Mire que lle digo
don Manoel! O meu amigo Marcial era un antigo compañeiro de mareas e suores, rexo
como unha bita, que traspasara a fronteira dos noventa sen sufrir nin tan sequera
un catarro. Pero “home ancián e trapo vello non teñen arranxo nin remendo”,
e un infausto dia, cando xa estaba a piques de chegares aos cen, caeu nas garras
dunha tose de can que por non facerlle atención derivou en bronquite para
rematar ao pouco en pneumonía, dando cos seus ósos —moito máis que ósos non
tiña— no Álvaro Cunqueiro, hospital universitario de Vigo que, non sei moi ben
a santo de que, leva o nome, do intrépido fabulador.
Mira ti por onde o
Marcial ten vencellos familiares con aquel señor Xosé do conto, aquel que tiña
un fillo tan inútil que se dedicara á política. E estando eu na habitación
entraron pola porta por ver de darlle o derradeiro adeus. Pero non viñeran sos:
veu con eles a tía Socorro, aquela muller de falar escaso, pero de sentenzas lapidarias,
que cando mirou ó que quedaba do seu parente baixo das sabas do hospital dixo
con voz animosa:
—Ánimo Marcial que
como é a primeira vez que morres vas dar un defunto moi lucido!
Marcial abriu os
ollos e, co derradeiro alento que quedaba no seu espírito, moi polo baixiño entoou
unha canción:
A Bouzas non
volverei
pola miña
mala sorte,
e vaime chegar
a morte
mentres
por ti suspirei.
