martes, 28 de xullo de 2026

Herba de namorar

 

Mire que lle digo, don Manoel! Pensa vostede que os sentimentos poden mudar coa morte da persoa amada? E da persoa odiada?

Non ten que responder, don Manoel: ben sei o que vai a dicir! O amor e o odio non son máis que as dúas caras da mesma moeda emocional; que a pouco que pescudes detrás dun gran amor atoparás unha miguiña de xenreira, e detrás dun odio brutal unha necesidade morbosa do aborrecido. Ou como ben dixera aquel pintor amigo seu: “a luz máis brillante necesita da sombra para ter volume, e non hai negro tan profundo que non necesite algo de branco para existir”.

Certo, don Manoel! Non menos acaída é a sentencia do noso benquerido amigo «o Migallas»: “a verdadeira morte do amor é a indiferenza”.

Dirá vostede, e con razón, que vento me deu na cabeza para vir hoxe con esa pregunta. Pois a razón non é outra que onte souben da Sefa. Despois de tantos anos sen saber por onde andaba, entrou, falangueira como unha carricanta e guapa como unha deusa grega, pola porta da taberna!

Sentou canda min, colleu as miñas mans nas súas e miroume de fite ao máis fondo da alma. Decontado souben que algo tiña que contarme, así que fixen un aceno a Miguel para que trouxera unha cunca de monterrei para ela e colmara do mesmo viño a miña. Entón, dispúxenme a escoitar con toda a atención que a ocasión merecía.

Fala a Sefa

A chamada de dona Amalia tivo o efecto dun raio nun ceo limpo, deses que non traen auga pero que deixan o aire cargado de ozono e unha xorda inquedanza no peito. Sostiven o teléfono uns segundos contra a miña meixela despois de que a nai de Ricardo cortase a comunicación.

—Morreu —díxenlle á cara que me miraba desde o espello do baño coma se precisase ver mover os beizos para crelo—. De cirrose. A besta consumiuse no seu propio veleno.

Non houbo bágoas. O que sentía nese momento non era dor, nin sequera alivio; era esa estraña quietude que queda no mar despois dunha tempestade que durou demasiado. O meu amor por Ricardo —se é que algunha vez fose tal— morrera moitos anos antes estragado a golpes e malos modos, nun longo proceso de humillacións e malos tratos. Violencia de palabra primeiro e de feito despois, para rematar nunha agresividade cada vez un pouco máis bárbara e descontrolada. Unha violencia que comezaba con berros destemperados, continuaba con couces a cadeiras e mobles e remataba en labazadas, puñadas e intentos de asfixia. Unha violencia que deu comigo no hospital Gómez Ulla e, como ben lembrará, de regreso en Bouzas pola afouteza do meu pai.

Deixei o teléfono en lugar seguro sabedora de que estes trebellos teñen a mala costume de ser moi obedientes á lei da gravitación universal —que algúns chaman da gravidade facendo referencia ás consecuencias dunha caída para a súa integridade funcional— e seguín nas tarefas que a chamada interrompera. Ata que unha pregunta incómoda abrollou no máis fondo da conciencia, unha pregunta que de novo obrigou aos meus beizos a formar, como se alguén puidera escoitarme.

—Pero, quen carallo lle deu a esta muller o meu número de teléfono?

Que estrañas artes empregou para localizarme despois de tantos anos? Por vostede, don Paio, unha das poucas persoas de Bouzas que sabía do meu paradoiro, poño a man no lume! E dos compañeiros da carreira ou da facultade... Merda para min! É que non teño amaño! Non vou e lle conto a Horacio —unha relación desas que unha pensa que son firmes e acaban sendo frustrantes—, os pormenores do meu matrimonio cun militar? De Madrid e de boa familia... "Touciño é, se o fociño redondo ten".

Pero Ao feito peito!, e “Quen lle teña medo ás chispas que non se meta a ferreiro”; que agora estou no meu Bouzas da alma, compartindo á calor da amizade, o viño e a conversa coa persoa que sabe case todo de min, na procura da mellor ocasión para pedir o seu sabio consello.

Non! Ben o sabe, don Paio! Non foi esa a única razón da miña volta a Bouzas. Que hai no cemiterio de San Miguel un sepulcro de pedra que —aínda que eu non acredite moito nesas parvadas— garda os ósos benditos de miña nai e do que gañou tal título por méritos propios, e ben merecen a miña presenza física canda eles, aínda que sexa de cando en vez.

E diso vai, don Paio! Ningún deles deu nin chío cando morreu Farruco «O Mincha». Ninguén cando Fina —a miña nai— abriu coa súa morte a porta da gaiola onde eu me encerrara, para deixarme voar. E agora ven dona Amalia dando ordes a torto e a dereito como se aínda tivera algún poder sobre min!

Que ata o de agora si que o tivera! Que puideron e non puxeron denuncia polo meu abandono do fogar. Porque marchar da casa sen a autorización do meu marido —ou máis ben contra a súa vontade— ou sen unha resolución xudicial de separación, era considerado un delito de desobediencia e abandono. Por moito que houbera un precedente de malos tratos, con ingreso hospitalario incluído, o marco xurídico e social do réxime non deixaba marxe de dúbida: a lei protexía a figura do cabeza de familia. Para a policía, a Garda Civil e os tribunais, a "autoridade marital" estaba por riba de todo e eu tería que enfrontar unha orde de "restitución ó fogar conxugal", e a regresar co meu maltratador.

Porque o certo era que eu seguía casada con Ricardo ante a lei! Era algo no que non pensaba moito pero cada vez que a lembranza asomaba o pico da gadaña, un calafrío xeábame as costas e poñíame de punta as lanuxes da caluga.

Souben un día que Ricardo fora destinado a Ferrol —do Caudillo coma dicían eles—, o que lle permitía dicir a súa nai sen pecar, que a parella “estaba en Galicia”, cousa que era certa se non temos en conta os case douscentos quilómetros que separan as dúas cidades. Logo morreu mamá e eu funme á Complutense a completar a licenciatura largo tempo adiada. O resto da historia ata o departamento de Historia Moderna da Universidade de Cádiz xa o coñece vostede das miñas cartas.

E anos de confort e de vida nova, esquecida de todo ata esta chamada da vella señora, coa súa voz rexa levemente tinguida polo orgullo ferido e o loito, pero sen trazas de pranto, ordenando o derradeiro recoñecemento ao defunto. Unha chamada que feriu coma unha cobra rateira que, cando te confías e tentas achegarte a ela con compaixón, ataca de súpeto para inocular a súa pezoña:

—Dixo o teu nome co derradeiro alento, Sefa. Non sei que lle fixeches, pero vaise sen descanso.

E na nosa terra, coma tantas veces lle escoitei explicar na taberna dos meus pais, cando alguén morre gardando unha débeda de amor ou de odio, o vincallo permanece, a atadura non se dá por ceibada ata que se cumpre un certo ritual! E un home coma Ricardo, que vivira sementando treboadas, non ía ter sen axuda un camiño doado cara ao alén. O peor é pensar que esa última cadea que o condenaba ou o ceibaba estaba nas miñas ignorantes mans!

Por iso veño na procura do seu consello, don Paio. Porque hei de confesar que naquel malfadado san Xoán non lle fixen caso ningún! Ou mellor: escoitei o que me conviña e non o que me advertía! Recorda aquel sanxoán no que contou o da «Herba de namorar» e o seu efecto? Pois eu seguín o seu consello e metín un atado delas no peto do uniforme de Ricardo. A herba encargouse de facer o feitizo, mais coas consecuencias nefastas que vostede ben coñece, e témome que agora xa non haxa forma de dar volta atrás!

—E agora lle pregunto eu, don Paio: que debera sentir cando quen morre é quen che ensinou a amar e a odiar ao mesmo tempo? Muda o odio cando sabes que o teu agresor xa non respira, ou queda a súa pantasma para sempre?

 

Cando Sefa rematou de falar, sentín que as miñas vellas pálpebras estaban perdendo a súa batalla contra as bágoas no seu intento de impedirlles abrollar. Como tantas outras veces no pasado tomei ás súas mans nas miñas para chegar máis doadamente ao seu corazón.

—Miña queridiña! Ben sabes que non son máis que un mariñeiro con moita mar nos ollos! Un home sen estudios que ascendeu á categoría de filósofo tabernario nas ás da prosa de don Manoel. Pero se é certo que “do vello o consello” e tal pides, hei de escaravellar nos meus saberes para darche, senón o máis asisado, o máis agarimoso que poida.

Din as mellores especialistas no tema, que para desfacer o efecto do esconxuro da «herba de namorar» cómpre o emprego de rituais baseados na forza da auga purificadora, ou na destrución física do elemento que causou o feitizo.

O da auga purificadora consistía en lavar as mans na auga dun regato de auga viva que discorrese cara ao poñente, queimar un anaco da roupa que estivese en contacto coa persoa esconxurada e tiralo ao regato, deixando que a corrente se levase a mala enerxía augas abaixo sen mirar atrás.

Aínda que, segundo estas meigas, o xeito máis efectivo de romper o vínculo é o de recuperar o amuleto e queimalo completamente nun lume purificador como o das fogueiras de san Xoán, e botar as cinzas preferentemente ao mar para que a inmensidade do océano neutralizase o influxo da herba.

Esas son as vellas receitas. Pero se tes algunha fe neste vello filósofo tabernario, lembra que os feitizos de amor creados pola forza da mente carecen de eternidade se quen os provocou deixa de alimentalos co pensamento. Cando a memoria se esvaece e a persoa afectada corta calquera elo mental coa outra parte, a atadura decae por si mesma, porque ningún esconxuro resiste o peso do verdadeiro esquecemento: a indiferenza.

 

Fun a recoller ao monte

a herba de namorar

fixen con el un encanto

do que non me sei librar.

 


domingo, 19 de xullo de 2026

Escudeiros e a Institución Libre de Ensinanza

 

Mire que lle digo, don Manoel! Ben sei que a súa benquerida compañeira —como vostede gusta en chamarlle— ten moito máis quefacer que vir pola nosa taberna a contar as súas belidas historias, pero teño para min que lle tería prestado moito coincidir co noso visitante de onte, que viñera á mantenta á taberna para coñecela.

Porque a tapa de onte era de «bienmesabe»: cazón cortado en dados, mariñado nun adobo de vinagre, allo, ourego e comiño, e despois fritido en abundante aceite, conforme a receita do chorado amigo «Migallas», que como lembrará era da fermosa vila de El Puerto de Santa María.

—Afonso; o visitante do que lle falo chámase Afonso —aclarou don Paio, para engadir decontado que tamén informara de que o seu pai nacera no lugar de Escudeiros e que coñecera persoalmente a Román e a Isolina, os protagonistas dun dos contos que vostede ven de publicar na súa bitácora co título de “Os limpadores da morte”. Engadindo, antes de que ningún dos fregueses da nosa húmida confraría ousara preguntalo, que era “Mestre de educación primaria, no C-E-I-P plurilingüe Ramón y Cajal”. No Picacho, vaia!

—Pois si, don Manoel! Tamén a iso respondeu: Coñecera á «Maradona» aínda que máis pola súa sona que pola súa asistencia ás aulas, e lera os contos de “Os limpadores de morte” na súa bitácora por indicación dun antigo alumno que sabía da súa orixe. E de milagre que deu atopado a taberna do Miguel! Que se non fose polas indicacións dun mozo da “Cultural de Bouzas” co que coincidira nunhas “Xornadas” de ensino, ía chegar á ela polo carallo arriba!

—Non tal! Nunca pensara atopar a dona Loli na taberna; revisando outros contos chegara á conclusión que ás súas visitas a este sagrado templo da oralidade eran pouco frecuentes; esporádicas, que diría un lingüista! A idea del era falar comigo por ver se a súa “compañeira de vida” tiña máis información do tema das Misións Pedagóxicas e a biblioteca que a Institución Libre de Ensinanza deixara no concello de Ramirás.

Falaba e falaba sen repouso ata que Miguel, sen que mediara comanda por parte algunha, puxo aos seus alcances unha cunca ben fría de monterrei. O lene son da porcelana riba do mármore do mostrador espertou a súa necesidade de humedecer a gorxa e deume tempo abondo para requirir algo máis de información, da que, co seu permiso fago un resumo un pouco máis ordenado.

O que contou o Afonso das Misións Pedagóxicas en Ramirás.

Sorprendente, insólito, inaudito, desconcertante e aínda milagroso. Ata eu o diría! Entendo que a xentes de mar como vostedes lles poida parecer que nun lugar tan afastado de todo como Ramirás poida aparecer unha biblioteca da Institución Libre de Ensinanza, aquela obra magna de Giner de los Ríos e tantos outros conectado directamente co pensamento de Krause e as correntes pedagóxicas marxistas de Célestin Freinet.

O camiño que trouxo aquela utopía ata as ladeiras de Gomesende tivo nomes, apelidos e unha intrahistoria moi pouco coñecida que é precisamente o obxecto da miña investigación, e a razón pola que estou hoxe aquí na vosa taberna coa pretensión de atopar algunha documentación máis dos feitos citados.

Unha intrahistoria que non ten nada de máxica, aínda que se desenvolva nun lugar tan propicio a ela como as Terras de Celanova.

Polo que teño pescudado, a concesión das bibliotecas non se facía ao chou: unha sementeira á palma aberta coa semente voando cara a onde lle petara. Detrás de cada biblioteca que se concedía a unha aldea do rural galego había un mestre consciente, vocacional e comprometido, nunha escola involucrada coa citada metodoloxía, e estou certo de que a chegada a Escudeiros daquela cobizada biblioteca da ILE non foi casualidade. Un fito que respondía á presenza, non só dese mestre, senón dun firme tecido asociativo local e partidario, e unha activa vida obreira ligada ás minas de estaño. Ou como lembraba a miña nai, que era de Vilar de Vacas, vida obreira, asociativa e sindical tan forte que Escudeiro se gañara a pulso o sobrenome popular de "Escudeiro dos comunistas".

E foi o Goberno de progreso da Segunda República, co pulo de Manuel Bartolomé Cossío e a paixón dos Lorca, Machado, Salinas, Maruxa Mallo e moitos, moitos máis mariñeiros do entusiasmo, como lles chamara Juan Ramón Jiménez os que asumiron a tarefa de:

“levar ás xentes, con preferencia ás que habitan en localidades rurais, o alento do progreso e os medios de participar nel, nos seus estímulos morais e nos exemplos do avance universal, de modo que os pobos todos de España, aínda os apartados, participen nas vantaxes e goces nobres reservados hoxe aos centros urbanos”.

Con ímpeto decidido, estes misioneiros da pedagoxía ética e laica chegaban aos pobos inzados de fervor na sagrada misión de achegar a Cultura ao pobo, coas pesadas caixas cheas de esperanza, ao lombo de mulas ou en vellos camións, ata as aldeas máis illadas de todo o territorio español.

Malia que don Manuel Bartolomé Cossío e a súa dona Carme López-Cortón pasaban os veráns en Bergondo, as Misións tardaron en chegar a Galicia. Ata onde eu sei, a primeira arribada dos misioneiros dirixidos por Rafael Dieste foi en agosto de 1934, e teño para min que deberon de andar pola provincia da Coruña porque hai unha foto que fixo o notable cineasta José Val del Omar en Malpica de Bergantiños da xente amoreada no peirao e nas barcas amarradas nel, agardando non sei ben por cal das actividades que levaban que eran moitas: cinema, gramófono, coro e teatro do pobo, museo popular ou o teatro, no noso caso de monicreques.

Disque as misións chegaron a Ramirás entre finais de xuño e principios de xullo do 36, nun dos últimos alentos de luz e cultura xusto antes de que o golpe de Estado deitase as sombras da represión sobre o país. Aquela última misión tivo como centro de operacións o magnífico edificio que o emigrante Rogelio García Yáñez fixera erguer en Freás de Eiras; un grupo escolar de arquitectura indiana bautizado co nome da súa nai, Concepción Yáñez. Aquela xoia, proxectada no 35, abrira as súas portas nese mesmo ano de 1936 como o escenario perfecto para un soño pedagóxico que estaba a piques de ser truncado.

Podo imaxinar o que supuxo para os meus pais, igual que para a práctica totalidade dos seus veciños, ver por primeira vez as copias das grandes lenzos de Velázquez ou Goya. Verse retratados nas fiandeiras, nos borrachos, nos ferreiros, filósofos e deuses; e, ao tempo, comprobar a cara de parvos que tiñan os de toda aquela dinastía de reis aos que, ata había ben pouco, veneraran como seres superiores.

Por non falar da maxia de ver, por vez primeira, o cine proxectado nunha saba estendida entre dous paus, ou de escoitar o son dunha gran orquestra enchendo de beleza os bosques dende o xiro daqueles vellos discos de lousa. E, coroados de risas, o Retablo de Fantoches, ese teatro de monicreques versión lixeira, nómade e adaptable do Teatro do Pobo, co que Rafael Dieste cativaba tanto os nenos coma os pais que os acompañaban. Todo nun medido equilibrio entre a sensatez dun espectáculo culto e a frescura, a picardía e a enerxía dos títeres.

Parece seguro que nesta misión de Ramirás participaron figuras de relevo como o intelectual coruñés Xosé Otero Espasandín e, de xeito moi destacado, a pintora surrealista Maruja Mallo. A presenza doutros artistas como Cándido Fernández Mazas, Ramón Gaya, Miguel Prieto ou o propio Urbano Lugrís —portentoso improvisador cos títeres e autor dos deseños dos bonecos— está menos documentada. Tampouco parece probable que estivese José Val del Omar, porque non se coñecen fotos destes actos.

Ao final, o exemplo de Ramirás demostrou que ningunha aldea está "afastada de todo" se hai libros nas súas mans. O fío invisible que unía o Madrid do krausismo coas terras do Arnoia sostíñase niso: na fe absoluta de que a cultura non era un privilexio urbano, senón un dereito que, para selo, tiña que chegar ata o último torreiro da máis afastada aldea.

Cando os misioneiros marchaban despois de varios días, a aldea xa non era a mesma. Quedaba un pouso de dignidade, a certeza de que o mundo era máis ancho do que acadaba a vista dende o monte, e unha biblioteca chea de páxinas listas para ser devoradas durante os longos invernos. Mágoa que as cousas acabaran como acabaron, e a luz do facho que as Misións acenderan en Ramirás fose tan efémera.

....................................................................................................
Seguiu un silencio mentres Afonso recuperaba forzas e humedecía a gorxa despois do longo parlamento. Silencio que alguén rachou dende o remate do mostrador.

—Vostede desculpará o meu atrevemento, pero eu son de Malpica de Bergantiños, e o meu avó estivo nas representacións do Retablo de Fantoches de outubro do 33.

—Nada que desculpar! Máis ben ás avesas, que algo lle contaría o seu avó daquelas Misións Pedagóxicas!

—Non se equivoca! Que o avó Tomé era panadeiro, e no seu forno cocéronse algunhas das figuras para a representación da “La Doncella Guerrera“, polo Retablo de Fantoches de don Rafael. Con resultados moi desconformes co esperado, debo dicir!

—E logo! Que foi o que pasou?

— Que ao seren de pasta, xeso e cola, entraban no forno cun carácter e saíron con outro! E a miña avoa non paraba de rir pedíndolle aos das Misións que non lle deran máis tormento aos bonecos, que entrar entraban como rosas pero saír saían como negros!

—Eu non sei moito de monicreques pero iso de enfornalos coma se fosen un molete de pan..., de quen foi a idea?

—Seica do mesmo Rafael Dieste, ao non dar secado a tempo os novos títeres.

—Tanto tempo leva facer un boneco deses?

— O traballo do carpinteiro para a estrutura e da costureira para a vestimenta foi cousa doada. Pero o carácter e o modelado concreto dos bonecos foi o que levou a moitas discusións ao equipo artístico: Ramón Gaya, Fernández Mazas e Miguel Prieto, por unha banda e Urbano Lugrís con único apoio de Dieste polo outro. Que «Unha man lava a outra, e as dúas lavan a cara» e don Rafael quería garantirse o apoio de Lugrís á súa visión da doncela Guerreira!

—E digo eu... Non é que dubide do que me conta pero, como chegou o seu avó a saber tantas cousas desta representación.

—Pois pode pensar o que queira, que o pensamento é ceibe, pero cóntollo como mo contaron! Quero supoñer que a condición de colaborador necesario deulle ao meu avó o tempo e a oportunidade necesarios para saber moitas cousas dese momento histórico.

Non dixo mais. Pediu a conta, recadou as súas cousas, despediuse con educación e saíu pola porta da taberna sen dar oportunidade ao tal Afonso de rectificar a súa desafortunada intervención. Así que, con pouco máis que tratar a conversa foi esmorecendo ata recalar nun balbordo de lugares comúns. Non tardou moito o de Escudeiros en decatarse de que pouca auga máis quedaba naquel pozo; e o que é moito peor: que tivera na cesta un rodaballo e o largara pola borda pensando que era un escacho!

E mire que lle digo, don Manoel! Moito proveito tirei desta conversa, pero hai algo que me emociona e conmove especialmente: a grandeza dos que, como Rogelio García Yáñez, fixeron fortuna nas Américas, pero, convencidos de que a redención de Galicia residía na cultura e na educación, decidiron financiar escolas na súa propia terra. A diferenza daqueles que viron na construción de grandes palacetes un monumento ao ego do indiano enriquecido, pura ostentación do seu triunfo social, García Yáñez e moitos coma el asinaron un compromiso ético e transformador coa matria que deixaran atrás.

Viviran en carne propia a rudeza do desarraigo e a dificultade de saír adiante nun mundo estraño sen unha formación sólida; por iso entenderon que a única ferramenta real para que as xeracións vindeiras non sufrisen a mesma fame era a educación. A cultura, aos seus ollos, era o único camiño cara á liberdade, o vieiro cara á dignidade e á redención colectiva.

E hai un detalle que emociona e engaiola: bautizar as escolas co nome da súa nai, Concepción Yáñez, constitúe un acto de gratitude eterno. É a homenaxe a quen sufriu a dor da separación, a quen sementou os primeiros valores nese neno antes de marchar e a quen, co alento sostido dende a distancia, acubillou moralmente aquela aventura transatlántica.

Nada máis por hoxe, don Manoel. Soamente por respectar o costume de pechar con copla,vai esta, non sei moi ben se do estro popular ou simplemente descoñecido.

No profundo val de Eiras

as Misións baixaron pano;

sombras veñen dacabalo,

do rancor e do sagrario.


Garda terra de Escudeiros!

Agacha o libro e o saber,

que os que odian a lectura

xa nos queren ver morrer.


Nas minas de Ramirás,

durmirán sen incerteza.

Agardando con paciencia

que o novo día alboreza.

 


martes, 7 de xullo de 2026

O meu tío Tomás

 

Mire que lle digo, don Paio! Para torpe de verdade, o meu tío Tomás! Pero non torpe de luces, deses que lles custa comprender as cousas, que para iso tiña unha mente lizgaira, capaz de resolver calquera enredo de números ou papeis. O seu era unha liorta constante co equilibrio e co goberno do corpo. Cando eu era cativa, pensaba que algo debía de estar estragado no seu pescozo, que as ordes da cabeza non lle chegaban ben á parte de abaixo, coma se fose un boneco cos cabos mal conectados. E debo confesar que o diagnóstico me tiña tan convencida que mudei en obsesión: agardaba a que estivese sentado para achegarme paseniño e apalparlle a caluga, buscando con ansia a peza que tiña frouxa alí dentro.

Co fracaso do golpe militar do 36 comeza a Guerra de España. O meu tío Tomás, como meu pai, eran mozos «de orde»; esmorgantes si: pero dos que non tomaran partido por ningún bando. Por iso non acabaron no cárcere nin fuxidos no monte, senón chamados ás filas do exército sublevado na que se coñecería como a «quinta do biberón».

Moito lle gustaba ao meu pai relatar as peripecias da instrución do tío no cuartel de San Fernando en Pontevedra! E non vaia vostede a pensar que o tío non ría con elas! Ría, si. E con tal gusto ría que ata ás bágoas escapaban dos seus ollos empapando o pano de man que sempre levaba no peto da camisa.

     En canto a voso tío lle puxeron un mosquetón nas mans, o pánico apoderouse da oficialidade —contaba Papá unha vez máis ao noso requirimento—. Meu deus! Tomás era un perigo público! Na formación viraba sempre a esquerda cando ordenaban “dereita”, e seguía de fronte cando gritaban “media volta”!

E nos escachábamos coa risa imaxinando a todos os soldados caídos polo chan, amoreados uns por riba dos outros e espernexando como tartarugas dadas a volta.  Logo Papá contaba como ao facer o «presenten» case lle saca un ollo ao sarxento co canón do mosquete, como no medio da cociña tropezara coa pota do caldo derramándoa toda polo chan, e como no campo de tiro, levantárase co Mauser na man para dicir que aquilo non disparaba.

Os mandos comprenderon axiña que se mandaban ao tío Tomás á primeira liña, ía causar máis baixas nas propias filas que no exército inimigo. Así que, por pura supervivencia do Rexemento, decidiron que o mellor era mantelo lonxe das armas e da polvoreira, destinándoo para padioleiro da Cruz Roxa. Pensaron que, sen armas, o home sería inofensivo.

Non sabían ben o que facían: porque nunha das súas primeiras saídas, cando levaban na padiola a un Alférez Provisional de caranguexo na camisa azul, que queixábase de que escordara un pe, o tío, sobresaltado das explosións, meteu un pe nunha fochanca o que lle fixo caer a rebolos por unha encosta. Nada lle pasou a el, que estaba afeito a caer acotío, pero o peor levouno o alférez que, de resultas da caída, foi a parar ao río onde rompeu contra as pedras un brazo e unha perna.

Así que cando a finais do sesenta Rafael Portanet tivo a ocorrencia de cambiarlle o nome á nosa rúa pola de "Calle del Alférez Provisional" —cousa que sentou tan mal á veciñanza que durou menos dun ano— e o tío fixo unha das súas baixando por ela sen control ata que conseguiron frealo uns carreteiros da estación que estaban tomando uns viños na do Lino, o meu pai puido dicir con esa retranca súa, sabia mestura da súa orixe toledana e o arraigo galego, que:

     Tomás: estás seguro que ese alférez da rúa no é o que guindaches ao río na batalla do Ebro?

E mire que lle digo, don Paio! O meu tío Tomás non era que tivese dous pés esquerdos: é que era quen de tropezar cunha liña que debuxaras no chan! Ou como dixera a nosa asistenta Dina, un día que estragara media vaixela ao intentar coller unha tixola na cociña, “tiña menos xeito que un pavo nun tellado".

Por iso creo que vaille ben acaída aquela copla que di:

O home que é bo pero non ten goberno,

vaise polo mundo camiño do inferno;

dous pasos adiante e catro para atrás,

o diaño che leve do xeito que das!