Mire que lle digo Don Manoel! Que deus os da e eles se
xuntan! Ou neste caso os xuntan no mesmo andel duns Grandes Almacéns. A
superstición de rezar a sete virxes, a rentes de outro ilustre supersticioso:
Francisco Franco. O DVD do filme de Alberto Rodriguez co do pretendido
documental de Sáenz de Heredia.
Xa sabe, Don Manoel, que dende o ano 1916, que lle deron
un tiro no bandullo nos combates nas Lombas de Biutz, preto de Ceuta, o
Francisco, Paulino, Hermenexildo, Teódulo, quedou convencido que estaba baixo a
protección divina. Que tiña baraka!
como lle dicían os moros que se
trouxo de África para asasinar aos españois que non crían que fora o Mesías enviado pola
Providencia para asegurar a súa felicidade. Por non falar da vidente Mersida, á
que consultaba tanto sobre cuestións militares coma sobre os seus colaboradores,
cando a campaña do Rif. Ou o de Corintio Haza, xudeu sefardí radicado en
Tetuán, conselleiro tamén do Xeneral de Gaulle, autor según din do deseño do
"Víctor", o amuleto que lle debía de procurar a boa fortuna.
Sen esquecer á irmá Llimargas, Ramona a Catalana, á que José María Pemán consideraba coma santa
Teresa de Ávila rediviva, que desque predixo o Alzamento tiña abertas de par en par as portas do despacho de
Franco en Burgos para contarlle en exclusiva, e en catalán, o único idioma que
falaba, os designios da Providencia. Todo sen moverse de Cataluña, cousa que
non lle facía falla porque tiña o don de estar en dous lugares ao tempo.
E superstición é tamén a crenza nos poderes sanatorios
das reliquias, e o Generalísimo, sen chegares ao de Felipe II, tíñalle ao
“brazo incorrupto de Santa Teresa” mais apego que a súa muller aos colares en
particular, e alfaias de todo tipo, en xeral.
E, mire que lle digo Don
Manoel! Que dos envexosos, dos sempre ofendidos, dos rancorosos, dos malévolos
e insatisfeitos, escapo coma quen leva o demo detrás, que moitos deles acaban
convencidos que forman parte dun plan divino, plan divino que acabamos pagando
os demais!
Lembro a Monterroso cando leo o xornal, escoito a radio ou vexo a Tele... "Cando espertóu... o dinosaurio (Franco) seguía alí"
ResponderEliminarEste comentario foi eliminado polo autor.
ResponderEliminar