xoves, 12 de novembro de 2026

As virtudes da conversa


 Mire que lle digo, don Manoel! Cando Fina morreu e Sefa puido, por fin, abrir a porta da gaiola onde ela mesma se encerrara, para botarse a voar, quedamos orfos de taberna. Por un tempo pensamos que quedaríamos sen abrigo, sen peirao onde atracar, pero un vento afortunado tróuxonos ata a do Miguel. Aquí pode un entrar a buscar munición de boca, sólida e líquida, e saír con máis cousas das que lle caben nos petos. Unha palabra daquelas traspoleiradas por falta de uso que non oía desde que morreu a súa avoa. Un «máis agarrado ca un percebe», que xa sabe a quen lle vai aplicar. Un refrán que lle vén ao caso cando xa é tarde para dicilo. Un alcume que por fin entende. Unha receita de escabeche dada por dous que só están de acordo en que leva vinagre. Un remedio para o lumbago, recomendado por un que leva tres semanas sen se poder abaixar. A noticia de que un que todos daban por morto estaba vivo, e a de que estaba morto outro que todos daban por vivo.

E unha historia, don Manoel. Diso sempre se leva vostede algunha posta! Nos miolos antes e agora, cada día máis, no seu caderno de man, que os anos non perdoan! Historias de pesca e de naufraxios, de cando iamos ao Gran Sol con calquera cousa que flotara. Historias de aparecidos, como as da tía Anabel, ou as do Arghimiro, insigne confrade da taberna do Mincha que tiña o natural de ver as pantasmas coma se fosen xente viva. Historias de amores e desamores, de mortes e de mortos, de vivos e de demasiado vivos, pero tamén de vítimas e de vitimarios.

Moitas historias e de moitas naturezas, pero todas elas inzadas de humor e retranca, alleas ás exemplaridades e ás moralinas, pero ateigadas ata a regala diso que vostede chamou un día filosofía tabernaria. E sempre cun chisco de punxente escepticismo para adobío das certezas alleas, e cunha copla popular máis ou menos acaída como remate.

E nesas teimaremos, don Manoel! Polo menos ata o non moi afastado día no que o Miguel non teña outra que ceder ao imperio da realidade, e pechar o contrato para instalar no local as billas de cervexa, acompañadas das mesas con parasoles na terraza.

—E detrás da cervexa entrará o televisor e os programas de xentes que falan pero non se escoitan.

—Mérito do Miguel, por non deixar entrar a tele! —dixo un do fondo da taberna.

—Mérito do viño —apuntou outro—. Que nos convocaría igual aínda que houbese televisor.

—Mérito da tapa —corrixiu o Miguel, pousándolle diante un prato de callos con garavanzos—. O viño só acaba afectando ás facultades cognitivas. Cos callos, vostede pode seguir razoando ata a segunda ou terceira cunca.

—E despois da terceira?

—Despois xa razoan os demais por vostede. E ás veces ata o levan a casa!

Un rapaz novo, que estaba ao pé da porta movendo o móbil de acá para acolá, dixo que a explicación do raro fenómeno da conversa sobrevivinte era moito máis sinxela. Había conversa porque non había cobertura e porque, para saber algo de alguén, en troques de preguntarllo a Google, un acababa preguntándollo a don Paio. Eu agradecín tan desmesurado eloxio e aproveitei para comentar que o móbil non era máis ca unha ferramenta inocente; que en certa medida os culpables eramos todos nós por darlle un uso inadecuado.

—Ben certo, don Paio! A min o móbil non me impide conversar —dixo outro, sen levantar os ollos do seu.

—E logo, meu? Con quen está conversando agora?

—Co meu irmán.

Daquela o mozo que estaba na mesma mesa, sentado enfronte del, saudounos erguendo a súa cunca para darse a coñecer. Xa ve, don Manoel! Antes, se un seguía a ler o xornal mentres lle falaban o máis normal é que lle dixeran algo como «Pecha o Faro, que che estou falando». Hoxe para falar con alguén o mellor e chamalo ó móbil. Aínda que esteas a rentes del. E aínda hai unha cousa máis curiosa: no meu tempo daba vergonza estar calado cando estabas coa túa parella; hoxe ninguén se estraña de velos, sentados na mesma mesa e cada un deles mirando para o seu móbil.

Falando disto, vénme agora á memoria o caso do fillo dun armador de Bouzas e da súa noiva. Seica os dous andaban moito máis soltos de mans ca de lingua, que entre eles non xuntaban conversa para cinco minutos. E, apazugadas as urxencias nalgún espazo escuro, cumpría completar en público o tempo de namorar antes de que ela tivese que volver á casa. Fose nunha cafetería ou nunha sociedade como o Club Náutico sempre había algunha persoa coñecida que os vía calados, cousa que os avergoñaba profundamente.

Así que inventaron un sistema. En troques de falar poñíanse a contar por quendas. El dicía afectando expresividade «un, dous, tres», ela contestaba «catro, cinco, seis», el «sete, oito», e así ían tirando. Se vían vir algún coñecido, a conta facíase máis longa e acompañábana con expresivos acenos das mans. Ela tiña moita arte para aquilo. Podía dicir «corenta e sete» cunha indignación que metía medo.

Disque un día, cando estaban chegando ao setenta, el saltou un número.

—Sesenta e oito, setenta...

—Saltaches o sesenta e nove —dixo ela.

—Eu dixen sesenta e nove.

—Ti ías polo sesenta e oito. E saltaches ao setenta.

—Pois non sei que importancia pode ter iso.

—Ti saberás en que estarías pensando!

E velaí, don Manoel, que por un sesenta e nove tiveron conversa para o resto da tarde.

—E casaron? —preguntou o Miguel, que levaba un bo anaco coa xerra na man.

—Casaron. E, polo que me contou o meu amigo o armador, na casa deles daba gusto estar. Alí ninguén rifaba co outro por non ter que deixar de estar calados.

Andas como Xan do Monte

tirando pedras aos cans,

se queres saír de penas,

fala o que tes que falar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario