mércores, 16 de setembro de 2026

Tortilla de patacas en Casa Tomás


 Mire que lle digo, don Manoel! Igual pode vostede terzar na polémica que tiveron antonte, nesta taberna que alguén chamou a nosa sede da sede, don Antonio o da asesoría —que vai tan de sabido que acaba en sabichón—, e o Sadurniño, un vellote de Ferrolterra ao que coñezo dende as Folgas do 72.

O que comezou en debate e case que acaba en liorta tivo a súa orixe nun comentario do Sadurniño no que contaba como —alá polos anos corenta— o estaleiro de Perlío, na banda sur da ría de Ferrol, medrara grazas ás gabarras de material roubado da Bazán. A isto opuxo don Antonio que tal afirmación carecía por completo de calquera base histórica. Que el tiña familia en Ferrol e que iso era unha lenda urbana nacida da rivalidade histórica entre os dous estaleiros da ría, e engadía que Estaleiros e Talleres do Noroeste nacerá pola iniciativa de don José María González Llanos, un enxeñeiro naval militar que transformou un modesto taller de reparacións metálicas no maior estaleiro de Europa.

— A idea de que un estaleiro desa envergadura, con ese guindastre pórtico, un dos maiores do mundo na súa época, puido fundamentar o seu crecemento industrial no roubo de material é simplemente ridícula.

— Don Antonio: non me faga dicir o que non dixen, nin pensar o que non pensei! De onde saca vostede que eu afirmei que a transformación de ASTANO dun taller artesanal a un dos colosos navais do mundo en apenas dúas décadas foi froito do material roubado á Bazán?

— Pois está aquí don Paio, que o escoitou e non me deixará mentir...

— Sinto non poder darlle a razón, don Antonio. Eu entendín o das gabarras de material roubado como unha das tantas anécdotas que ilustraban o comportamento habitual dos protexidos do Réxime: a privatización do de todos en beneficio de uns poucos...

— E que estou un pouco farto xa desa deturpación da historia que están empeñados en facer; que parece que en todos estes anos nada se fixo ben! E digo eu que facer dun modesto taller de carpintería de ribeira o maior construtor mundial de «superpetroleiros» algún mérito terá! Unha cousa así non sae da improvisación nin dun crecemento milagroso, senón que é o resultado dunha combinación moi meditada de liderado técnico excepcional, visión comercial, apoio industrial e unha aposta radical pola innovación tecnolóxica.

— Mire que lle digo, don Antonio! Por min pode estar todo o farto que lle preste, pero por moita cháchara que lle poña ao seu discurso non conseguirá transformar a realidade: don José María González-Llanos e Caruncho, oficial da Armada e enxeñeiro naval, foi director xerente de Bazán ata o ano 1971, ademais do principal impulsor da creación de ASTANO cun grupo de socios xa dende o ano 1941. Ese «liderado técnico excepcional» do que fala ten unha orixe que se chama a Escola de Aprendices da Bazán.

— Que fundou don José María en 1938...

— Non tal! —terzou o Sadurniño alporizado—. A escola a fundou a República fai quen de cen anos!

— Os dous tedes razón! A Escola foi unha creación da República... que desapareceu coa República! E que don José María González-Llanos volveu a por en marcha!

E así seguiron discutindo e discutindo sen aproximar posturas, cadaquén enrocado nos seus datos: don Antonio na súa defensa a treo da visión de ASTANO como a obra dun enxeñeiro brillante que soubo aplicar a soldadura estrutural antes que ninguén en España, combinada cunha feroz ambición empresarial, financiamento bancario a gran escala e a capacidade de subirse a tempo á onda dourada mundial do petróleo e os grandes petroleiros dos anos 60 e 70; e o Sadurniño como o resultado das políticas de promoción industrial do réxime franquista, que deu traballo a unha morea de torneiros, axustadores, delineantes e soldadores altamente cualificados, mentres houbo mercado para o tipo de buque que unha instalación tan enorme podía acometer con rendibilidade, e os mandou ao paro e á desesperación cando as políticas industriais cambiaron.

— Pois mire que lle digo, don Paio! Pouco máis podo achegar ao acertado resumo que vostede ven de facer. Soamente, se lle presta, unha pequena anécdota dun dos meus primeiros contactos con algunha xente de ASTANO.

— Préstame!

O que don Manoel contou a don Paio

Non sei se xa lle dixera que alá polos anos setenta fun o responsable para Galicia e Asturias do departamento naval da empresa na que traballaba. Naquela época, a ría de Ferrol era un ferver de tensións industriais e comerciais, onde as esixencias normativas dos materiais que se debían empregar nas construcións chocaban coas limitacións da realidade industrial española. Ou dito con máis claridade: os materiais necesarios para construír aqueles monstros do mar tiñan unhas especificacións que os materiais made in USA cumprían doadamente. O problema era que o prezo deses materiais era igualmente made in USA; moi lonxe do que o estaleiro podía pagar por eles. Aínda máis: a principal razón para fabricar eses buques en España, a un prezo que na maior parte das ocasións estaba por debaixo dos custes, era precisamente dar traballo á industria española, polo que a oficina técnica dos estaleiros tiña ordes concretas de mercar en España todo o que en España se puidese fabricar.

E na parte de material eléctrico ese era precisamente o meu traballo: servir de tradutor das especificacións dos materiais demandados polo estaleiro aos fabricantes do noso grupo, e loitar pola consecución dos importantísimos contratos de fornecemento deses materiais.

— Don Manoel... —díxome entón don Paio—. Non sería hora de ir entrando en fariña?

Na oficina técnica de ASTANO mandaban, man por man, dous Elías. Estes dous personaxes tiñan, aos ollos do meu xefe, unha importante influencia na decisión de adxudicación dos pedidos de material, polo que no seu intre —e por suposto sen estar eu presente— lles prometera unha suculenta recompensa monetaria se ao final a decisión nos era favorable.

E como non podía ser douro xeito, xa que a nosa alternativa era a única que cumpría as normativas técnicas, cando o pedido recaeu na nosa empresa faltoulles tempo para esixir, entre broma e veras, a conveniencia de celebrar axeitadamente tan feliz acontecemento en Casa Tomás, o restaurante de dona Amelia en Xuvia, que tan ben gañada sona tiña de ter o mellor marisco da contorna.

Chegamos a Neda, canda seu no seu vehículo, para non darlle sustento ás rexoubeiras. Aparcamos nunha campa que o restaurante tiña a tal efecto e preguntamos pola mesa reservada a nome do meu xefe. Os Elías xa estaban agardando por nós cun vermú e uns camaróns. Ben empezaba a cousa! Rematados os preceptivos saúdos, o máis vello dos profetas apuntou que igual era o intre oportuno de facer a entrega do acordado antes de que alguén viñera a molestarnos para tomar a comanda. O meu xefe estivo de acordo e o sobre cos cartos tan indebidamente cobrados por unha xestión que non fixeran cambiou de mans por baixo do mantel.

— Supoño que está todo... Non o vou contar aquí, estamos entre cabaleiros!

— Por suposto que está todo! —dixo o meu xefe cun asombroso control de si mesmo que eu non tiña e nunca tiven.

Ao sinal acordado achegouse a nós o camareiro, co taco de espiral na man disposto a tomar nota da comanda.

— Os señores dirán...

Poucos señores había na mesa, pero diante da fórmula ritual do anfitrión —«O que vos apetece? Un pouco de marisco?»—, os invitados abriron a boca, non para profetizar como podería agardarse polos seus nomes, senón para pedir unha enchedela do mellor marisco que o Tomás tiña nos seus mostradores. Entón foi cando chegou a miña quenda para saír de farol:

— Para min marisco non. Mellor unha tortilla de patacas, desas que aquí fan tan ben.

— E logo non che gusta o marisco? —di o Elías máis novo.

— Que va! Adoro o marisco. Estaría semanas enteiras comendo só marisco. Pero levo toda a semana fóra de casa e marisco ao xantar e marisco á cea xa é moito para o meu ácido úrico. Unha destas tortillas de pataca con moito ovo préstame máis!

Aínda que a miña actitude tiña moito de «fódase o sarxento que hoxe non como», o certo é que fixo nos profetas o efecto desexado.

— Coño, José Luis! Non hai un traballo para nós na túa empresa? Eu quero un posto de comercial onde poida xantar e cear marisco todos os días!

Xaque mate! Con cara de quen non está a falar en serio, fixen o meu movemento final.

— Mágoa. É que para poder xantar e cear marisco todos os días non chega con ser comercial de José Luis. Teriades que ser o director técnico do departamento naval, que non depende de José Luis, senón dun enxeñeiro naval de Bilbao, que non creo que vos dera traballo.

Un silencio ominoso caeu riba dos comensais. Entón eu votei unha alegre gargallada, mentres petaba amigablemente nos lombos dos profetas situados á miña destra e sinistra.

— Supoño que vos queda claro que a miña explicación é só unha brincadeira! Unha broma como o voso comentario solicitando a José Luis un traballo!

A partir daquel intre a enchedela de marisco deixou de ter graza para os Elías. A conversa esmoreceu, e non houbo café, copa nin puro final. Cando quedamos sós na mesa, o meu xefe intentou iniciar un rosario de reproches afeando a miña conduta.

— Mellor deixemos as cousas como están. Non teño gana de iniciar aquí unha competición de «e ti máis». Déixame dicirche soamente que pagaches ao inimigo; que os Elías estaban pagados pola competencia e que non puideron arrimar a orde de compra a eles porque o seu produto non cumpría as especificacións. Agora xa sabes algo que non sabías, e se me houberas feito caso aforrarías cartos e preocupacións.

Pois si, don Paio. Aínda é hoxe o día que José Luis e máis eu seguimos en contacto, aínda que non tanto como quixéramos.

Nin me deas santiaguiños,

nin che quero unha centola.


Dáme unha boa tortilla,

coa pataca e a cebola.



Ningún comentario:

Publicar un comentario