mércores, 5 de maio de 2021

O cu de diante.



Mire que lle digo don Manoel. Que á miña idade corren os días coma un cabalo desbocado e cada un deles vaise máis rápido ca manteiga no fociño dun can. Pechas os ollos, os volves a abrir e alá van unha chea de anos! Faustos e infaustos, que de todo ten que haber. E cantos máis anos amoréanse no meu documento de identidade mellor disposición, inclinación e tendencia teño polos relatos do seu (e meu) amigo de Xinzo! Xinzo de Limia, que algúns chaman terra de moitas patacas e outros sosteñen que alcuño tal está soamente xustificado dende a desfeita ecolóxica que fixeron co desecamento da lagoa de Antela.

O certo é que quero ben ao noso Tavo, e á súa terra de moitas e moi fermosas lendas, como a da cidade asolagada de Antioquía, ou a do río do esquecemento, terra de boa mantenza que inclúe dende callos limiaos ata as ancas de ra, e que din que goza do entroido máis longo do mundo, cousa que os de Laza discuten porque para eles o ciclo comeza segundo se dan as campadas o día de ano novo co primeiro folión, e tampouco os de Verín e Vilariño de Conso, pois o entroido en Verín comeza o día de San Antón e o día de Candelas en Vilariño de Conso.

Non hei de entrar en tales disputas que amigos teño en tódolos bandos, e por todos eles teño boa disposición, gusto e propensión, e se de hoxe nun ano non é con máis alegría, que non sexa con menos! Aínda que non sei moi ben a que viña isto, pero o primeiro dos contos do Tavo, di así:

No xulgado de Bande. O xuíz diríxese ao secretario:

-  Señor secretario. Que suba ao estrado o interpelado.

Tras unha pequena lea nas bancadas sube un home de mediana idade. Require o señor avogado da defensa, súa testemuña:

- Entón vostede viu ao acusado ...

-  Eu non vin nada!

-  Pero vostede sabe ...

-  Eu non sei nada!

-  Pero vostede estaba presente cando ...

-  Non señor, non!

Entón intervén o Xuíz:

- E logo se non sabe nada, nin viu nada, e nin sequera estaba presente o día de autos, por que sube a testificar?

- E que o secretario dixo: que suba o interpelado! Eu mirei ao meu redor. Ninguén da sala se levantaba, e o único calvo era eu!

A acción do segundo dos sucedidos se desenvolve en Vilar de Barrio, un pequeno concello da Limia. O alcalde é un tío moi bruto que conduce que pon o corazón nun puño. Nunha destas, case que provoca un accidente, ao non respectar un stop, e a Garda Civil, que o ve, o para e pretende poñerlle a correspondente sanción.

-  Bo día. Que no veu vostede o stop?

- Que estopa ou que farrapo de gaita! Ver ben que o vin, pero non o mirei.

-  A quen non nos mirou foi a nos!

-  Menos chufas que non sabe vostede con quen está a falar!

- Pois vai a ser que tanto me ten con quen estea a falar, porque a sanción vaina levar nas costas, se poña como se poña.

-  Ide os dous a merda, que non tedes ghuevos para iso!

E así seguiu a cousa un bo anaco de tempo. Marchan cada un pola súa beira ao pouco chégalle ao alcalde a citación para o xuízo. O alcalde comparece coa súa señora por testemuña e esta declara moi seria cando lle preguntan que o seu marido non fixera ningunha daquelas cousas que lle acusan. Nin manobra prohibida, nin faltarlle ao respecto Garda Civil. O xuíz, que xa está un pouco farto da fachenda da muller, pregúntalle:

-  Mire unha cousa, Señora: a vostede quen lle dixo que dixera estas cousas?

-  E logo que vai ser! O meu marido!

O señor alcalde que ve que a resposta da muller créballe tódolos vimbios do canastro con tanta maña construído, espétalle ao xuíz:

-  Non lle faga caso señor xuíz, que a miña muller é medio subnormal!

E o terceiro dos contos non vaille atrás en enxebreza!

Érase un cura moi noviño, tan recén saído do seminario que aínda non lle caera a casca do cu, ao que polo seu bo carácter lle deran o traballo que non quería ninguén, tendo que atender as necesidades espirituais, e ás veces tamén as materiais, dunha ampla zona da Limia. Home de porto de mar custáballe moito afacerse a súa ausencia, e non menos ao frío cruel da chaira limiá. Por iso cando algún chistoso repetía como nova a vella brincadeira: “Xa quixera eu traballar como un cura: media hora e con viño!”, el respondía paciente: “Se tal fora! Pero eu levo ao lombo sete campanarios!”

Un dia deses de moito frío na Limia, estaban o curiña coa súa ama e unha sobriña súa, sentados a rentes do braseiro. A ama, madura, carnal e frondosa non era do gusto do crego e ningunha tentación suscitaba; pero a sobriña! Ai a sobriña! E cando a ama marchou da casa para facer os recados, e o cura e a sobriña quedaron sos, a carne da xuventude do crego, esturruxada coa longa fame da abstinencia, comezou a pugnar por rebelarse contra da opresión, e alma morría en mil calores loitando entre manter incólume o compromiso ou facer realidade o soño. Algo semellante debería de estar a pasar tamén no peito da rapariga porque non paraba de dar botes no tallo no que estaba sentada. E tantos e tantos deu que conseguiu o non procurado: racharlle unha das patas e caer estomballada riba do braseiro.

-  E logo! Queimouse?

-  Queimar queimou! Que daba gritos de que lle asistira e lle puxera un emplasto. E eu fuxín a procurar unha muller que me asistira na tarefa.

-  Home, pois para min que non fixo ben, que nestas cousas o tempo é importante!

-  E que tocar no que queimou ...

-  Non sería para tanto! Logo que foi o que queimou?

-  E que queimou ... o cu de diante!

sábado, 10 de abril de 2021

Clientes habituais e outras xentes peculiares. (3)


(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! Seica lle gustaron os contos dos personaxes do meu barrio da Estación! O certo é que quedaron na miña memoria moitas daquelas xentes que, como avelaíñas en torno da luz, pululaban arredor da tenda de Eulalia.

Hai xentes das que pouco sei, porque pouco souben. Son só unha imaxe, como a dunha unha foto vella ou un cacho de película, sempre en branco e negro. E vexo á señora Ascensión, a augardenteira de Tomiño, traendo ás garrafas de resolio, feito co augardente, azucre, canela en rama, anís, pel de laranxa e de limón, e herbas aromáticas, á taberna do Toñeco. Ao señor Urbano, sempre enfadado coa súa muller porque “lle saíra un pouco puta”, cada vez máis enzoufado na taberna e parando menos por casa, borracho e camorrista, pero coma a auga da tronada: moita auga en pouco tempo e non se aproveita nada. E recordo ós carreteiros da Estación, man sobre man o máis do día, ata que viña algún tren ou algunha persoa que quería facer unha mudanza. Como o “Andalú”, que fora padioleiro no exército da República, ou o Mario, que fora porteiro do Sporting de Xixón ata que deuse ao alcohol; ou ás avesas!; que deuse ao alcohol porque xa non era porteiro do Sporting. Mario xogaba ao fútbol cos rapaces do barrio cando non tiña faena levando cousas de carreteiro, e era cousa de ver o seu arte defendendo a improvisada portería, que a xente que baixaba por Urzáiz paraba na varanda da Estación a mirar como se estiraba nunha “palomita” para coller un balón ben colocado.

E o Marcelo, vixiante no serradoiro do Puxeiros que chegaba moi de mañanciña á tenda e pasaba por diante de tódalas mulleres que estaban agardando a súa quenda para ser atendidas, e se algunha tiña a ousadía de rosmar algo, aínda que fora polo baixiño, lle espetaba en toda a cara: “Cala muller que calada estás máis ghuapa!”. E a “Vitrasa, unha muller do oficio, na que calquera podía montar por unha peseta, o prezo do autobús do que tomaba o nome. Ou a Madama do “Bar dos Naciones” ao que os do barrio engadían sempre “putas a montones”, que quedara mancada por mor da malleira que lle dera o seu proxeneta, e ía en cadeira de rodas.

Uxía era de Corcubión e facía unha empanada de congro de sete estralos, que vendía na tenda da Perla, e na taberna que fora dos pais de Xesús Alonso Montero, o Recreo! Completaba o seu minguado negocio coa venta duns bisos de nailon que traía de estraperlo. Como boa muller de mar era calmada ata que non lle daba un vento! Cando, por poñer un exemplo, algunha das clientas da tenda finxía unhas bágoas polo pasamento daquela ou daquela outra muller, que tanto lles tiña, viraba nun trebón que cuspíalles con desprezo:

-   Cómpre ocuparse das persoas cando están vivas, que agora o chorar todos son mocos!

E recordo a tres dos tolos que exercían de tal na cidade: Martinico, Pepiño Tula e Angelito. Martinico era un bendito, manso e amigable, que falaba con todo dios, mentres que Pepiño Tula, era xusto ás avesas: sempre berrando alporizando dun xeito que metía medo. Disque Pepiño Tula era fillo dun paseado, e que se nunca fora moi normal, coa traxedia do seu pai xa enlouquecera definitivamente. Pepiño tiña a cara moi roiba de cara e baixaba do  Calvario dando gritos e recollendo todo canto “Faro” vía. Finalmente estaba o Angelito, o que tiña máis perigo dos tres para as rapazas. Angelito era un obseso sexual, sempre presto a roubar contactos con toda canta carne de muller se lle puxera aos alcances, e agardaba a que o tranvía estivera cheo de xente para subir a fregarse contra das mozas, e se a ocasión era propicia botarlle ás mans aos peitos.

Pero pasando revista ás miñas lembranzas, don Paio, estoume a decatar que deixeille sen rematar a historia da

Flor a filla do Xaquín do Quinteiro.

Segundo souben moitos anos despois, Flor, a filla do Xaquín e da Morena, fora xa de cativa unha rapaza moi boa, moi intelixente e moi guapa. Tan intelixente e estudosa que Xaquín, o seu pai, a mandara interna ó Colexio da Compañía de María, na rúa Virxe da Cerca de Compostela, o que daquela supuña un esforzo económico importante. Xaquín pensaba que os cartos non eran gastados senón invertidos, e máis cando tódalas súas reticencias contra da educación confesional esvaecéronse como o fume cando a directora faloulle do ideario do colexio en relación co papel da muller na vida: "Insistir nunha educación que axude, especialmente á muller privada de toda posibilidade, a crecer en todas as súas potencialidades e a comprometerse na transformación da sociedade".

O asasinato do Xaquín nas fragas do Farelo acabou con tódalas esperanzas de Flor de ingresar na Universidade. O serradoiro foi requisado polos novos mandadores da vila, eses que sempre gobernaran pero que ninguén elixira, e as fontes de financiación dos estudos de Flor desvanecéronse. Flor tivo que deixar Compostela e regresar ó Quinteiro para aprender a gaña-la vida turrando do legón. E aturando á súa nai, cousa que tamén tiña o seu martiroloxio!

Cando Flor estaba a piques de facer os dezasete anos recibiu a carta dun familiar de Bos Aires invitándolle a emigrar á República Arxentina. Flor recibiu a oferta cunha grande ilusión; calquera lugar sería mellor que aquela vila gris de babuxa e orballo, onde todas as miradas  a sinalaban como filla dun “roxo”. Flor embarcou en Vigo no vapor Córdoba, un buque de carga adaptado para o transporte de 26 pasaxeiros en camarotes de primeira clase, e oitocentos emigrantes amoreados en espazos ateigados de liteiras de tres camas.

Dicían no meu tempo que tres sectores de negocio, complementarios entre eles, estaban en mans da comunidade galega na Arxentina: a hostalería, as fabricas de colchóns e a prostitución. E Flor, como moitas outras da súa idade e circunstancia, veu a dar nas poutas dun familiar sen escrúpulos que vendeu a súa virxindade a un xerifalte do goberno. Despois disto todo era costa abaixo, pero Flor era unha rapaza lista, á que sempre lle gustara moito ler, e que tiña moita conversa, polo que en pouco tempo prosperou en tal actividade, chegando a ser a protexida do importante político que fora o seu primeiro violador, ao que, a máis de moitas falsas promesas, conseguiu raspiñar uns poucos cartos, abondo como para volver á súa terra como unha señora.

De Vigo saíu e a Vigo volveu. A visitar á tía Amparo; é dicir á miña nai. Flor trae con ela unha maleta chea de roupa interior, que é como un cofre dos tesouros para min e a miña irmá pequena, que asistimos coa boca aberta á exhibición do seu contido.

-  Collede o que queirades -nos di Flor. E nos ollamos para a nosa nai.

-  E vostede, tía Amparo! Colla tamén o que queira.

E tras moito porfiar, a nosa nai colle unha bata de casa e nos deixa coller a nos un par de xogos de sostén e braga. Roupa que, por certo, nunca chegamos a estear. Porque algunha lingoreteira foille co conto á miña nai de que a Flor está a montar unha “barra americana” en Vigo, e a ver se está buscando traballadoras para tal lugar de perdición! Así que a miña nai que tiña moi en conta as rexoubas e maledicencias da xente, foi dando desplantes a Flor, que deixou de vir pola nosa casa. E nos quedamos sen o santo nin a esmola.

E hoxe, recordando aquela afoutada muller, despido o conto dicindo como o Marcos, ese amigo seu que nunca leva nin un peso no peto para pagar o viño que bebe:

Eu brindo polas mulleres

que saben vivir sen tino!

E brindo porque esta noite,

un amigo paga o viño.

luns, 5 de abril de 2021

“A arte de bem velejar”


Mire que lle digo don Manoel! Que tamén eu fun aprendiz antes de mestre! E que antes de ocuparme do acoplamento en paralelo dos alternadores e outras minucias relacionadas coa electricidade no Mar de Labrador, moito xeito e moita volanta saíron das miñas mans na dorna do avó! Pero xa sabe don Manoel! Mudan os tempos e na súa mudanza torcen as vontades! Que veu a crise da pesca e a Andoriña do avó veuse na necesidade de prescindir de xente a bordo, e tiven que embarcar nun daqueles vapores vellos de casco de madeira, adaptados ás carreiras para ir faenar no Grand Sole, o “gransol” que diciamos nos. E todo o que sabiamos na pesca de litoral, de pouco serviu para faenar naquel mar furibundo, sempre encolerizado. E houbo moito que aprender; montes e moreas de cousas e cuestións, deixándose pernas e brazos, dedos e dedas, e aínda ás veces a vida, no aprendizaxe. Logo, alá polos sesenta, chegaron os barcos de ferro, coas chapas roblonadas como as do Bernardo Alfageme antes da desfeita, e logo os de chapa soldada que resistían mellor os pantocazos, e os arrastreiros.  E despois a integración de España no Mercado Común, para que, como dicía o vello chiste “os picos de Europa por fin estiveran en Europa”, arrear, agachar as orellas e cagar polas pernas abaixo permitindo o “esguace[1]  da frota pesqueira!

A miña experiencia nun bou de altura foi terrible. Pasar de navegar con familiares e amigos e regresar a casa no mesmo día, a ter que lidar con capitán, patrón de pesca, mecánico naval, cociñeiro, contramestre, e dez mariñeiros, sendo eu o mais cativo de todos eles, e facer mareas de semanas senón de meses, non foi precisamente unha regalía! Tamén cambiou o reparto dos beneficios da pesca: do reparto “a quiñón” ao pago a xornal, escaso e ben diferente do que cobraba o contramestre ou o patrón. Da pesca de litoral, artesanal e baseada nunha colaboración entre patróns e mariñeiros, e cunha distribución equitativa dos beneficios, pasamos á pesca industrial en barcos con propulsión mecánica e unhas artes de pesca que esquilmaban os recursos. Conforme medraran os cartos investidos na embarcación e nos aparellos, as relacións laborais era máis desiguais, as condicións de traballo máis duras, e a repartición dos beneficios do traballo máis inxusta. Pero era o que había! E como dicía o poema:

Continuamente vemos novidades,

Diferentes em tudo da esperança:

Do mal ficam as mágoas na lembrança,

E do bem (se algum houve) as saudades.

Recordo como un pesadelo os meus primeiros días en alta mar.

-  Aferrar cois, arranxar as bataiolas e lampacear[2] o sollado! -berrábanos o contramestre.

E nos a procurar que cousa era iso de aferrar un coi, onde estaban as bataiolas, e que era o que nos pedía que fixeramos co sollado! E despois de tanto traballo inútil, mazado coma un polbo  e canso coma un raposo vello corrido dos cans, ter que deitarse nun catre de lona sucio como o pau dun galiñeiro, entre un mariñeiro vello que non deixa de roncar como un bárbaro e outro novo ao que fermentáronlle a fabas no bandullo e non deixaba de aliviar a presión a base de flatulencias e ventosidades de indescritible alcatreo. Se difícil é conciliar o sono, máis complexo aínda é o conservar; o renxido das táboas do barco ao golpear das ondas, as pisadas das ratas movéndose pola bodega, as algaradas do cambio de garda, os que se levantan para ir ao beque[3] a facer as súas necesidades, o picar da campá cada hora, non deixan durmir máis que a aqueles aos que os moitos anos de experiencia ensinaron a distinguir eses sons habituais dos sinais de perigo. E cando chegamos a porto aínda foi peor! Xa non tiñamos o bater da máquina e o renxer das madeiras, certo é!, pero garda reducida val dicir máis mariñeiros deitados, e a máis mariñeiros máis ventosidades e máis pestilencia de orixes diversas, menos ventilación e menos aire a repartir, máis toses e gargallos, máis entradas e saídas, máis ruídos en xeral e en particular, e menos espazo, que xa o tiñamos pequeno coa metade da tripulación de garda, para estar deitados, durmidos ou intentando durmir.

Pero mire que lle digo don Manoel! Que non é iso do que queríalle falar hoxe, senón do meu compañeiro no Andoriña! Alcides, o Portugués, o home que, deixando aparte o meu avó, mais me ensinou do que el chamaba a “arte de bem velejar”, que inclúe saber facer unha virada por redondo, a fiar escotas diante dun refacho forte, e canto podes cinguir contra o vento cando navegas de bolina sen caer na zona morta [4].

O avó tiña ao Alcides en grande estima, porque por riba de moi bo mariñeiro, era home traballador e moi de fiar. “Malia ás súas ideas”, engadía rosmón o avó. Alcides, ademais das calidades citadas, tiña un valor engadido que era unha alfaia de extraordinario valor para un home tan túzaro como era o meu avó: un arte especial para relear, aínda que fose dez minutos, polo prezo dunha patela de xouba. Arte que, por certo, disque herdou a miña nai Peregrina por vía de aprendizaxe e máis de boa disposición natural.

Alcides era sempre o primeiro en chegares ao reparto do quiñón; e non por aquilo de “quen chega tarde nin oe misa nin come carne” senón porque tiña a súa casa un pouco máis lonxe que ao resto dos tripulantes da dorna; que el non tiña a casa en Bouzas senón na Redomeira, alá no Calvario, no que chamaban a Pequena Rusia. Aos compañeiros non lles molestaba tales presas e comprendían sen esforzo o afán por levar a casa o máis cedo posible a parte que lle tocaba do froito dos afáns de todos, que non outra cousa é o quiñón! O certo é que o Alcides tiña tan bo natural, alegre e sempre atento ás necesidades dos demais, que con toda xente levábase ben. Se sería bo rapaz que ata as peixeiras coas que máis regateaba eran súas seareiras! Portugués, por aquí, Portugués por alá, que ningunha delas o chamaba por outro nome! De feito non se lle coñecía outra inimizade que co Marcial un oficinista do Pósito de Bouzas-Vigo que fora moi de esquerdas coa República e cambiara á camisa azul nos primeiros días do golpe, actitude esta de moito proveito xa que valeulle un posto de inspector de pesca na confraría de Pescadores.

Non sei se sabe don Manoel, que os pósitos eran unhas asociacións de armadores e mariñeiros, herdeiras directas dos antigos gremios de mareantes, que tiñan como propósito principal controlar a venda de peixe e mellorar a capacidade de negociación dos pescadores diante dos grandes compradores en xeral, e das conserveiras en particular. Co establecemento da ditadura franquista, os sindicatos foron ilegalizados, a maior parte das asociacións confesionais existentes reestruturadas, e os pósitos transformados en Confrarías obrigatoriamente adscritas ás parroquias.

Nada houbera pasado se o Marcial fora xente de ben, pero a camisa azul é como a gorra de prato: se algunha neurona hai debaixo da gorra, murcha baixo dela; e se algunha fibra de humanidade hai debaixo da camisa azul, esvaece. E a vella complicidade co Alcides na afiliación ao Comité Rexional de Obreiros da Industria Pesqueira de Galicia e Similares, virou en asañada persecución, que a lingua do amigo malo, corta máis que un machado. O feito máis cativo, a circunstancia máis normal, eran razóns abondo para dar parte á parella da garda Civil. Parella que por certo, en palabras do cabo, “non lle facía o máis puto caso”. Marcial fora no seu tempo ateo militante, e o primeiro en facer mofa e escarnio das ridiculeces de santos e virxes, padróns e padroas; o que non foi atranco, dificultade ou impedimento para acusar ao Alcides na parroquia, que o Portugués non respectaba o xaxún nin a abstinencia dos venres. Cousa absurda onda as haxa nun mariñeiro, que se algunha carne entraba na nosa boca era a do peixe, que a do porco ou o vacún estaban lonxe do noso poder adquisitivo. E así sempre o Marcial intentando molestar, xiringar e enfastiar ao Alcides; sempre pinchando e sempre pinchando no óso.

Pero “cántaro que moitas veces vai á fonte ou deixa no camiño a asa ou a fronte” e o home que me ensinou a “arte de bem velejar” no mar, non soubo facer tal coa súa vida. E mire que lle digo, don Manoel! Des que deixara o meu traballo na Andoriña do avó para embarcar cara ao Gran Sol, perdera moito contacto cos preitos e querelas de Marcial e Alcides, pero nun dos meus retornos a Bouzas ao rematar dunha marea, comendo na casa coa miña nai caeu a noticia como un lóstrego.

- Sabes o do Alcides? preguntoume Peregrina, mentres servía o caldo.

-  Que foi? Está malo? respondinlle entre grolo e grolo do delicioso beberaxe.

-  Ben non ha de estar, que o levaron detido para Portugal.

-  Maldito Marcial! Ao fin saíu coa súa!

- Non sei se o Marcial tivo ou non que ver co asunto, que “rifan os ladróns e descóbrense os roubos”. Pero a cousa vai de bigamia. Disque o Alcides tiña muller e fillos tamén en Portugal!



Probe Alcides! Perdeuse por non saber dicir que non! Porque a “arte de bem velejar” tamén debera ser no seu caso, sabendo o que só el sabía, o seguir dando largas á muller coa que convivía na chabola da Redomeira, e non atender ás súas razóns e pasar como un parvo pola igrexa á que era tan pouco afeccionado.

A que casa cun casado,

Xa ten gana de casar!

Fol que xa foi sacudido,

miña queridiña, fariña non dá.

 



Nota [1]: A palabra “esguace”, non recollida pola RAG, procedente do italiano sguazare e o castelán desguazar, fai referencia como a acción e resultado de despezar, desarmar, desfacer ou desmantelar calquera tipo de vehículo ou de calquera artefacto para usala como chatarra. Entre os anos 2010 a 2015 o Goberno da Xunta destinou máis de 83,6 millóns de euros á “paralización definitiva da actividade pesqueira”, eufemismo detrás do que agachar o feito do seu desmantelamento imposto pola UE.

[2] A “bataiola”, termo non recollido no dicionario da RAG, como sempre tan allea aos termos mariñeiros  a unha especie de varanda dobre de madeira, firme ou  levadiza que encaixada en candeeiros de ferro corre as bordas do buque, gardando no seu paralelismo a distancia do espesor do costado ou pouco máis en cuxo oco se colocan de día os  cois da mariñeiría e tropa. No pasado as  bataiolas compoñíanse dunhas redes suxeitas polos mencionados  candeeiros de ferro e nelas formábanse  parapetos cos bagaxes da tripulación. Habíaas na cara de proa da toldilla e na popa das  cofas. Tamén chamábanse antepeito porque nas paraxes onde este era o seu principal obxecto servían para que a xente non caese ao mar. Pola súa banda “lampacear” quer dicir pasar o “lampazo” unha especie de fregona.

[3] O termo “beque” tampouco figura no dicionario da RAG. Si no Estraviz, pero soamente coas acepcións de 1) Parte mais avanzada que forma a parte alta da proa dos navíos antigos e 2) Nariz grande. Falta o único que permanece vivo na fala dos mariños: nos barcos, retrete da mariñeiría.

[4] O termo bolina deriva do inglés bowline que é o nó que nos chamamos ás de guía, que se usa nas embarcacións de relinga para amarrar a vela na proa cando vas cinguindo contra o vento.

mércores, 24 de marzo de 2021

Clientes habituais e outras xentes peculiares. (2)



(Fala dona Lola)

Ben me sabe don Paio que lle gustase a historia de Lois, un dos clientes habituais da tenda de Eulalia, a que estaba nos baixos da miña casa na baixada da Estación. E por min non ha de quedar o relatarlle unha, ou se ven ao caso máis, peripecias daqueles habitantes da miña memoria que os anos aínda non lograron esborranchar dela.

E sen máis prólogo, introdución ou limiar, paso a referirlle o asunto.

Xaquín do Quinteiro.

Xaquín, o pai da Flor da miña memoria, era fillo dunha familia de labregos acomodados do Quinteiro. María, a súa nai, era de Basadroa, e Antón, o seu pai, de Artoño onde tiña un serradoiro con  moita actividade que dáballe moitos cartos. A familia vivía nunha boa casa de perpiaño, que estaba moi preto da igrexa de San Cristovo de Borraxeiros. Aínda que na casa había posibles e o mozo fora de neno un moi bo estudante, quebrantando os desexos do rapaz e as recomendación do mestre da unitaria, rematados os estudos primarios Xaquín comezou a traballar co seu pai na administración do serradoiro, recibindo a cambio unha cantidade xenerosa que permitíalle mocear con desafogo, o que xunguido á súa guapura e boa planta dáballe unha chea de predicamento entre as mozas casadeiras da contorna. El a ningunha facía moito caso, porque era home formal e traballador, e conforme ao seu pensamento tiña outras cousas na cabeza que andar a enredar con amoríos que podían acabar en voda non procurada.

Pero ata ao mellor escribán cáelle un borrancho, e esta súa firme determinación e propósito de non deixarse enredar en amoríos, quedouse en viva estampa do dito popular, aquel no que o home propón, deus dispón e a muller todo o descompón. Como lle dixera a súa nai, María de Basadroa:

-  Meu filliño! Tanto fuxir por demais das boas raparigas e vas perde-la a chaveta por unha mala!

Porque a Morena era, para as xentes do lugar, unha mala femia; unha carrañosa, máis sucia que a parrumeira, que andaba pola aldea igual que unha porca de ranchos. E desvergonzada! Que era fama que non levaba bragas nin cando tiña o período, que moita xente lle mirara as pernas manchadas de sangue menstrual. O certo é que a Morena non era unha mala rapaza; un pouco asilvestrada si, e para o seu mal, que era filla de borrachos, e saíra adiante pola fortaleza do seu natural, tan privada dos coidados dos seus pais como un lagarto das silveiras.

Intentar torcer os mandados da natureza é tan inútil coma coller auga nun cesto, e o que ten que pasar pasa. Un día de agosto á volta da festa o viño e o baile fixeron a situación propicia; foi ollar para as carnes pretas da Morena, sentir no fociño a vagada do seu recendo a femia en celo, e percibir como o sangue ponse a bater aloucadamente nos seus pulsos. E na cabeza a vertixe de que todo xiraba ao seu redor non o deixa pensar nas consecuencias de deixarse levar pola enxurrada, que a xente de máis siso é quen, cando o perde, das maiores loucuras. Así que ó que coce e amasa de todo lle pasa. De terra fecunda e boa semente naceu un precioso meniño, ao que puxeron Flor na pía bautismal de San Cristovo de Borraxeiros.

Pasaron os anos e pasaron as calores primeiras. E as batallas amorosas no leito deixaron paso aos enfrontamentos, e as groserías da Morena, ao fin filla das súas circunstancias. Xaquín descubriu con dolor que ningunha outra cousa que a súa Flor uníalle á familia, e comezou a pasar cada día máis tempo no serradoiro e menos na casa. Trabou amizade cun carreteiro anarquista que, sabendo a afección que Xaquín tiña pola lectura, deixoulle un exemplar de A conquista do pan de Piotr Kropotkin, na traducción de León Ignacio para la editorial valenciana de Francisco Sempere. Aínda que as ideas libertarias eran demasiado para un pequeno burgués de corazón como Xaquín, o libro abriulle a mente a novas lecturas e novas amizades, singularmente as os agraristas de Solidaridad Gallega, ás xentes das Irmandades de Fala e ás do Partido Galeguista, e segundo me contaran participou con eles na Pelegrinaxe ao Candán de agosto do 33, a homenaxe ao 25 aniversario da Sociedade Fillos de Silleda, onde tamén estiveron persoeiros de moita sona como don Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Suárez Picallo, Blanco Amor, Ramón de Valenzuela e Antón Alonso Ríos, aquel que foi quen de librarse das poutas dos alzados facéndose pasar por un esmoleiro portugués: o “Siñor Afranio”.  

Esta mínima militancia, e ao mellor algunha xenreira de vello, costoulle a vida. Unha noite do inverno do 37, un sarxento da Garda Civil e uns falanxistas de Lalín o levaron de casa para, segundo eles, tomarlle declaración.

-  Tranquila miña rula! Volvo decontado! −díxolle á cativa.

Pero nin Flor, nin a súa nai A Morena, o viron nunca máis con vida. Un cazador atopouno medio comesto polos lobos e con catro tiros no peito e un na caluga, nas fragas do Farelo. E a probe meniña nunca máis puido escoitar dos beizos do seu pai aquela cantiguiña coa que tanto lle gustaba que a arrolara cando se ía a deitar:

O carballo dá bugallas,

e o castiñeiro ourizos.

Os ollos da miña nena

para min sonche feitizos

sábado, 20 de marzo de 2021

Clientes habituais e outras xentes peculiares. (1)

 



(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! Arredor da tenda de Eulalia, a que estaba nos baixos da miña casa na baixada da Estación, viven na miña memoria moitas xentes peculiares. E moitas historias como as que xa lle contara da muller grosa coa face suorenta arfando de angustia porque íase polas patas abaixo. Ou a do garda civil de aduanas e a señora Virtudes. A do señor Amaro o inspector de Facenda e o pouco siso da señora Pilar. E aínda a de Trotski, o can de raza indefinida, a parella de periquitos sen nome, e Linda a gata obstinada en manter a súa felina independencia. E voto unhas risas lembrando ao meu irmán pequeno facendo saíres a gata de debaixo dun coche aparcado, imitando con especial acerto o ruído do motor ao poñerse en marcha.

Lois que tiña unha perna soia.

Outros clientes habituais da tenda dos que gardo boa memoria, eran a señora Lola e o Lois o seu home, un daqueles que chamaban cabaleiros mutilados porque perderan na guerra algún membro do seu corpo ou a súa utilidade. Por suposto sempre que tal incidente sucedera loitando no bando correcto! O dos vencedores! Cousa que algunha xente do barrio poñían en dúbida; algúns dicindo que no seu momento dera vivas á República, e outros que perdera a perna doutro xeito menos honroso. Nada diso tiña máis fundamento que rexoubas de maledicentes, que eu ben sei pola testemuña do meu pai, que tiveran que cortarlle a perna dereita nun hospital de campaña da fronte de Teruel, por mor da gangrena que estivo a piques de levalo por diante. Aquela morte non sucedida fixo de Lois un home de talante optimista fronte a tódalas dificultades. Algareiro e divertido, Lois traballaba na inspección da lonxa de baixura do Berbés, a única regalía que admitira pola súa discapacidade, e o seu bo carácter e notable disposición para axudar aos demais ganoulle moitos amigos entre a xente da pesca, co que na cociña da señora Lola nunca faltou peixe fresco. Lois estaba decidido a gozar daquela vida que o médico militar regaláralle cortándolle á perna polo fémur, bailando como o cadelo da cantiga “a muiñeira nunha perna soia” ou choutando por riba das lapas das fogueiras de San Xoán mellor que calquera rapaz, como se en troques de perna esquerda tivera un resorte. Un día deulle un mal aire e foise apagando aos poucos como a luz dunha vela. Cando tan mal se viu, aínda tivo rexouba abondo como para dicir aos amigos que o ían visitar:

-   Cando o mal é de morrer o mellor remedio é a morte!

E nun derradeiro alarde de humorismo gallofeiro deixou encargado á súa señora, e futura viúva, Lola, un epitafio para gravar na súa lápida:

Vin a este mundo chorando, e todos rían. 

Marcho e todos choran. E son eu o que ri.

mércores, 3 de marzo de 2021

A maldición dos mornos.


Mire que lle digo don Manoel! Don Luis de Altamira Toranzo era, cando eu o coñecín, un home fraco e osudo, pero aínda fino e lanzal. Vestido inverno e verán co mesmo terno luído e rozado en cóbados e cueira que xa pasara de moda nos anos da Gloriosa, malvivía dando crases particulares de matemáticas aos fillos da burguesía, pois os poderosos desprezan a cultura pero aman a ciencia matemática des que descubriron que con ela tamén se pode mentir. Don Luis completaba a súa exigua economía coa venda ambulante dos seus poemas autógrafos en follas voandeiras de meticulosa caligrafía por rúas e tabernas. E foi nunha destas incursións que chamoume fortemente a atención e decidín abarloar a miña barca á súa, que a auga de correr e a xente de falar non se pode privar, e ningunha chave abre mellor os pechos das almas que unha fecha de viño e unhas talladiñas de polbo. Aínda que logo cando fixemos amizade e tivo confianza abondo confesoume que nada lle gustaba máis que un prato de caldo e uns ovos fritidos con patacas, que tiña en máis estima que o mellor dos peixes do mercado de abastos. Caldo e ovos aos que, despois de moitas protestas, deixábase invitar por min que na súa carteira as pesetas nunca chegaban moito máis alá da segunda semana de mes.

Souben da súa boca que nacera nunha familia da burguesía vinda a menos; que estudara no colexio de San Luis Gonzaga, que os xesuítas tiñan no Puerto de Santa María; e que pouco antes da sublevación conseguira praza de mestre nunha das primeiras escolas de educación laica implantadas pola república. O 18 de xullo de 1936 sorprendeuno, como ao resto dos mestres españois, de vacacións. Chegáronlle noticias de detencións de mestres, dalgunha desaparición dun compañeiros, de casos illados de sacas e paseos. Pero, por que ter medo? El nada fixera! Certo era que afiliárase á Federación Española de Traballadores do Ensino da UXT, pero nunca tivera nin no sindicato nin na escola unha especial significación política. Non era home moi relixioso, pero como antigo alumno dos xesuítas tiña moitos compañeiros de curso entre os sublevados e, malo sería!, que algún deles non dera a cara por el. E así foi: ninguén o molestou; ninguén preguntou polo seu paradoiro, e alá en setembro reincorporouse sen máis ao seu posto na escola. Pero todo cambiara! Nada de educación laica, nada de educación integrada! Relixiosa e segregada! E un enorme crucifixo entre un retrato do “ausente” e outro do “presente” para deixar ben claras as cousas!

Chega novembro do 36. A recén creada comisión provincial de educación esíxe a todos os mestres, a todos!, que aporten probas da súa fidelidade ao Réxime como condición para seguir exercendo. Que facían antes e despois do 18 de xullo, como recibiron o alzamento, as súas filiacións políticas e sindicais, a súa actividade diaria e privada e que si sabían dalgún compañeiro desafecto. Á declaración debía ir acompañada polos informes favorables do alcalde, a garda civil e o cura. Se a comisión formada polo director do instituto, un representante da asociación de pais, "persoa de probada moralidade católica", un inspector e dous vogais de "solvencia moral e técnica” consideraba abondo acreditado esa fidelidade, podería seguir dando clase.

- Ningún afiliado á UXT conseguiuno! apuntou don Luis mollando a palleta cun pouco Monterrei. Estabamos infectados de republicanismo e podiamos contaxiar as mentes dos nenos e mozos! Ítem máis: cumpría aplicar un castigo exemplar a calquera que tivese a ousadía de pensar por se mesmo!

Conseguírono. O terror como método educativo instalouse nas aulas e os mestres que non tiveron a sorte de morrer fusilados pasaron no seu exilio interior a máis terrible purga profesional. Como don Luis! Intentouno todo: exercer en colexios privados cobrando unha miseria, dar clases particulares, traballar aínda que fora de peón de albanel! Nada! Boas palabras e sorrisos de ánimo pero nin cadela nin patacón para matar a fame mantendo a vergonza. Diante da imposibilidade de ganar a vida deixou o seu piso e volveu cos seus pais, que a fame compartida é menos fame.

Un día un antigo compañeiro do Gonzaga faloulle de que no Apóstolo Santiago de Vigo necesitaban un profesor de matemáticas, que haber estudado nos xesuítas podía ser recomendación abondo para acadar o traballo, e que poñer distancia dos seus orixes podería servir para que se esqueceran os seus antecedentes. Así que o noso don Luis, pechou os ollos, armouse de valor e colleu o monte de trens necesarios para tan larga travesía. Na estación de Vigo o estaba agardando un vello amigo dos seus pais que tiña en Bouzas un almacén de viños finos de xerez, ponche, anís coñac e outras espirituosas.

-  Estarás mejor en una pensión, que en casa mucho sitio no hay . Seica foron as primeiras palabras que o almacenista de viños lle dirixiu.

-  No he traído mucho dinero conmigo, don José ...

-  No te preocupes. Tienes un mes de pensión completa pagado mientras no empiezas a trabajar.

Pouco durmiu aquela noite pensando en todo o que se xogaba. E se os xesuítas non lle daban o traballo? Ao día seguinte ben de mañanciña colleu o tranvía ata a finca de Bellavista, onde aínda hoxe está o colexio dos xesuítas. Agardaba por el o Padre Pardo, o reitor do colexio naqueles anos.

-   Don Luis de Altamira Toranzo, ¿verdad?

-  Yo mismo, Padre Rector. Encantado de conocerlo

-  ¡Así que estudió con nosotros en nuestro Colegio de El Puerto! ¡Muchos y muy buenos amigos tengo yo en esa hermosa ciudad! Ya sabrá por mi carta nuestras necesidades. Se trata de hacerse cargo de la asignatura de matemáticas de cuarto curso. ¿Se cree usted suficientemente capacitado para impartir este nivel de materia?

-  ¡Por supuesto Padre! Las matemáticas siempre fueron una de mis asignaturas favoritas.

- Bien. Las condiciones económicas ya las conoce. Supongo que puede incorporarse de forma inmediata.

- ¡Estoy impaciente por empezar!

-  ¡Estupendo! Pues por mi parte, nada más. Mañana en uno de los descansos entre clases hable con el Prefecto de estudios y le da toda la documentación. Ya sabe: título compulsado, certificado de penales, adhesión al Régimen y todas esas zarandajas.

Aquí o meu amigo tivo que parar o seu relato e aclarar a gorxa cunha fecha de viño.

- Xa ve meu amigo! A desgraza perseguiume ata Vigo. Por moi lonxe que levara os meus probes ósos, os malditos informes alcanzaríanme! Os malditos informes que nunca cheguei a saber o que dicían, pero que foron o suficientemente malos como para non deixarme ensinar nunca máis, expulsándome do sistema educativo, e o suficientemente bos como para non acabar no cárcere, nin nunha cuneta.

-  E logo? Non lle deron o traballo?

- Nunca o souben. Non fun ao Colexio, nin contestei as chamadas nin as cartas que me mandaron. E cando pasou o mes que estaba xa pago, cambiei de pensión sen deixar o meu enderezo.

A maldición dos mornos!, pensei para min. Como dicía Xoán o Evanxelista no Apocalipse: “Coñezo as túas obras, sei que non es frío nin quente. Oxalá foses o un ou o outro! Por tanto, como non es frío nin quente, senón morno, estou por vomitarche da miña boca”. Don Luis pertencía a esa caste de persoas que escapan do compromiso; que nun intre límite, como o que foi o  levantamento militar, non toman partido, pensando que a cousa non vai con eles, e que será mellor tratar de pasar desapercibidos. E son maioría. Esa maioría que permiten coa súa indiferenza que a maldade triunfe.

E mire que lle digo don Manoel! Isto non foi motivo para que afrouxara os afectos que polo poeta tiña. Moito cheguei a estimar a este home, tan seco como un bacallau e tan pouco dado as efusións de afecto como un miñato cos pitos. E esquecín á mantenta a súa condición moral, aínda sabendo que os verdadeiros culpables do horror cotián no que no que vivimos aferrollados máis de corenta anos, foron aqueles que, como don Luis de Altamira Toranzo, viviron sen merecer encomios nin  vituperio, que non foron fieis a nada nin rebeldes a nada, e que en toda unha vida de humillación e desventura só pensaron na propia supervivencia.

Ata as rachas das madeiras

son de varia condición.

Dunhas delas fanse os santos, 

e doutras faise o carbón.


martes, 2 de marzo de 2021

“A poesía é un arma cargada de futuro”.

 



#PoétiCamentE

Mire que lle digo don Manoel! Teño para min que se a poesía ven sendo a manifestación dos nosos sentimentos, emocións e reflexións por medio da palabra, se a devandita manifestación carece tanto de rima como de ritmo, poderá ser arrebato ou frenesí pero non poema, por moita actitude poética que poñamos na súa escrita e/ou lectura, recitado e declamación. E perdoen o meu atrevemento as señoras e señores poetas que me poidan escoitar, se me atrevo a pontificar ben por riba do meu coñecemento e as miñas habilidades, pero algunhas vantaxes teñen os moitos anos, e o dicir o que un pensa non e a menor delas.

Ven isto a conto porque no día que narreille as andanzas de Tomás Bullita o vendedor de pirulís da Habana, veume á memoria a persoa de don Luis de Altamira Toranzo, máis coñecido na nosa taberna do Mincha como o Migallas polo seu afán de aproveitar os restos do pan que lle caeran no mantel. Os dous homes chegaran da badía de Cádiz, dende a cidade e polo seu propio impulso o “Bullita”, e dende El Puerto de Santa María e fuxindo da represión franquista o Migallas.

Don Luis chegara a Bouzas de forma e en circunstancias que hoxe non veñen ao caso, na procura de esquecemento e invisibilidade. Seica cando chegou estivo a piques de traballar na súa profesión de mestre, pero ao final parou todo en fume e tivo que sobrevivir con clases particulares de materias varias, e poemas de encarga para folletos, xogos florais, programas de festas varias, e aínda para ágrafos na procura dos favores dunha dama. Épica, dramática, lírica, coral ou bucólica; arte maior ou menor: calquera métrica; décimas ou sonetos, tercetos ou cuartetos, calquera estrofa; e sempre rimada, de ser posible en consoante que ten moito máis predicamento.

Non era da mesma opinión, nisto da poesía, o señor Damián, un licenciado en filoloxía hispánica e poeta minimalista que traballaba na asesoría do meu amigo Antonio, aquel mozo do que xa lle falara noutras das nosas conversas, aquel que de tanto procrastinar arreo non preparara nin tan sequera a primeira das oposicións de instituto. Pero como a conta do padriño rebándase o pan trigo, e o pai de Damián era moi amigo de Antonio, o mozo entrou a traballar na asesoría, aparcando, aínda que fora brevemente, os seus afáns proselitistas na difusión no sur de Galicia da poética do silencio, unha sorte de minimalismo lingüístico, moi en boga, segundo el, nos círculos parisienses.

Damián tiña unha secreta frustración: sufría frecuentes ataques de auto odio por mor da súa figura, que consideraba non axeitada á súa vocación poética. Miraba ás súas mans pequenas e suorentas con dedos como chourizos, e as odiaba. O espello do baño devolvíalle unha figura de manteiga, redonda de cadeiras case que femininas, e renegaba da traizoeira herdanza xenética que gastáballe unha broma tan pesada. E para colmo de males tiña menos pelo que un ovo de galiña! Un erro da natureza! O seu pelo en troques de comezar no final do óso frontal o facía no occipital! Pero, que carafio! Inaccesible ao desalento seguía recolléndoo cunha goma nunha coleta, que era menos de poeta que unha melena solta, pero tamén podía valer!

E mire que lle digo don Manoel: dous poetas nunha taberna son demasiados poetas, e cunha parroquia tan afeccionada á troula o día no que os acirraran a un contra do outro tiña que chegar máis cedo que tarde! E foi unha das poucas veces que o Damián estaba a tomar unha cunca co seu xefe, cando entrou pola porta o Migallas ofrecendo á concorrencia os seus poemas de fermosa caligrafía, o que Antonio aproveitou para aguilloar ao seu empregado.

-  Damián dille o Antonio−. Ti que es poeta, por que non lle compras un poema a don Luis?

-  O sinto don Luis! Non teño nada contra vostede pero a poesía que fai non me gusta.

-  Estás no teu dereito! Responde don Luis sen alporizarse nin un pouco, como quen expón unha evidencia científica−. A min tampouco me gusta a súa.

-  Tampouco me sorprende. A miña poesía é lingua dos escollidos, palabra do solitario que non procura adulación! Arte de falar nunha forma superior, exemplo, revelación e danza!

- Danza non sei se será, pero música seguro que non. Que os seus versos non teñen rima, cousa que non é grave, pero tampouco ritmo. E o ritmo é a música do verso, e sen el os versos son unha zaragallada de sons inharmónicos ao oído, e confusos ao entendemento.

- E quen dixo que a poesía ten que ser intelixible? O mundo no que vivimos é moi complexo, e a nosa comprensión da realidade fragmentaria; como a miña poesía. Cada unha das palabras de cada un dos versos dos meus poemas non é filla do azar! É, pola contra, froito do cálculo máis preciso.

-  Froito do cálculo será, pero non comunicación! E nada que non axude ao crecemento persoal do lector, á súa autonomía persoal, sentido crítico e independencia, merece ser chamado poesía.

Damián remóvese inquieto na súa cadeira. Sabe que está a perder o debate, e que os que están nas proximidades coa orella aberta xa teñen un gañador claro. Nestas circunstancias nada mellor que recorrer ao insulto e a descualificación persoal.

-  Poesía social! Que noxo!

- A actividade poética é revolucionaria por natureza. A poesía é coñecemento, salvación, poder. A poesía non interpreta o mundo; crea outro novo! É un exercicio espiritual, é un método de liberación interior.

-  E se é vostede tan revolucionario non sei como non estivo nunca no cárcere! Ou morto nunha fosa común!

Don Luís, que por un momento deixara de ser o Migallas, acusou o golpe. O sangue abandonou o seu rostro, afrouxáronselle as pernas e estivo a piques de caer ao húmido chan da taberna. Apertou os dentes con forza e cun esforzo titánico recobrou a perdida compostura. Recadou os folios cos poemas que deixara no mostrador na barafunda da discusión, e deu a volta para marchar. Eu non podía permitir que don Luis marchara sen máis, así que collín o seu brazo e o fixen sentar canda min.

-   Don Luis díxenlle con agarimo−. A vostede, que tanto gusta da copla popular, que lle parece esta?

Cando a lebre diga misa, 

o coello sexa abade,

e o raposo frade,

deixarei a túa amizade.

Don Luis sorriu e puxo a súa man no meu ombreiro.

-  Meu amigo! Vostede ben que me entende!

Sentín que fixera algo acaído ao momento, e que naquel intre nacera unha amizade que nos acompañaría ata a morte. Como así foi, e así heillo de contar cando chegue a ocasión.