Amosando publicacións coa etiqueta Escudeiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Escudeiros. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de xullo de 2026

Escudeiros e a Institución Libre de Ensinanza

 

Mire que lle digo, don Manoel! Ben sei que a súa benquerida compañeira —como vostede gusta en chamarlle— ten moito máis quefacer que vir pola nosa taberna a contar as súas belidas historias, pero teño para min que lle tería prestado moito coincidir co noso visitante de onte, que viñera á mantenta á taberna para coñecela.

Porque a tapa de onte era de «bienmesabe»: cazón cortado en dados, mariñado nun adobo de vinagre, allo, ourego e comiño, e despois fritido en abundante aceite, conforme a receita do chorado amigo «Migallas», que como lembrará era da fermosa vila de El Puerto de Santa María.

—Afonso; o visitante do que lle falo chámase Afonso —aclarou don Paio, para engadir decontado que tamén informara de que o seu pai nacera no lugar de Escudeiros e que coñecera persoalmente a Román e a Isolina, os protagonistas dun dos contos que vostede ven de publicar na súa bitácora co título de “Os limpadores da morte”. Engadindo, antes de que ningún dos fregueses da nosa húmida confraría ousara preguntalo, que era “Mestre de educación primaria, no C-E-I-P plurilingüe Ramón y Cajal”. No Picacho, vaia!

—Pois si, don Manoel! Tamén a iso respondeu: Coñecera á «Maradona» aínda que máis pola súa sona que pola súa asistencia ás aulas, e lera os contos de “Os limpadores de morte” na súa bitácora por indicación dun antigo alumno que sabía da súa orixe. E de milagre que deu atopado a taberna do Miguel! Que se non fose polas indicacións dun mozo da “Cultural de Bouzas” co que coincidira nunhas “Xornadas” de ensino, ía chegar á ela polo carallo arriba!

—Non tal! Nunca pensara atopar a dona Loli na taberna; revisando outros contos chegara á conclusión que ás súas visitas a este sagrado templo da oralidade eran pouco frecuentes; esporádicas, que diría un lingüista! A idea del era falar comigo por ver se a súa “compañeira de vida” tiña máis información do tema das Misións Pedagóxicas e a biblioteca que a Institución Libre de Ensinanza deixara no concello de Ramirás.

Falaba e falaba sen repouso ata que Miguel, sen que mediara comanda por parte algunha, puxo aos seus alcances unha cunca ben fría de monterrei. O lene son da porcelana riba do mármore do mostrador espertou a súa necesidade de humedecer a gorxa e deume tempo abondo para requirir algo máis de información, da que, co seu permiso fago un resumo un pouco máis ordenado.

O que contou o Afonso das Misións Pedagóxicas en Ramirás.

Sorprendente, insólito, inaudito, desconcertante e aínda milagroso. Ata eu o diría! Entendo que a xentes de mar como vostedes lles poida parecer que nun lugar tan afastado de todo como Ramirás poida aparecer unha biblioteca da Institución Libre de Ensinanza, aquela obra magna de Giner de los Ríos e tantos outros conectado directamente co pensamento de Krause e as correntes pedagóxicas marxistas de Célestin Freinet.

O camiño que trouxo aquela utopía ata as ladeiras de Gomesende tivo nomes, apelidos e unha intrahistoria moi pouco coñecida que é precisamente o obxecto da miña investigación, e a razón pola que estou hoxe aquí na vosa taberna coa pretensión de atopar algunha documentación máis dos feitos citados.

Unha intrahistoria que non ten nada de máxica, aínda que se desenvolva nun lugar tan propicio a ela como as Terras de Celanova.

Polo que teño pescudado, a concesión das bibliotecas non se facía ao chou: unha sementeira á palma aberta coa semente voando cara a onde lle petara. Detrás de cada biblioteca que se concedía a unha aldea do rural galego había un mestre consciente, vocacional e comprometido, nunha escola involucrada coa citada metodoloxía, e estou certo de que a chegada a Escudeiros daquela cobizada biblioteca da ILE non foi casualidade. Un fito que respondía á presenza, non só dese mestre, senón dun firme tecido asociativo local e partidario, e unha activa vida obreira ligada ás minas de estaño. Ou como lembraba a miña nai, que era de Vilar de Vacas, vida obreira, asociativa e sindical tan forte que Escudeiro se gañara a pulso o sobrenome popular de "Escudeiro dos comunistas".

E foi o Goberno de progreso da Segunda República, co pulo de Manuel Bartolomé Cossío e a paixón dos Lorca, Machado, Salinas, Maruxa Mallo e moitos, moitos máis mariñeiros do entusiasmo, como lles chamara Juan Ramón Jiménez os que asumiron a tarefa de:

“levar ás xentes, con preferencia ás que habitan en localidades rurais, o alento do progreso e os medios de participar nel, nos seus estímulos morais e nos exemplos do avance universal, de modo que os pobos todos de España, aínda os apartados, participen nas vantaxes e goces nobres reservados hoxe aos centros urbanos”.

Con ímpeto decidido, estes misioneiros da pedagoxía ética e laica chegaban aos pobos inzados de fervor na sagrada misión de achegar a Cultura ao pobo, coas pesadas caixas cheas de esperanza, ao lombo de mulas ou en vellos camións, ata as aldeas máis illadas de todo o territorio español.

Malia que don Manuel Bartolomé Cossío e a súa dona Carme López-Cortón pasaban os veráns en Bergondo, as Misións tardaron en chegar a Galicia. Ata onde eu sei, a primeira arribada dos misioneiros dirixidos por Rafael Dieste foi en agosto de 1934, e teño para min que deberon de andar pola provincia da Coruña porque hai unha foto que fixo o notable cineasta José Val del Omar en Malpica de Bergantiños da xente amoreada no peirao e nas barcas amarradas nel, agardando non sei ben por cal das actividades que levaban que eran moitas: cinema, gramófono, coro e teatro do pobo, museo popular ou o teatro, no noso caso de monicreques.

Disque as misións chegaron a Ramirás entre finais de xuño e principios de xullo do 36, nun dos últimos alentos de luz e cultura xusto antes de que o golpe de Estado deitase as sombras da represión sobre o país. Aquela última misión tivo como centro de operacións o magnífico edificio que o emigrante Rogelio García Yáñez fixera erguer en Freás de Eiras; un grupo escolar de arquitectura indiana bautizado co nome da súa nai, Concepción Yáñez. Aquela xoia, proxectada no 35, abrira as súas portas nese mesmo ano de 1936 como o escenario perfecto para un soño pedagóxico que estaba a piques de ser truncado.

Podo imaxinar o que supuxo para os meus pais, igual que para a práctica totalidade dos seus veciños, ver por primeira vez as copias das grandes lenzos de Velázquez ou Goya. Verse retratados nas fiandeiras, nos borrachos, nos ferreiros, filósofos e deuses; e, ao tempo, comprobar a cara de parvos que tiñan os de toda aquela dinastía de reis aos que, ata había ben pouco, veneraran como seres superiores.

Por non falar da maxia de ver, por vez primeira, o cine proxectado nunha saba estendida entre dous paus, ou de escoitar o son dunha gran orquestra enchendo de beleza os bosques dende o xiro daqueles vellos discos de lousa. E, coroados de risas, o Retablo de Fantoches, ese teatro de monicreques versión lixeira, nómade e adaptable do Teatro do Pobo, co que Rafael Dieste cativaba tanto os nenos coma os pais que os acompañaban. Todo nun medido equilibrio entre a sensatez dun espectáculo culto e a frescura, a picardía e a enerxía dos títeres.

Parece seguro que nesta misión de Ramirás participaron figuras de relevo como o intelectual coruñés Xosé Otero Espasandín e, de xeito moi destacado, a pintora surrealista Maruja Mallo. A presenza doutros artistas como Cándido Fernández Mazas, Ramón Gaya, Miguel Prieto ou o propio Urbano Lugrís —portentoso improvisador cos títeres e autor dos deseños dos bonecos— está menos documentada. Tampouco parece probable que estivese José Val del Omar, porque non se coñecen fotos destes actos.

Ao final, o exemplo de Ramirás demostrou que ningunha aldea está "afastada de todo" se hai libros nas súas mans. O fío invisible que unía o Madrid do krausismo coas terras do Arnoia sostíñase niso: na fe absoluta de que a cultura non era un privilexio urbano, senón un dereito que, para selo, tiña que chegar ata o último torreiro da máis afastada aldea.

Cando os misioneiros marchaban despois de varios días, a aldea xa non era a mesma. Quedaba un pouso de dignidade, a certeza de que o mundo era máis ancho do que acadaba a vista dende o monte, e unha biblioteca chea de páxinas listas para ser devoradas durante os longos invernos. Mágoa que as cousas acabaran como acabaron, e a luz do facho que as Misións acenderan en Ramirás fose tan efémera.

....................................................................................................
Seguiu un silencio mentres Afonso recuperaba forzas e humedecía a gorxa despois do longo parlamento. Silencio que alguén rachou dende o remate do mostrador.

—Vostede desculpará o meu atrevemento, pero eu son de Malpica de Bergantiños, e o meu avó estivo nas representacións do Retablo de Fantoches de outubro do 33.

—Nada que desculpar! Máis ben ás avesas, que algo lle contaría o seu avó daquelas Misións Pedagóxicas!

—Non se equivoca! Que o avó Tomé era panadeiro, e no seu forno cocéronse algunhas das figuras para a representación da “La Doncella Guerrera“, polo Retablo de Fantoches de don Rafael. Con resultados moi desconformes co esperado, debo dicir!

—E logo! Que foi o que pasou?

— Que ao seren de pasta, xeso e cola, entraban no forno cun carácter e saíron con outro! E a miña avoa non paraba de rir pedíndolle aos das Misións que non lle deran máis tormento aos bonecos, que entrar entraban como rosas pero saír saían como negros!

—Eu non sei moito de monicreques pero iso de enfornalos coma se fosen un molete de pan..., de quen foi a idea?

—Seica do mesmo Rafael Dieste, ao non dar secado a tempo os novos títeres.

—Tanto tempo leva facer un boneco deses?

— O traballo do carpinteiro para a estrutura e da costureira para a vestimenta foi cousa doada. Pero o carácter e o modelado concreto dos bonecos foi o que levou a moitas discusións ao equipo artístico: Ramón Gaya, Fernández Mazas e Miguel Prieto, por unha banda e Urbano Lugrís con único apoio de Dieste polo outro. Que «Unha man lava a outra, e as dúas lavan a cara» e don Rafael quería garantirse o apoio de Lugrís á súa visión da doncela Guerreira!

—E digo eu... Non é que dubide do que me conta pero, como chegou o seu avó a saber tantas cousas desta representación.

—Pois pode pensar o que queira, que o pensamento é ceibe, pero cóntollo como mo contaron! Quero supoñer que a condición de colaborador necesario deulle ao meu avó o tempo e a oportunidade necesarios para saber moitas cousas dese momento histórico.

Non dixo mais. Pediu a conta, recadou as súas cousas, despediuse con educación e saíu pola porta da taberna sen dar oportunidade ao tal Afonso de rectificar a súa desafortunada intervención. Así que, con pouco máis que tratar a conversa foi esmorecendo ata recalar nun balbordo de lugares comúns. Non tardou moito o de Escudeiros en decatarse de que pouca auga máis quedaba naquel pozo; e o que é moito peor: que tivera na cesta un rodaballo e o largara pola borda pensando que era un escacho!

E mire que lle digo, don Manoel! Moito proveito tirei desta conversa, pero hai algo que me emociona e conmove especialmente: a grandeza dos que, como Rogelio García Yáñez, fixeron fortuna nas Américas, pero, convencidos de que a redención de Galicia residía na cultura e na educación, decidiron financiar escolas na súa propia terra. A diferenza daqueles que viron na construción de grandes palacetes un monumento ao ego do indiano enriquecido, pura ostentación do seu triunfo social, García Yáñez e moitos coma el asinaron un compromiso ético e transformador coa matria que deixaran atrás.

Viviran en carne propia a rudeza do desarraigo e a dificultade de saír adiante nun mundo estraño sen unha formación sólida; por iso entenderon que a única ferramenta real para que as xeracións vindeiras non sufrisen a mesma fame era a educación. A cultura, aos seus ollos, era o único camiño cara á liberdade, o vieiro cara á dignidade e á redención colectiva.

E hai un detalle que emociona e engaiola: bautizar as escolas co nome da súa nai, Concepción Yáñez, constitúe un acto de gratitude eterno. É a homenaxe a quen sufriu a dor da separación, a quen sementou os primeiros valores nese neno antes de marchar e a quen, co alento sostido dende a distancia, acubillou moralmente aquela aventura transatlántica.

Nada máis por hoxe, don Manoel. Soamente por respectar o costume de pechar con copla,vai esta, non sei moi ben se do estro popular ou simplemente descoñecido.

No profundo val de Eiras

as Misións baixaron pano;

sombras veñen dacabalo,

do rancor e do sagrario.


Garda terra de Escudeiros!

Agacha o libro e o saber,

que os que odian a lectura

xa nos queren ver morrer.


Nas minas de Ramirás,

durmirán sen incerteza.

Agardando con paciencia

que o novo día alboreza.

 


luns, 25 de maio de 2026

Os limpadores de morte (2)

 

Mire que lle digo, don Paio! Con tanto falar de Eduardo e a súa familia vou e deixo a Lita sen a súa historia! Que, vaia por diante, non lle perde a cara en interese á do seu marido.

Pois verá, don Paio, Lita nacera en Escudeiros, nas terras de Ramirás, hoxe algo máis que unha aldea e algo menos cunha vila, que ten un patrimonio inmaterial fascinante intimamente ligado á cultura e a ese corazón fidalgo e monacal que irradia a veciña Celanova. E digo fidalgo porque Escudeiros é un topónimo de orixe ilustre. Non por nada escudeiro é o grao anterior ó dos cabaleiros, apelativo co que se coñecía ós que portaban o escudo e as armas do seu señor, coidaban do seu cabalo e asistían ao cabaleiro mentres se formaban baixo a súa tutela no uso das armas e no estrito código de conducta propio de tal condición, como paso previo e necesario antes de ser nomeados, á súa vez, cabaleiros.

A aldea de Escudeiros, malia o seu pequeno tamaño, garda na memoria das súas pedras e fontes o eco de vellas historias nas que a fronteira entre o aquén e o alén, entre o físico e o máxico, esvaécese. Nas pedras da igrexa parroquial, centro espiritual dunha fe cristiá en permanente loita contra das crenzas máis ancestrais, fondamente arraigadas nas carnes das xentes. Nas fontes como a da Levada, reino das Mouras e os Encantos.

As fontes e os mananciais en Galicia son, por excelencia, espazos liminares, portais cara ao "outro lado"; lugares propicios ao exercicio da sanación. E na fonte da Levada exercía a súa actividade de «sabedora», Isolina a nai de Lita.

Certo, don Paio! Hai moita confusión con iso das bruxas e as menciñeiras: a xente pensa que é todo un e non é tal. Na cultura popular galega, hai catro tipos de mulleres curadoras: dous pertencen ao mundo do físico e dous ao máxico. A «sabedora» e a «boa muller» ao físico, e a bruxa e a meiga ao máxico. A «bruxa» asociada coa desorde, a enfermidade e a morte e a «meiga» como representación simbólica da orde, a saúde e a vida. As «boas mulleres» son aquelas veciñas que coñecen unha serie de remedios eficaces para certas doenzas, mentres que a «sabedora» é unha muller que coñece as propiedades curadoras das plantas e, ademais, certo tipo de prácticas médicas tradicionais vinculadas á medicina popular.

Isolina moveuse toda a vida neste terreo de "facer o ben" aos demais, de practicar o oficio artesanal de curar o corpo ou a mente coa aplicación de herbas medicinais seleccionadas con sabedoría, e prácticas salutíferas aplicadas con tento; e non porque tivera algo contra da meigas —que xa lle gustaría posuír tal don!—, senón porque nacera sen esa forza telúrica, sen esa capacidade de cruzar a fronteira do invisible que teñen elas. Sendo moi cativa, preguntáralle á nai por tal circunstancia: se elas eran meigas ou menciñeiras, recibindo dela unha resposta tan pouco concreta, tan envolta nas brétemas da linguaxe, que ata que coñecera unha, nunca chegara a saber cal era a diferencia.

Fose como fose, menciñeira ou meiga, a Isolina custoulle ferro e fariña dar cun mozo que quixera sentar sen medo á súa beira. Na sociedade rural galega as menciñeiras, sexan meigas ou «sabedoras», son respectadas pero non queridas. Respectadas polo seu coñecemento profundo do medio natural, pola súa eficacia real, pero temidas. Ese mesmo poder que as facía esenciais provocaba o receo:

Quen ten o poder de sandar tamén o ten de magoar...

Certo don Antonio: o pobo é desconfiado! O é de xeito natural ou alguén sementou nel esa desconfianza? Porque igrexa e medicina oficial perden moita clientela coa actividade destas mulleres! E polo diñeiro baila o can!

Mírese como se mire, para un mozo da aldea, achegarse a Isolina para mocear implicaba cruzar unha barreira invisible feita de silencios, olladas, recendos e calafríos. Un muro detrás do que axexa o descoñecido e agarda o soñado; un obstáculo para cuxa superación cómpre reunir moito valor; ou moita desesperación! E mira que a Isolina era —a dicir da xente da contorna— unha rapariga ben garrida! Pero os mozos a miran de través por non quedar enmeigados, e ninguén se achega a ela no torreiro da festa para pedirlle un baile. Condenada á soidade porque o medo ao máxico é máis forte que o desexo!

E ela, orgullosa e distante, sofre en silencio por ese illamento, mentres ve como outras mozas vanse aparellando. Penso eu; ou quero pensar que ninguén mo dixo xamais! So que —vostedes perdoarán— deixeime levar polo impulso literario.

E foi así ata que un día houbo un accidente grave na mina de estaño de Escudeiros. Varios mineiros quedaron mancados baixo dunha derruba, un afundimento dunha galería interior que carecía de puntais de reforzo. Aqueles días chovera a eito e as filtracións de auga provocaron o colapso do teito da galería, deixando a catro obreiros sepultados e a un con graves feridas polos bloques de pedra caídos.

Os compañeiros de Román, que tal era o nome do ferido, o levaron de urxencia, con moi bo sentido, á casa de Isolina, por ver de darlle os urxentes auxilios que o arrincaran das gadoupas da vella señora, baixo cuxo dominio estaba practicamente xa.

      Cando abriu os ollos decateime de algo especial: teu pai miraba co revés do ollo —contoulle Isolina á súa filla, querendo expresar que Román tiña o don de ver o que os demais non perciben.

Ben sabe, don Paio que na nosa terra a mirada é a canle do poder máis absoluto. Da mirada nace o meigallo e o asombro pero tamén a clarividencia. E Isolina soubo ver no ollos de Román o futuro da súa filla.

A ciencia de Isolina salvou a Román da morte. E en xusta correspondencia Román salvou a Isolina da soidade e os receos da veciñanza casando con ela en canto recuperou o control das súas forzas. Todo era felicidade na casa de Isolina cando ao pouco tivo unha preciosa filla, de quen a avoa dixo nada máis mirala que herdara o xenio da semente. Isolina non sabe nada de recesivos e dominantes pero ten claro que a herdanza non a tocara a ela, pero que prendera na rapaza, que non vai precisar de ungüentos nin de herbas de San Xoán para gañar a vida; a filla ten o poder do sangue nos ollos.

Pero a felicidade da familia de Isolina, Román e a pequena Lita, torceuse na man duns militares perxuros que, obedientes ás ordes do capital, deron un golpe de estado contra da República en xullo do trinta e seis. E o Román, picador e líder sindical da UXT na mina, era o albo perfecto para a represión falanxista. Descabezar de forma inmediata todas as organizacións que puideran opoñerse ao golpe, deixar ao sindicalismo mineiro sen o seu líder, era o paso previo para implantar na bisbarra o reinado do terror: sen líderes non hai organización, e sen organización as posibilidades de resistir a un exército disciplinado non existen.

Certo é que tan pronto como se coñeceron as primeiras noticias do alzamento militar en África e a posterior sublevación das guarnicións da península, os sindicatos declararon a folga xeral; en Escudeiros e no Viso os traballadores paralizaron a produción e abandonaron as explotacións e os lavadoiros para poñerse a disposición dos comités de defensa da República que se estaban organizando nos concellos de Ramirás, Gomesende, Cartelle e a propia vila de Celanova.

Non sei quen foi o que dixo que o 18 de xullo as autoridades da República lle tiñan máis medo ao pobo que aos militares; acertaba! E Celanova non foi unha excepción: fronte a exixencia dos mineiros, o núcleo máis combativo e disciplinado das forzas leais á legalidade vixente, o alcalde de Celanova, o galeguista Virxilio Fernández, intentou coordinar a resistencia pero sen atender ás demandas de armas dos seus defensores. Como ben dicía o poeta cenetista Antonio Agraz naqueles combativos versos:

Recordad bien: era julio

y era noche de verano.

 

Por la Corredera Baja,

Tudescos y el Desengaño,

a la calle de la Luna

donde están los sindicatos,

con violencia de torrente

avanzaba río humano.

¡Armas!, pedían nerviosos.

¡Armas!, pedían airados.

¡Armas para sujetar

a los canallas del fascio!

 

Como no les daban armas,

a la lucha se lanzaron

la mitad medio desnudos,

la mitad medio descalzos.

E sen elas, que podían facer fronte as forzas da Garda Civil e as columnas de falanxistas que partiran de Ourense para asegurar o control do territorio? Ante tropas ben armadas e organizadas a resistencia con escopetas de caza e dinamita resultaba suicida.

A maioría dos republicanos da bisbarra baixaron os brazos, convencidos de que non tiñan nada que temer porque nada fixeran, e a represión alcanzaría soamente aos que se significaran dalgún xeito. Aquilo foi meter os pés no xerro! Descoñecían que o ideólogo do golpe tiña as cousas ben claras: "É necesario estender o terror... deixando unha impresión de dominio, eliminando sen escrúpulos nin vacilacións a todos os que non pensen coma nós." Non era necesario facer: Chegaba con pensar! Os meses seguintes, ata o outono de 1939, estiveron marcados por detencións en masa, paseos na revirada estrada cara a Ourense e consellos de guerra sumarísimos. O propio mosteiro de San Rosendo en Celanova acabou convertido nunha terríbel prisión central por onde pasaron moitos destes homes.

O resto, os poucos que como Román tiveran responsabilidades políticas ou sindicais non lles quedou outra que fuxir; "botarse ao monte" e intentar resistir ata que as forzas leais á República recuperan o control. Porque nin falar de tentar cruzar a fronteira con Portugal: a ditadura de Salazar colaboraba activamente cos sublevados devolvendo aos fuxidos.

Román, cun pequeno grupo de mineiros do Seixoval con forte conciencia de clase, houberan podido resistir algún tempo no monte pero a paternidade recente impulsa aos homes a tomar riscos que están por riba da necesaria prudencia. E Román era unha presa abondo apetecida para ter arredor da casa a constante vixilancia dos sublevados.

      Eu era moi cativiña pero recordo perfectamente, deitada no rolo de madeira que fixera para min, os ollos do meu pai asolagados en bágoas cando aqueles homes de rostros ameazadores e camisas azuis o separaban violentamente de min —me dixera Lita cando, moitos anos despois, me contara as súa peripecia vital.  

Ao día seguinte uns carreteiros que ían camiño a Cortegada descubriron o seu cadáver tirado na cuneta. Clientes da Isolina viñeron darlle noticia que o recoñeceran e que cando intentaran recollelo do chan saíran de detrás duns matos onde estaban agachados un par de falanxistas que llo impediran con moito aireo de pistolas, indicándolles con voces destemperadas que o morto tiña que quedar alí para escarmento da familia e advertencia aos fuxidos que aínda quedaban escondidos no monte. 

Ferro e fariña custoulle a Isolina convencer aos carreteiros que a acompañaran a recoller o corpo masacrado do seu home. Pero os favores debidos á menciñeira eran moitos, e desacougante a conciencia da súa propia covardía. Todo pesou para torcer a súa negativa, aínda que teño para min que o argumento que acabou por persuadilos foi a información de que a Isolina tiña e intención firme de levar con ela á filla, porque a sona do poder que tiña xa a cativiña na súa ollada correra como lume en palla seca polas congostras da contorna, ata os máis afastados recunchos da bisbarra.

E a noticia de que a pequena meiga formaba parte da comitiva que improvisaran para recuperar o corpo de Román cabalgou nas voces do vento ata o lugar onde os seus asasinos montaban ameazadora garda, facendo que o terror cambiase de bando de xeito que que cando a comitiva chegou ao lugar dos feitos xa non había ninguén que intentara opoñer resistencia a tan piadoso acto.

      Apagaron a tiros o ollar do meu pai —contaba Lita— pero toda a virtude que no seu ser había non se desvaneceu no vento senón que veu a reforzar máis aínda o meu don.

Soterrado o seu home Isolina sabe que a sorte é fuxidía, que o medo dos soberbios axiña cría rabia, e que os cans que liscaron aterrorizados un día irán xuntarse con outros cans para reunir valor abondo e cobrar as contas co sangue dela e da pequena. Antes de que a rabiosa manda volvese sobre os seus pasos, Isolina tomou a determinación de poñer terra por medio: utilizaría o amparo dos carreteiros e marcharía con eles, aínda que fora só co posto, ata Cortegada. Alí pasaría a ponte do Miño para coller na estación de Filgueira o ferrocarril ata Vigo. Na actividade frenética da gran cidade, entre balbordo a súa masa obreira e mariñeira sería máis doado atopar un refuxio de anonimato para unha viúva e a súa filla!

E así foi: Isolina entrou a traballar na casa dun importante persoeiro local, e aínda que Vigo segue a ser moi rural, e as estrugas, estalotes, abelurias, ameneiros e sabugueiros son ben doados de atopar, nunca máis foron por ela utilizados, máis que para a sanación de Lita ou dela mesma; a súa vida se concentrou desde aquela en non dar pistas da súa existencia: a menciñeira debe esvaecerse para que ninguén saiba dela e poida dar aviso á mala xente de Escudeiros do seu paradoiro.

E ata moitos, moitos anos despois, cando Isolina senta que chegoulle a súa hora, Lita non saberá nada da súa condición de meiga.

Pero isto, don Paio, xa é obxecto doutro conto, e co seu permiso ou sen el marcho, que hoxe teño que marchar. E marcho cunha copla de meigas e menciñeiras.

Co que a terra dá no monte

cura a menciñeira o mal;

o que a terra nos oculta

a meiga sábecho xa.