Amosando publicacións coa etiqueta meiga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta meiga. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de xuño de 2026

Os limpadores de morte (3)

 

Din que á terceira vai a vencida, e tal é o meu propósito de hoxe: Dar cabo dunha vez por todas á historia de Lita, a filla de Isolina, a menciñeira de Escudeiros. Porque aínda que non hai dous sen tres; nin catro que mal faga, xa vou pola terceira volta que intento xustificar o título da serie, e mire que lle digo, don Paio! Xaora que desta si que vai!

Deixe que pase un pequeno repaso ao que xa contara. No primeiro día creo que faleille da empresa de desparasitado que Lita e Eduardo —uns amigos dos meus pais— montaran na rúa de Urzáiz, e de como a competencia doutras alternativas máis baratas limitaba o desenvolvemento da citada empresa. Tamén das circunstancias nas que Eduardo e Papá se coñeceron e intimaron, e como o matrimonio acabou entrando na nosa casa e nas nosas vidas. E teño para min que ese primeiro día fóiseme en contar o que —moitos anos despois— descubrira da vida do pai de Eduardo no campo de concentración de Argelès-sur-Mer, nas CTE que traballaron no encoro de Gnioure e no Departamento de Control de Pragas de Toulouse.

E no segundo... o segundo día o teño máis recente! Contara a historia de Isolina a nai de Lita, do seu labor de «sabedora» na Fonte da Levada, do accidente de Román na mina de Escudeiros e da súa sanación. E finalmente o nacemento da cativa e o asasinato do pai nos primeiros días do golpe militar. E a fuxida ata Cortegada e finalmente ata Vigo, onde resultaba moito máis doado escapar da persecución entre as engurras do tecido social da cidade.

Día máis recente e máis achegado nos meus afectos, porque hei de confesar que o máxico, o misterioso, forma parte esencial da miña natureza, chantada, non sei ben se por vía materna —galega— ou paterna —toledana— no cerne da miña alma.

Non don Paio. Da miña tía! Á miña avoa galega non a coñecín —Mamá quedou orfa moi cedo— e a avoa toledana que vivía connosco, era xa moi maior, e pouco afeccionada aos cativos. A tía; a tía Lola foi a que cumpriu tal papel. E debo dicir que de lindo gusto!, que nada lle gustaba máis que facernos tremelicar de medo coas súas historias de estatuas que cobran vida nas igrexas toledanas e de noitébregos aparecidos de turbias intencións, cuxos pasos nos parecía escoitar facendo renxer os banzos da escaleira da nosa casa.

Así que, un deses días nos que Lita e Eduardo están tomando a merenda na nosa casa, entra pola porta Rodó, outra das amizades que tampouco tiñan necesidade de anunciar a súa presenza porque eran sempre ben recibidos. Rodó tiña varios negocios dos que vivía moi ben. Un deles, o do aluguer de pisos, era precisamente do que viña disposto a laiarse hoxe.

      Xa é o segundo maragato destes de merda que se morre nun piso meu! Aínda teño o outro que ninguén quere alugar e ten que morrer outro máis! Xa podía ir a morrer a aldea!

      E logo meu amigo! —preguntou meu pai— , que importancia ten que morra en Vigo ou en Curillas de Sayago?

      Se morrera nun hospital, ningunha. O problema é que poucos teñen esa deferencia cos propietarios de pisos de aluguer! E, non sei moi ben a conto de que, cando se da tal desgraciada circunstancia é como se o piso onde ocorreu quedara apestado! Á primeira oportunidade recollen todas ás súas pertenzas e marchan a outro piso. Aínda que sexa máis caro; aínda que sexa peor. Tanto lles ten! A cousa é escapar do contaxio da morte.

Lita calaba. Malia que devecía por intervir na conversa, por demandar máis información a tan choromiqueiro propietario, calaba. A esta altura, tantos anos despois de escapar de Escudeiros no colo da súa nai, tantos anos de aprender a calar, de aparentar normalidade, ollando como a outrora «Isolina a menciñeira» fregaba escaleiras e traballaba nos máis humildes oficios, esborranchando da súa intención toda a marabillosa ciencia de sanación que atesouraba no seu coñecemento, sabía abondo o valor que naquelas circunstancias tiña silencio e a simulación de ignorancia. Ocasión habería de pescudar máis información!

Ben certo, don Paio! A Santa Inquisición que dende a súa creación xulgou e procesou a un gran número de mulleres españolas, acusándoas de bruxaría, feiticería e superstición, foi en Galicia un pouco máis laxa. Mírase que a maioría dos inquisidores que chegaban a esta terra procedentes da meseta atoparon que as prácticas das menciñeiras galegas eran tan útiles e gozaban de tan alta consideración por parte da poboación que a gran maioría dos procesos do Santo Oficio na nosa terra saldáronse con penas de desterro, azoutes ou submisión, sendo as execucións na fogueira extremadamente raras no noso contexto.

E volve a ter razón, don Paio! E non está nada mal que quen o diga sexa un home da súa xeración. O poder eclesiástico é o principal interesado en reprimir estes saberes ligados á medicina natural, á espiritualidade non cristiá e á autonomía social; e non tanto por populares como por femininos! O poder de sanación física e espiritual destas mulleres era visto pola igrexa como unha ameaza á orde patriarcal e relixiosa establecida.

Mire que lle digo, do Paio! Que de mouras peiteándose con peites de ouro nos espellos de auga da Fonte da Levada na mañá de San Xoán, podemos falar se lle presta; pero non estaba eu moi polo labor de deixar unha vez máis sen facer o traballo proposto no primeiro parágrafo: o de dar cabo á historia de Lita e Eduardo. Así que se non lle serve de molestia, vou continuar a historia onde a deixei: co señor Rodó laiándose pola desconsideración dos inquilinos de morrer no piso da súa propiedade, e a Lita calada coma unha parede: escoitando pero non falando.

      E logo pensan que o piso queda contaminado? —di Papá que aínda que é de Toledo, non cre nestas cousas—. Eses son contos de vellas!

      Non tal don Fernando —rompe a falar Lita, que xa non pode máis— Nas aldeas o fogar é un organismo vivo que conecta ás xeracións pasadas coas presentes. Cando alguén morre dentro da casa cómpre que o tránsito entre o mundo dos vivos e o dos mortos se faga ordenadamente. Na cidade os que naceron nela ignoran todo do ritual e dos pasos a seguir; e os que naceron no rural se avergonzan de tal circunstancia, e os esquecen a mantenta por non parecer ignorantes.

Calamos todos para que Lita seguira explicando cousas como que sen esas precaucións a alma do defunto non pode atopar o seu camiño e queda vagando como “aire de morto” ou “sombra” polos currunchos e recantos da casa. Ou que o cuarto do finado tiña que quedar pechado, mantendo as xanelas atrancadas e os mobles cubertos, durante o ano de loito, porque calquera que entrase ou durmise nese cuarto antes de tempo podía pillar a quentura, enfermar de tristura ou sufrir o meigallo. E o máis importante: que non era que a casa quedara enmeigada e fora para sempre inutilizable, non; era que o tránsito non se fixera axeitadamente e que era necesario proceder a un conxunto de rituais de limpeza que permitiran ao espírito do defunto descansar por fin.

      E con iso chega para o noso propósito? — preguntou Rodó, esperanzado.

      Facéndose ben, desde logo.

      E ti saberías facelo?

      Abofé que si! Son filla aplicada da miña nai, e cousas máis difíciles fixo ela no lugar de onde vimos!

Podo acreditar, porque alí estaba facendo como que xogaba cunha boneca, que Eduardo ollaba para a súa muller cos ollos abertos como un sapo, disposto a meter baza na conversa se non fose polas patadas de advertencia que recibía da súa muller por baixo da mesa.

      Pois o que vai diante, vai diante! Se non hai reparos mañá pola mañá despois da misa, a espero no segundo andar da rúa do Príncipe número **.

      Alí estaremos! Eu e —se non lle sabe mal— o meu Eduardo con todos os seus trebellos por se cómpre librarse doutros hóspedes; que o ben feito ben parece, e non hai por que dar que falar ás rexoubeiras!

Lita, que meiga será pero tamén muller de negocios, apunta:

      Sabe vostede se a familia do morto tivo a precaución de tapar os espellos da casa e abrir as ventás no momento do finamento para que a alma non se vise reflectida e marchase ben?

      Non teño nin idea!

      Imos ter que poñernos no peor e traballar de firme. Vai ser un pouco máis caro do que pensaba!

      Non importa: cun mes de aluguer xa saio a pre!

Era o meu momento: agora ou nunca!

      Mamá, Mamá: podo ir con eles?

      E ti que pensas que vas pintar alí?

      Axudar e aprender!

Riron todos.

      Mira ti Lita: xa tes aprendiz! Faina traballar arreo para que saiba que O traballo non mata pero amata!

      Razón no lle falta Papá! Pero non menos certo é que O traballo do rapaz é pouco pero o que non o aproveita é louco.

E así, refrán contra refrán, chegamos ao domingo das miñas arelas. Ao saír da misa, ao pé das escaleiras da igrexa dos Capuchinos, Lita e Eduardo agardaban por min, atafegados, dos trebellos do oficio el, e de chintófanos e aparellos misteriosos ela.

A meiga vai vestida —é domingo— con "roupa de garda": saia de percal dun marrón sobrio, impecablemente limpa e pasada polo ferro con esmero. Blusa branca e chaqueta cruzada atada cun botón discreto. Medias de seda e zapatos de coiro negro de cordóns. No peito, colgado por dentro da blusa, leva ao pescozo, como protección física e espiritual, unha patena de amuletos: un colar e tres cordóns de esconxuro; un de prata cunha figa de acibeche; un de tripa cun dente de xabaril e o terceiro de coiro coa cabeza dunha vacaloura. Do propio colar colgan tres pezas de «Pedra do raio»[1], en forma de prismas de seis caras rematadas nunha pirámide. Dependurado do brazo dereito trae unha gran bolsa de coiro e na man esquerda un balde metálico con auga.

      Imos indo que logo fáisenos noite! —dime despois do saúdo.

      Podo axudar con algo? —dixen chea de ilusión por ser de utilidade.

      Colle este balde con auga; e non a derrames que é do cacho do sanxoán.

Que largo faise o camiño dende o Couto dos Despoboados á rúa do Príncipe; aínda que non vaia máis que a carreiriña dun can e que sexa costa abaixo, e que consonte di a expresión popular, todos o santos axuden! Co corazón batendo de impaciencia chegamos ao portal do edificio e subimos ao piso. Ao abrir a porta un forte bafo a piso pechado golpea os nosos narices.

      O sentes? —pregúntame Lita.

Eu non sinto nada especial, pero afirmo coa cabeza. Eduardo non necesita moita preparación: deixa as súas cousas no vestíbulo, métese dentro da funda e procede sen pausa á eliminación das presenzas reais en forma de ratos, cascudas e resto de pragas. Lita necesita un pouco máis de preparación ritual para á súa tarefa de limpeza dos imaxinarios da morte.

O primeiro de todo que fai a meiga —que creo que chamarlle así des que vístese para o ritual é obrigado— é sacar da gran bolsa de coiro un pequeno incensario de metal: para "cortar" o aire pesado o primeiro é o fume! Nel deposita con unción un puñado de herbas de San Xoán, abeluria seca, ruda, loureiro santo e unha miga de lavanda e estalote para disimular o cheiro a esconxuro. Comezamos polo cuarto onde estivo a cama prestando especial atención ós recantos e ás fiestras que dan á rúa ou ao patio de luces, que son as vías polas que "foxen" as almas e entran as malas linguas.

Decontado a meiga comeza o varrido das estanzas cunha vasoira de xibarda. A clave do ritual está no movemento: sempre se varre cara á porta de fóra, xamais cara ao interior da casa. Cada golpe de vasoira vai botando fóra o rastro do morto, o alento que o defunto deixou ao marchar. Sempre cara á porta; cara ao corredor primeiro e ás escaleiras comunitarias despois, onde o tránsito da xente corrente acabará por esparexer a enerxía negativa.

Me pide agora o balde coa auga do cacho que deixara no vestíbulo. Do seu bolso saca un frasco de vidro con augardente de ruda, romeu e herba luísa, o abre e engade un pouco do seu contido á auga coa que fregará as táboas de madeira do chan. A meiga percorre unha a unha as estanzas do piso insistindo na limpeza dos recantos —que é onde din que se agochan as tebras e as lendas—. E podo da fe que non murmura, como din, esconxuros ou ladaíñas, porque estamos a falar ás dúas mentres lle axudo no traballo.

Unha vez limpo o chan, cómpre oficiar o selado de portas e fiestras. Co dedo polgar mollado nunha pinga de aceite alcanforado fai unha pequena cruz invisible detrás da porta principal e nas xambas das fiestras. O "rastro" que sacou fóra xa non pode volver entrar. A casa queda morna e limpa, devolta ao mundo dos vivos.

      Feito! —di satisfeita Lita— Remataches Eduardo?

      E todo isto que fixemos, para que serve? —pregunto eu

      Para que os vivos puideran volver habitar este piso sen necesidade de mirar por riba do ombro.

      Para iso limpamos o aire? —insisto.

Lita sorrí.

      Querida nena! Se algo de nos queda nesta realidade despois de mortos non perdura no aire precisamente; nin no chan dos cartos e corredores da casa: queda das almas dos que con el conviviron; como unha presenza amable se a relación foi boa, e como unha presenza maligna se algo malo lle fixemos en vida.

Adiviño pola resposta que Lita xoga con esa necesidade de crer noutras realidades que temos todos. E os galegos especialmente. E comprendo que a parella complementan os seus saberes: no Vigo industrial deses anos aínda é cedo para unha empresa seria e profesional de desparasitado. E tarde para contratar a unha meiga para limpar un piso do aire de morto. Pero unha empresa que ofreza un servizo integral pode ter un gran futuro.

Eduardo xa rematou a súa parte da faena. Lita recada os seus trebellos e os garda con coidado na bolsa. Fechan a porta con coidado e danlle dúas voltas á chave. Rodó agárdaos na cafetería do Derby cos cartos que darán ao negocio de limpeza unha nova esperanza.

      Mágoa! —dime Lita cando estou chuchando nun xeado— Mágoa de non poderse publicitar axeitadamente con algo así como «Limpamos locais de morte».

Non fixo falla nin botalo por fora. Nos tempos que corrían daquela o boca a boca era a mellor publicidade, e Lita e Eduardo saíron como soñaran de probes. Pero nunca esqueceron a casa onde a súa sorte virara como a folla da ulmeira.

A herba de namorar,

a herba namoradeira,

a herba de namorar,

tráiocha na faldriqueira.

 



[1] O cristal de rocha é un cuarzo incoloro e transparente. Óxido de silicio en estado practicamente puro recibe o nome de «pedra do raio» na cultura popular porque se cre que se formaron polo impacto dun raio durante unha tormenta, e que debido a esa orixe protexe contra as faíscas e as febres.

 


luns, 25 de maio de 2026

Os limpadores de morte (2)

 

Mire que lle digo, don Paio! Con tanto falar de Eduardo e a súa familia vou e deixo a Lita sen a súa historia! Que, vaia por diante, non lle perde a cara en interese á do seu marido.

Pois verá, don Paio, Lita nacera en Escudeiros, nas terras de Ramirás, hoxe algo máis que unha aldea e algo menos cunha vila, que ten un patrimonio inmaterial fascinante intimamente ligado á cultura e a ese corazón fidalgo e monacal que irradia a veciña Celanova. E digo fidalgo porque Escudeiros é un topónimo de orixe ilustre. Non por nada escudeiro é o grao anterior ó dos cabaleiros, apelativo co que se coñecía ós que portaban o escudo e as armas do seu señor, coidaban do seu cabalo e asistían ao cabaleiro mentres se formaban baixo a súa tutela no uso das armas e no estrito código de conducta propio de tal condición, como paso previo e necesario antes de ser nomeados, á súa vez, cabaleiros.

A aldea de Escudeiros, malia o seu pequeno tamaño, garda na memoria das súas pedras e fontes o eco de vellas historias nas que a fronteira entre o aquén e o alén, entre o físico e o máxico, esvaécese. Nas pedras da igrexa parroquial, centro espiritual dunha fe cristiá en permanente loita contra das crenzas máis ancestrais, fondamente arraigadas nas carnes das xentes. Nas fontes como a da Levada, reino das Mouras e os Encantos.

As fontes e os mananciais en Galicia son, por excelencia, espazos liminares, portais cara ao "outro lado"; lugares propicios ao exercicio da sanación. E na fonte da Levada exercía a súa actividade de «sabedora», Isolina a nai de Lita.

Certo, don Paio! Hai moita confusión con iso das bruxas e as menciñeiras: a xente pensa que é todo un e non é tal. Na cultura popular galega, hai catro tipos de mulleres curadoras: dous pertencen ao mundo do físico e dous ao máxico. A «sabedora» e a «boa muller» ao físico, e a bruxa e a meiga ao máxico. A «bruxa» asociada coa desorde, a enfermidade e a morte e a «meiga» como representación simbólica da orde, a saúde e a vida. As «boas mulleres» son aquelas veciñas que coñecen unha serie de remedios eficaces para certas doenzas, mentres que a «sabedora» é unha muller que coñece as propiedades curadoras das plantas e, ademais, certo tipo de prácticas médicas tradicionais vinculadas á medicina popular.

Isolina moveuse toda a vida neste terreo de "facer o ben" aos demais, de practicar o oficio artesanal de curar o corpo ou a mente coa aplicación de herbas medicinais seleccionadas con sabedoría, e prácticas salutíferas aplicadas con tento; e non porque tivera algo contra da meigas —que xa lle gustaría posuír tal don!—, senón porque nacera sen esa forza telúrica, sen esa capacidade de cruzar a fronteira do invisible que teñen elas. Sendo moi cativa, preguntáralle á nai por tal circunstancia: se elas eran meigas ou menciñeiras, recibindo dela unha resposta tan pouco concreta, tan envolta nas brétemas da linguaxe, que ata que coñecera unha, nunca chegara a saber cal era a diferencia.

Fose como fose, menciñeira ou meiga, a Isolina custoulle ferro e fariña dar cun mozo que quixera sentar sen medo á súa beira. Na sociedade rural galega as menciñeiras, sexan meigas ou «sabedoras», son respectadas pero non queridas. Respectadas polo seu coñecemento profundo do medio natural, pola súa eficacia real, pero temidas. Ese mesmo poder que as facía esenciais provocaba o receo:

Quen ten o poder de sandar tamén o ten de magoar...

Certo don Antonio: o pobo é desconfiado! O é de xeito natural ou alguén sementou nel esa desconfianza? Porque igrexa e medicina oficial perden moita clientela coa actividade destas mulleres! E polo diñeiro baila o can!

Mírese como se mire, para un mozo da aldea, achegarse a Isolina para mocear implicaba cruzar unha barreira invisible feita de silencios, olladas, recendos e calafríos. Un muro detrás do que axexa o descoñecido e agarda o soñado; un obstáculo para cuxa superación cómpre reunir moito valor; ou moita desesperación! E mira que a Isolina era —a dicir da xente da contorna— unha rapariga ben garrida! Pero os mozos a miran de través por non quedar enmeigados, e ninguén se achega a ela no torreiro da festa para pedirlle un baile. Condenada á soidade porque o medo ao máxico é máis forte que o desexo!

E ela, orgullosa e distante, sofre en silencio por ese illamento, mentres ve como outras mozas vanse aparellando. Penso eu; ou quero pensar que ninguén mo dixo xamais! So que —vostedes perdoarán— deixeime levar polo impulso literario.

E foi así ata que un día houbo un accidente grave na mina de estaño de Escudeiros. Varios mineiros quedaron mancados baixo dunha derruba, un afundimento dunha galería interior que carecía de puntais de reforzo. Aqueles días chovera a eito e as filtracións de auga provocaron o colapso do teito da galería, deixando a catro obreiros sepultados e a un con graves feridas polos bloques de pedra caídos.

Os compañeiros de Román, que tal era o nome do ferido, o levaron de urxencia, con moi bo sentido, á casa de Isolina, por ver de darlle os urxentes auxilios que o arrincaran das gadoupas da vella señora, baixo cuxo dominio estaba practicamente xa.

      Cando abriu os ollos decateime de algo especial: teu pai miraba co revés do ollo —contoulle Isolina á súa filla, querendo expresar que Román tiña o don de ver o que os demais non perciben.

Ben sabe, don Paio que na nosa terra a mirada é a canle do poder máis absoluto. Da mirada nace o meigallo e o asombro pero tamén a clarividencia. E Isolina soubo ver no ollos de Román o futuro da súa filla.

A ciencia de Isolina salvou a Román da morte. E en xusta correspondencia Román salvou a Isolina da soidade e os receos da veciñanza casando con ela en canto recuperou o control das súas forzas. Todo era felicidade na casa de Isolina cando ao pouco tivo unha preciosa filla, de quen a avoa dixo nada máis mirala que herdara o xenio da semente. Isolina non sabe nada de recesivos e dominantes pero ten claro que a herdanza non a tocara a ela, pero que prendera na rapaza, que non vai precisar de ungüentos nin de herbas de San Xoán para gañar a vida; a filla ten o poder do sangue nos ollos.

Pero a felicidade da familia de Isolina, Román e a pequena Lita, torceuse na man duns militares perxuros que, obedientes ás ordes do capital, deron un golpe de estado contra da República en xullo do trinta e seis. E o Román, picador e líder sindical da UXT na mina, era o albo perfecto para a represión falanxista. Descabezar de forma inmediata todas as organizacións que puideran opoñerse ao golpe, deixar ao sindicalismo mineiro sen o seu líder, era o paso previo para implantar na bisbarra o reinado do terror: sen líderes non hai organización, e sen organización as posibilidades de resistir a un exército disciplinado non existen.

Certo é que tan pronto como se coñeceron as primeiras noticias do alzamento militar en África e a posterior sublevación das guarnicións da península, os sindicatos declararon a folga xeral; en Escudeiros e no Viso os traballadores paralizaron a produción e abandonaron as explotacións e os lavadoiros para poñerse a disposición dos comités de defensa da República que se estaban organizando nos concellos de Ramirás, Gomesende, Cartelle e a propia vila de Celanova.

Non sei quen foi o que dixo que o 18 de xullo as autoridades da República lle tiñan máis medo ao pobo que aos militares; acertaba! E Celanova non foi unha excepción: fronte a exixencia dos mineiros, o núcleo máis combativo e disciplinado das forzas leais á legalidade vixente, o alcalde de Celanova, o galeguista Virxilio Fernández, intentou coordinar a resistencia pero sen atender ás demandas de armas dos seus defensores. Como ben dicía o poeta cenetista Antonio Agraz naqueles combativos versos:

Recordad bien: era julio

y era noche de verano.

 

Por la Corredera Baja,

Tudescos y el Desengaño,

a la calle de la Luna

donde están los sindicatos,

con violencia de torrente

avanzaba río humano.

¡Armas!, pedían nerviosos.

¡Armas!, pedían airados.

¡Armas para sujetar

a los canallas del fascio!

 

Como no les daban armas,

a la lucha se lanzaron

la mitad medio desnudos,

la mitad medio descalzos.

E sen elas, que podían facer fronte as forzas da Garda Civil e as columnas de falanxistas que partiran de Ourense para asegurar o control do territorio? Ante tropas ben armadas e organizadas a resistencia con escopetas de caza e dinamita resultaba suicida.

A maioría dos republicanos da bisbarra baixaron os brazos, convencidos de que non tiñan nada que temer porque nada fixeran, e a represión alcanzaría soamente aos que se significaran dalgún xeito. Aquilo foi meter os pés no xerro! Descoñecían que o ideólogo do golpe tiña as cousas ben claras: "É necesario estender o terror... deixando unha impresión de dominio, eliminando sen escrúpulos nin vacilacións a todos os que non pensen coma nós." Non era necesario facer: Chegaba con pensar! Os meses seguintes, ata o outono de 1939, estiveron marcados por detencións en masa, paseos na revirada estrada cara a Ourense e consellos de guerra sumarísimos. O propio mosteiro de San Rosendo en Celanova acabou convertido nunha terríbel prisión central por onde pasaron moitos destes homes.

O resto, os poucos que como Román tiveran responsabilidades políticas ou sindicais non lles quedou outra que fuxir; "botarse ao monte" e intentar resistir ata que as forzas leais á República recuperan o control. Porque nin falar de tentar cruzar a fronteira con Portugal: a ditadura de Salazar colaboraba activamente cos sublevados devolvendo aos fuxidos.

Román, cun pequeno grupo de mineiros do Seixoval con forte conciencia de clase, houberan podido resistir algún tempo no monte pero a paternidade recente impulsa aos homes a tomar riscos que están por riba da necesaria prudencia. E Román era unha presa abondo apetecida para ter arredor da casa a constante vixilancia dos sublevados.

      Eu era moi cativiña pero recordo perfectamente, deitada no rolo de madeira que fixera para min, os ollos do meu pai asolagados en bágoas cando aqueles homes de rostros ameazadores e camisas azuis o separaban violentamente de min —me dixera Lita cando, moitos anos despois, me contara as súa peripecia vital.  

Ao día seguinte uns carreteiros que ían camiño a Cortegada descubriron o seu cadáver tirado na cuneta. Clientes da Isolina viñeron darlle noticia que o recoñeceran e que cando intentaran recollelo do chan saíran de detrás duns matos onde estaban agachados un par de falanxistas que llo impediran con moito aireo de pistolas, indicándolles con voces destemperadas que o morto tiña que quedar alí para escarmento da familia e advertencia aos fuxidos que aínda quedaban escondidos no monte. 

Ferro e fariña custoulle a Isolina convencer aos carreteiros que a acompañaran a recoller o corpo masacrado do seu home. Pero os favores debidos á menciñeira eran moitos, e desacougante a conciencia da súa propia covardía. Todo pesou para torcer a súa negativa, aínda que teño para min que o argumento que acabou por persuadilos foi a información de que a Isolina tiña e intención firme de levar con ela á filla, porque a sona do poder que tiña xa a cativiña na súa ollada correra como lume en palla seca polas congostras da contorna, ata os máis afastados recunchos da bisbarra.

E a noticia de que a pequena meiga formaba parte da comitiva que improvisaran para recuperar o corpo de Román cabalgou nas voces do vento ata o lugar onde os seus asasinos montaban ameazadora garda, facendo que o terror cambiase de bando de xeito que que cando a comitiva chegou ao lugar dos feitos xa non había ninguén que intentara opoñer resistencia a tan piadoso acto.

      Apagaron a tiros o ollar do meu pai —contaba Lita— pero toda a virtude que no seu ser había non se desvaneceu no vento senón que veu a reforzar máis aínda o meu don.

Soterrado o seu home Isolina sabe que a sorte é fuxidía, que o medo dos soberbios axiña cría rabia, e que os cans que liscaron aterrorizados un día irán xuntarse con outros cans para reunir valor abondo e cobrar as contas co sangue dela e da pequena. Antes de que a rabiosa manda volvese sobre os seus pasos, Isolina tomou a determinación de poñer terra por medio: utilizaría o amparo dos carreteiros e marcharía con eles, aínda que fora só co posto, ata Cortegada. Alí pasaría a ponte do Miño para coller na estación de Filgueira o ferrocarril ata Vigo. Na actividade frenética da gran cidade, entre balbordo a súa masa obreira e mariñeira sería máis doado atopar un refuxio de anonimato para unha viúva e a súa filla!

E así foi: Isolina entrou a traballar na casa dun importante persoeiro local, e aínda que Vigo segue a ser moi rural, e as estrugas, estalotes, abelurias, ameneiros e sabugueiros son ben doados de atopar, nunca máis foron por ela utilizados, máis que para a sanación de Lita ou dela mesma; a súa vida se concentrou desde aquela en non dar pistas da súa existencia: a menciñeira debe esvaecerse para que ninguén saiba dela e poida dar aviso á mala xente de Escudeiros do seu paradoiro.

E ata moitos, moitos anos despois, cando Isolina senta que chegoulle a súa hora, Lita non saberá nada da súa condición de meiga.

Pero isto, don Paio, xa é obxecto doutro conto, e co seu permiso ou sen el marcho, que hoxe teño que marchar. E marcho cunha copla de meigas e menciñeiras.

Co que a terra dá no monte

cura a menciñeira o mal;

o que a terra nos oculta

a meiga sábecho xa.