
gran bolsa de coiro e na man esquerda un balde metálico con auga.
—
Imos
indo que logo fáisenos noite! —dime despois do saúdo.
—
Podo
axudar con algo? —dixen chea de ilusión por ser de utilidade.
—
Colle
este balde con auga; e non a derrames que é do cacho do sanxoán.
Que largo faise o
camiño dende o Couto dos Despoboados á rúa do Príncipe; aínda que non vaia máis
que a carreiriña dun can e que sexa costa abaixo, e que consonte di a expresión
popular, todos o santos axuden! Co corazón batendo de impaciencia chegamos ao
portal do edificio e subimos ao piso. Ao abrir a porta un forte bafo a piso
pechado golpea os nosos narices.
—
O
sentes? —pregúntame Lita.
Eu non sinto nada
especial, pero afirmo coa cabeza. Eduardo non necesita moita preparación: deixa
as súas cousas no vestíbulo, métese dentro da funda e procede sen pausa á
eliminación das presenzas reais en forma de ratos, cascudas e resto de pragas. Lita
necesita un pouco máis de preparación ritual para á súa tarefa de limpeza dos
imaxinarios da morte.
O primeiro de
todo que fai a meiga —que creo que chamarlle así des que vístese para o ritual
é obrigado— é sacar da gran bolsa de coiro un pequeno incensario de metal: para
"cortar" o aire pesado o primeiro é o fume! Nel deposita con unción un
puñado de herbas de San Xoán, abeluria seca, ruda, loureiro santo e unha miga de
lavanda e estalote para disimular o cheiro a esconxuro. Comezamos polo cuarto
onde estivo a cama prestando especial atención ós recantos e ás fiestras que
dan á rúa ou ao patio de luces, que son as vías polas que "foxen" as
almas e entran as malas linguas.
Decontado a meiga
comeza o varrido das estanzas cunha vasoira de xibarda. A clave do ritual está
no movemento: sempre se varre cara á porta de fóra, xamais cara ao interior da
casa. Cada golpe de vasoira vai botando fóra o rastro do morto, o alento que o
defunto deixou ao marchar. Sempre cara á porta; cara ao corredor primeiro e ás escaleiras
comunitarias despois, onde o tránsito da xente corrente acabará por esparexer a
enerxía negativa.
Me pide agora o
balde coa auga do cacho que deixara no vestíbulo. Do seu bolso saca un frasco
de vidro con augardente de ruda, romeu e herba luísa, o abre e engade un pouco do
seu contido á auga coa que fregará as táboas de madeira do chan. A meiga percorre
unha a unha as estanzas do piso insistindo na limpeza dos recantos —que é onde
din que se agochan as tebras e as lendas—. E podo da fe que non murmura, como
din, esconxuros ou ladaíñas, porque estamos a falar ás dúas mentres lle axudo
no traballo.
Unha vez limpo o
chan, cómpre oficiar o selado de portas e fiestras. Co dedo polgar mollado nunha
pinga de aceite alcanforado fai unha pequena cruz invisible detrás da porta
principal e nas xambas das fiestras. O "rastro" que sacou fóra xa non
pode volver entrar. A casa queda morna e limpa, devolta ao mundo dos vivos.
—
Feito!
—di satisfeita Lita— Remataches Eduardo?
—
E
todo isto que fixemos, para que serve? —pregunto eu
—
Para
que os vivos puideran volver habitar este piso sen necesidade de mirar por riba
do ombro.
—
Para
iso limpamos o aire? —insisto.
Lita sorrí.
—
Querida
nena! Se algo de nos queda nesta realidade despois de mortos non perdura no
aire precisamente; nin no chan dos cartos e corredores da casa: queda das almas
dos que con el conviviron; como unha presenza amable se a relación foi boa, e
como unha presenza maligna se algo malo lle fixemos en vida.
Adiviño pola
resposta que Lita xoga con esa necesidade de crer noutras realidades que temos
todos. E os galegos especialmente. E comprendo que a parella complementan os
seus saberes: no Vigo industrial deses anos aínda é cedo para unha empresa
seria e profesional de desparasitado. E tarde para contratar a unha meiga para
limpar un piso do aire de morto. Pero unha empresa que ofreza un servizo
integral pode ter un gran futuro.
Eduardo xa rematou a súa parte da faena. Lita recada os seus trebellos e os
garda con coidado na bolsa. Fechan a porta con coidado e danlle dúas voltas á
chave. Rodó agárdaos na cafetería do Derby cos cartos que darán ao negocio de
limpeza unha nova esperanza.
—
Mágoa! —dime Lita cando estou chuchando nun xeado— Mágoa de
non poderse publicitar axeitadamente con algo así como «Limpamos locais de
morte».
Non fixo falla nin botalo por fora. Nos tempos que corrían daquela o boca a
boca era a mellor publicidade, e Lita e Eduardo saíron como soñaran de probes. Pero
nunca esqueceron a casa onde a súa sorte virara como a folla da ulmeira.
A herba
de namorar,
a herba
namoradeira,
a herba de namorar,
tráiocha na faldriqueira.
[1]
O cristal de rocha é un cuarzo incoloro e transparente. Óxido de silicio en
estado practicamente puro recibe o nome de «pedra do raio» na cultura popular
porque se cre que se formaron polo impacto dun raio durante unha tormenta, e
que debido a esa orixe protexe contra as faíscas e as febres.
