luns, 21 de setembro de 2026

O accidente do Mar do Labrador.

 


Mire que lle digo don Manoel! Nacer gafeño, ou gafado, é unha expresión que se utiliza para as persoas, non para os barcos. Agora que a carcunda hispana anda a procurar meigallos onde non hai máis que consecuencias das decisións erradas, vénseme á memoria o caso do meu «Mar de Labrador» que a dicir da xente do mar "nacera cruzado desde os escantillóns".

Vostede sabe, don Manoel, que as xentes do mar somos sumamente supersticiosas; no medio do mar, a terra máis achegada é a do fondo, e a liña que separa a vida da morte depende de cousas que escapan ao noso control. As forzas da natureza que fan do mar amigo, un inimigo mortal provocan que, por moi racional que creas ser, desenvolvas todo un código estritísimo de comportamentos, rituais e tabús para intentar gañar o favor deses elementos, e afastar de ti a desgraza e a morte.

Non menor importancia ten para escudar estes males que se respectara estritamente a orde debida nas fases da construción da nave, evitando erros graves como a montaxe da roda ou a colocación do leme en xornadas aciagas, martes o venres sinaladamente. Para quen vive enfrontándose ao mar, calquera detalle fora de lugar pode marcar a diferenza entre volver a porto ou quedar para alimento dos peixes.

De no respectar estas precaucións o buque podería sufrir frecuentes desgrazas, colisións, avarías graves no motor, accidentes para tripulación, perda de mariñeiros por golpes de mar, etc.

Moi certo don Manoel! Pouco tiñan que ver todos estes accidentes co sobrenatural! O "gafe" funcionaba máis ben como unha especie de profecía auto cumprida. Unha tripulación que navegaba nun barco considerado gafado vivía cun nivel de tensión e alerta ansiosa moi superior, o que aumentaba a probabilidade de cometer erros humanos ante unha situación de emerxencia.

Volvendo ao meu «Mar de Labrador»...

—Co seu permiso don Paio; teño hoxe aquí comigo, recuperado dos seus alifafes, alguén que pode falarlle do seu «Mar de Labrador» desde outra perspectiva: o meu benquerido amigo, do que tanto lle teño falado, don Antonio de la Cruz.

O rostro de don Paio pasou nun pestanexo da sorpresa ao contento ao escoitar o nome que as miñas palabras anunciaban.

—Xa tiña gaña de poñerlle cara a tan bo nome, do que tanto me leva contado don Manoel! A ver Miguel; coido que chegou o intre de tirarlle a rolla a ese «Pago de Capellanes» que tes por aí escondido.

O que don Antonio contou do «Mar de Labrador»

Ao inicio dos anos 60, o sector pesqueiro galego precisaba dar un salto xigantesco para competir cos seus pesqueiros nos caladoiros de gran altura e nas augas frías do Atlántico Norte. Os armadores —Sensat, Gómez, Durán...—, os conserveiros —Alfageme, Massó, Curbera...—, os grandes estaleiros —Vulcano, Barreras...—, sabían que para conseguir eses cascos tan finos, rápidos e mariñeiros non bastaba cos deseños tradicionais da arquitectura naval española; había que importar a vangarda en arquitectura e enxeñería naval que se facía en Dinamarca e nos países nórdicos, adaptándoa despois aos nosos estaleiros da ría de Vigo.

Así que a principios dos anos sesenta se contrataron tres buques, practicamente xemelgos, aínda que con distinta capacidade de conxelación: o «Mar de Labrador» de 20 ton/día, cun motor Werkspoor Barreras tipo TMABS-393 de 1.850 HP; o «Leiza» de 31 ton/día, e o mesmo motor, e o «Mar de Xeo» de 35 ton/día, e motor MAN tipo G8V 40/60 de 1.940 HP.

Foi unha aposta tecnolóxica pioneira que revolucionou a nosa pesca de arrastre e conxelación. Unha aposta gañadora porque foron a contratar a un dos estudios de arquitectura naval e enxeñaría mariña máis prestixiosos e antigos do mundo: o Knud E. Hansen de Copenhague que deseñou os que foron coñecidos como “os galgos de Barreras” polas inopinadas velocidades que alcanzaban —da orde de 18 nós— aínda que foran a plena carga de peixe.

O problema foi que os daneses xa proxectaban as plantas de enerxía dos buques en corrente alterna e en Vigo aínda non tiñamos experiencia ningunha neste campo. Así que, como mírase que era o máis parvo de todos os que traballaban en Barreras, tocoume a min andar polas factorías que a Siemens tiña pola Alemaña adiante sen saber unha soia palabra de alemán.

Chegou o intre da botadura; iso debeu de ser alá polo mes de febreiro de 1964. A madriña escollida, nada menos que dona Mª Carmen Martínez Bordiu, se retrasa. As autoridades deciden agardar pero a xente do estaleiro sabe que a marea non espera por ninguén. Ao fin a madriña chega, tranquila e sen despeitearse.

E como diría vostede, don Paio, alí comezou o meigallo, que a madriña non foi quen de rachar a botella de champaña contra do casco, e como a marea marchaba sen agardar por ninguén, picaron amarras, quitaron calzos e estadas para proceder á botadura sen agardar un segundo intento co champan. Aínda así tiveron que escoitar o renxer do ferro contra das pedras do fondo por ter agardado de máis.

E se a meigallos andamos, pouco tempo despois, en agosto dese mesmo ano, cando se ultimaban os últimos traballos previos á entrega do «Mar de Labrador», un terrible incendio acabou co forro e os illantes dos mamparos das adegas e do parque de pesca. O lume foi de tal magnitude que aos bombeiros de Vigo —e aos de Valença do Minho que viñeron axudar—levoulles varios días sufocalo. E tanta foi a auga utilizada no labor que estiveron a piques de afundir o buque!

Resultado: O buque que tiña que ser entregado de primeiro saíu de último; en 1965 tras dos seus dous irmáns, e non sen antes sufrir o máis grave de todos os accidentes da súa longa historia: a rotura do eixe de arrastre da «maquinilla de pesca».

A manobra de pesca nun buque con rampla de arrastre por popa depende en gran medida da calidade dos elementos desta manobra, e parte esencial é a denominada «maquinilla de pesca», un guinche con dous carreteis onde van estibados os cabos que amarra a rede de pesca ao barco. No caso do «Mar de Labrador» a máquina, unha Neptune HMC-III, con dous carreteis de capacidade individual de 2.500 metros de cable de 24 mm de diámetro viñera da fábrica que a Brusselle Marine Industries tiña en Nieuwpoort, na provincia de Flandes Occidental, a uns trinta quilómetros de Ostende.

A máquina era arrastrada por un motor eléctrico de 300 CV en corrente continua, que obtíñamos dun convertedor Ward-Leonard, a través dun eixo de accionamento que tamén viñera de Bélxica.

—Como se nos non soubéramos facer eixos! —rosmara Pita, o xefe de buque ao recibilo para o seu montaxe a bordo—. E, mire que lle digo, don Antonio! Ben calculado estará, que non digo eu que non, pero boa traza non me ten.

Queda pouco para a entrega do buque e chega o día de facer as probas da maquinilla. A redor dela estamos —ademais de tres ou catro traballadores do estaleiro—, o enxeñeiro responsable de Bruselle, Pita o xefe de buque, e eu mesmo como responsable do funcionamento da parte eléctrica.

— Arranca amodo — Ordena Pita ao traballador que está na panca de goberno da máquina—.

Todo parece ir ben.

—Sube a media!

O ruído medra moito pero nada parece anormal. Pita e enxeñeiro belga vixían o comportamento do eixo ben achegados a el.

—Mételle toda!

Entón se evidencia que —como Pita se maliciaba— o eixo algún problema ten.

—Corta, corta! —grito eu ao ver que, probablemente por mal equilibrado dinámico, o eixo entra en resonancia ameazando con desfacer a maquinilla.

O eixo se transforma nunha camba mortal que corta en dous cachos ao enxeñeiro belga, lanzando un deles contra Pita, que perde unha das pernas no impacto, e a outra contra min tirándome contra da escada da cuberta de botes e enchéndome a roupa de sangue.

De sangue allea penso eu, porque dóeme todo o corpo dos golpes pero non sinto ferida ningunha. Voume ata casa aínda en estado de choque. Non sinto nada. Soamente que vou pisando nun zapato enchoupado. Cando chego a casa a miña muller, que non sei como conserva o seu estado de ánimo ao verme cuberto de sangue, comproba que o que viña pisando era o meu propio sangue que saía dunha pequena ferida que a metralla da rotura do eixo fixera na miña perna.

Cala don Antonio absorto, navegando no mar das lembranzas do pasado. Calo tamén eu, que ninguén debe interromper o encantamento. Limítome a coller a botella de “Pago de Capellanes” e encher dese oloroso líquido a copa do seu —xa tamén meu— amigo. Entón, como como convocado por un trasno, veume ás mentes a noticia dun diario:

Entre o sete e o oito de novembro de 1984 afunde no Golfo de Alaska o «Mar de Labrador" debido a una avaria na hélice. A tripulación, composta por 28 homes, puido ser rescatada por outros barcos que estaban na zona e que recibiron a petición de auxilio.

O buque gafe sería, pero pouco, porque daquela non morreu ninguén.

Os mariñeiros de Vigo

saen do peirao rezando,

e cando volven sen peixe,

chegan á casa chorando.

Os mariñeiros de Bouzas

saen do peirao calando,

e cando volven con peixe,

chegan á casa cantando.

 

mércores, 16 de setembro de 2026

Tortilla de patacas en Casa Tomás


Mire que lle digo, don Manoel! Igual pode vostede terzar na polémica que tiveron antonte, nesta taberna que alguén chamou a nosa «Sede da sede», don Antonio o da asesoría —que vai tan de sabido que acaba en sabichón—, e o Sadurniño, un vellote de Ferrolterra ao que coñezo dende as Folgas do 72.

O que comezou en debate e case que acaba en liorta tivo a súa orixe nun relato do Sadurniño; nel contaba como —alá polos anos corenta— o estaleiro de Perlío, na banda sur da ría de Ferrol, recibía acotío gabarras repletas de material roubado da Bazán. A isto opuxo don Antonio que tal afirmación carecía por completo de calquera base histórica. Que el tiña familia en Ferrol e que iso era unha lenda urbana nacida da rivalidade histórica entre os dous estaleiros da ría, e engadía que Estaleiros e Talleres do Noroeste nacerá pola iniciativa de don José María González Llanos, un enxeñeiro naval militar que transformou un modesto taller de reparacións metálicas no maior estaleiro de Europa.

— A idea de que un estaleiro desa envergadura, con ese guindastre pórtico, un dos maiores do mundo na súa época, puido fundamentar o seu crecemento industrial no roubo de material é simplemente ridícula.

— Don Antonio: non me faga dicir o que non dixen, nin pensar o que non pensei! De onde saca vostede que eu afirmei que a transformación de ASTANO dun taller artesanal a un dos colosos navais do mundo en apenas dúas décadas foi froito do material roubado á Bazán?

— Pois está aquí don Paio, que o escoitou e non me deixará mentir...

— Sinto non poder darlle a razón, don Antonio. Eu entendín o das gabarras de material roubado como unha das tantas anécdotas que ilustraban o comportamento habitual dos protexidos do Réxime: a privatización do que é de todos —o estaleiro público— en beneficio de uns poucos...

— E que estou un pouco farto xa desa deturpación da historia que están empeñados en facer. Que parece que en todos estes anos nada se fixo ben! E digo eu que facer dun modesto taller de carpintería de ribeira o maior construtor mundial de «superpetroleiros» algún mérito terá! Unha cousa así non sae da improvisación nin dun milagre. É o resultado dunha aposta radical pola innovación tecnolóxica; dunha combinación moi meditada de liderado técnico excepcional, visión comercial, e, claro está!, apoio industrial e financieiro

— Mire que lle digo, don Antonio! Por min pode estar todo o farto que lle preste, pero por moita cháchara que lle poña ao seu discurso non conseguirá transformar a realidade: don José María González-Llanos e Caruncho, oficial da Armada e enxeñeiro naval, foi director xerente de Bazán ata o ano 1971. E o principal impulsor da creación de ASTANO cun grupo de socios no ano 1941, cando aínda estaba ligado á empresa pública. Aínda máis! Ese «liderado técnico excepcional» do que fala ten unha orixe que non se chama Astano; se chama a Escola de Aprendices da Bazán.

— Que fundou don José María en 1938...

— Non tal! —terzou o Sadurniño alporizado—. A escola a fundou a República fai máis de cen anos!

— Os dous tedes razón! A Escola foi unha creación da República... que desapareceu coa República! E que don José María González-Llanos volveu a por en marcha!

E así seguiron discutindo e discutindo sen aproximar posturas, cadaquén enrocado nos seus datos: don Antonio na súa defensa a treo da visión de ASTANO como a obra dun enxeñeiro brillante que soubo aplicar a soldadura estrutural antes que ninguén en España, combinada cunha feroz ambición empresarial, financiamento bancario a gran escala e a capacidade de subirse a tempo á onda dourada mundial do petróleo e os grandes petroleiros dos anos 60 e 70; e o Sadurniño como o resultado das políticas de promoción industrial do réxime franquista, que deu traballo a unha morea de torneiros, axustadores, delineantes e soldadores altamente cualificados, mentres houbo mercado para o tipo de buque que unha instalación tan enorme podía acometer con rendibilidade, e os mandou ao paro e á desesperación cando as políticas industriais cambiaron. Vostede que pensa don Manoel?

— Pois mire que lle digo, don Paio! Pouco máis podo achegar ao acertado resumo que vostede ven de facer. Soamente, se lle presta, contar unha pequena anécdota dun dos meus primeiros contactos con algunha xente de ASTANO.

— Préstame!

O que don Manoel contou a don Paio

Non sei se xa lle dixera que alá polos anos setenta fun o responsable para Galicia e Asturias do departamento naval da empresa na que traballaba. Naquela época, a ría de Ferrol era un ferver de tensións industriais e comerciais, onde as esixencias normativas dos materiais que se debían empregar nas construcións chocaban coas limitacións da realidade industrial española. Ou dito con máis claridade: os materiais necesarios para construír aqueles monstros do mar tiñan unhas especificacións que os materiais made in USA cumprían doadamente. O problema era que o prezo deses materiais era igualmente made in USA; moi lonxe do que o estaleiro podía pagar por eles.

Aínda máis: a principal razón para fabricar eses buques en España, a un prezo que na maior parte das ocasións estaba por debaixo dos custes, era precisamente dar traballo á industria española, polo que a oficina técnica dos estaleiros tiña ordes concretas de mercar en España todo o que en España se puidese fabricar.

E ese era precisamente o meu traballo concretamente para a parte do material eléctrico, que era a nosa actividade: servir de tradutor das especificacións dos materiais demandados polo estaleiro aos fabricantes do noso grupo, e loitar pola consecución dos importantísimos contratos de fornecemento deses materiais.

— Don Manoel... —díxome entón don Paio—. Non sería hora de ir entrando en fariña?

—Fai ben en avisarme, don Paio! Como se nota que me coñece ben!

Na oficina técnica de ASTANO mandaban, man por man, dous Elías. Estes dous personaxes tiñan, aos ollos do meu xefe, unha importante influencia na decisión de adxudicación dos pedidos de material, polo que no seu intre —e por suposto sen estar eu presente— lles prometera unha suculenta recompensa monetaria se interviñan para que ao final a decisión nos fose favorable.

Chegou o intre da decisión da compra das pantallas estancas da iluminación do buque. Un pedido de sete estralos no que eu deixárame a pel. E como non podía ser douro xeito, xa que a nosa alternativa era a única que cumpría as normativas técnicas, e o pedido recaeu na nosa empresa, faltoulles tempo aos Elías para levantar o teléfono para darnos a boa nova e esixir, entre broma e veras, a conveniencia de celebrar axeitadamente tan feliz acontecemento en Casa Tomás, o restaurante de dona Amelia en Xuvia, que tan ben gañada sona tiña de ter o mellor marisco da contorna.

Acordáramos ir ao restaurante cada parella no seu vehículo, para non darlle sustento ás rexoubeiras. Aparcamos nunha campa que o restaurante tiña a tal efecto e preguntamos pola mesa reservada ao noso nome. Os Elías xa estaban nela, agardando por nós cun vermú e uns camaróns. Ben empezaba a cousa! Rematados os preceptivos saúdos, o máis vello dos profetas apuntou que igual era o intre oportuno de facer a entrega do acordado antes de que alguén viñera a molestarnos para tomar a comanda. O meu xefe estivo de acordo e o sobre cos cartos, tan indebidamente cobrados por unha xestión que non fixeran, cambiou de mans por baixo do cándido mantel.

— Supoño que está todo... Non o vou contar aquí; estamos entre cabaleiros!

— Por suposto que está todo! —dixo o meu xefe cun asombroso control de si mesmo.

Ao sinal acordado achegouse a nós o camareiro, co taco de espiral na man, disposto a tomar nota da comanda.

— Os señores dirán...

Visto o visto, señores había poucos na mesa, pero os invitados sabían a que viñan, e abriron a boca, non para profetizar como podería agardarse polos seus nomes, senón para pedir unha enchedela do mellor marisco que o Tomás tiña nos seus mostradores. Entón foi cando chegou a miña quenda para saír a espertar a besta:

— Para min marisco non. Mellor unha tortilla de patacas, desas que aquí fan tan ben.

— E logo non che gusta o marisco? —di o Elías máis novo, entrando ao anzol.

— Que va! Adoro o marisco. Estaría semanas enteiras comendo só marisco. Pero levo toda a semana fóra de casa e marisco ao xantar e marisco á cea xa é moito para o meu ácido úrico. Unha destas tortillas de pataca con moito ovo préstame máis!

Aínda que a miña actitude tiña moito de «fódase o sarxento que hoxe non como», o certo é que fixo nos profetas o efecto desexado.

— Coño, José Luis! Non hai un traballo para nós na túa empresa? Eu quero un posto de comercial onde poida xantar e cear marisco todos os días!

Xaque mate! Con cara de quen non está a falar en serio, fixen o meu movemento final.

— Mágoa. É que para poder xantar e cear marisco todos os días non chega con ser comercial de José Luis. Teriades que ser o director técnico do departamento naval, que non depende de José Luis, senón dun enxeñeiro naval de Bilbao, que non creo que vos dera traballo.

Un silencio ominoso caeu riba dos comensais. Entón eu votei unha alegre gargallada, mentres petaba amigablemente nos lombos dos profetas situados á miña destra e sinistra.

— Supoño que vos queda claro que a miña explicación é só unha brincadeira! Unha broma como o voso comentario solicitando a José Luis un traballo!

A partir daquel intre a enchedela de marisco deixou de ter graza para os Elías. A conversa esmoreceu, e non houbo café, copa nin puro final. Cando quedamos sós na mesa, o meu xefe intentou iniciar un rosario de reproches afeando a miña conduta.

— Mellor deixemos as cousas como están José. Non teño gana de iniciar aquí unha competición de «e ti máis». Déixame dicirche soamente que deches de xantar a quen despois che morde. Os Elías estaban a traballar a favor da oferta da competencia e, visto que non puideron arrimar a orde de compra a eles porque o seu produto non cumpría as especificacións, viñeron onda ti a a cantarche milongas. Agora xa sabes algo que non sabías, e se me fixeras caso cando falamos do tema aforrarías cartos e preocupacións.

—Fodido quedaría, don Manoel!

—Pois si, don Paio. Fodido quedou pero pouco aprendeu. Xa se sabe que os técnicos non temos entre os xerentes moito predicamento!

—Pois o conto ben merece unha copla, feita a tal efecto:

Nin me deas santiaguiños,

nin che quero unha centola.

Dáme unha boa tortilla,

coa pataca e a cebola.



luns, 7 de setembro de 2026

As praias da Costa da Vela

 

Mire que lle digo, don Manoel! Alá polos anos setenta, nos estertores do tardofranquismo, un vello amigo, cuxo nome a petición propia non hei de citar, collera en aluguer unha estanza nunha casa de comidas da vila de Donón. O protagonista do noso conto pasaba naqueles tempos por unha situación laboral complicada, o que aconsellaba a procura urxente dun lugar onde permanecer un par de semanas afastado da barafunda da cidade.

Á diferenza dos filósofos peripatéticos, o noso home procuraba a soidade nas súas camiñadas e, xa de mañanciña, collía polo sendeiro da Costa da Vela ata a punta Couso, pasando polo Carballo dos Namorados, o castro de Donón e a aldea de Punxeiro, e volvendo polas praias de Couso, Firu, Curres e Areabrava. Outras, ás veces, collía cara ao sur ata Cabo Home, dando a volta pola praia de Melide e punta Subrido, seguindo despois a senda costeira ata as praias de Barra, Viñó e Nerga.

E como ao final neses anos non había tanta xente facendo día tras día eses camiños, ao pouco ficou cunha certa confianza cun nativo desas terras ao que deu en alcumar como «Canalonga» porque con tal instrumento ía sempre cargado para —segundo contara— alcanzar augas propicias a esta fina arte de pesca dende os cons e cantís da costa.

O noso home comprobara que, cando o «Canalonga» estaba na faena, ocioso era dirixirlle a palabra, mais que tal disposición viraba como a folla da ulmeira cando coincidían nunha das congostras camiño do destino escollido como propicio para botar o anzol. Daquela era o pescador o que procuraba o parrafeo.

—E logo, meu señor: vostede, de onde ven sendo?

—Son de cidade, ben o ve. Estou na da Marica pasando uns días para descansar.

—Pois fixo moi ben! Porque se de algo temos aquí é tranquilidade!

—E praias...

—Praias a eito! E moi afrodisíacas!

—Certo! Unhas praias paradisíacas!

—Paradisíacas non lle sei: eu falaba de afrodisíacas, que non sabe vostede como me poño ao albiscar as raparigas que veñen á praia bañarse en coiro vivo!

Se tal foi ou non foi o conto, non llo podo acreditar! Soamente podo afirmar que o meu amigo pasaba por ser, en opinión de acreditados filólogos, persoa experta en lexicoloxía e semántica, antes que relator de chistes de comicidade dubidosa.

Do queixo non che me queixo,

que o queixo ben che me sabe;

quéixome de quen mo vende,

que non mo deixa de balde.