
E sostiña tamén de que a cultura era, senón o único, o mellor xeito de producir
persoas libres. Os libros nos fan libres!,
dicía. Decatouse de que os mais dos seus compañeiros de faena eran analfabetos,
e os que nono eran endexamais colleran un libro para aprender, para gozar co
seu contido. E argallou que, posto que o seu mentor xa non gobernaba o Pazo, e
os seus fillos non tiñan a mesma disposición para compartir a sabedoría que
herdaran pero que non tiñan, era necesario facer unha biblioteca para os
mariñeiros: o que chegaría a ser a Biblioteca Mariñeira de Bouzas, posiblemente
a primeira biblioteca mariñeira do mundo.
Mais a tarefa non era doada. A Confederación Nacional de Traballadores, en
cuxo Sindicato de Industria Pesqueira de Bouzas militaba, tiña unha pequena
biblioteca, mais non era iso o que o meu pai soñaba. Así que falando con uns e
outros chegou ata un personaxe contraditorio onde os haxa: Ramón Fernández Mato,
fundador e primeiro director do diario El
Pueblo Gallego, alá polo 1924. Médico e amigo de Castelao e de Valle
Inclán, acolleu a iniciativa coma propia, e tal foi o seu entusiasmo que cando
a biblioteca desapareceu, por mor da guerra de España, tiña preto de 15000
volumes.
Ao meu pai dábaselle menos quen fora o fundador da biblioteca que a auga da
bogada que queda pola popa da gamela. Ou quen dixeran os papeis que fora, que eu
conservo as páxinas do ABC do 12 de maio de 1933, no que Tomás Borrás dálle a
Don Ramón todo o mérito, e tamén unha folla solta da revista Época, na que no
pe de foto se engade a Don Antonio Moure Barrios mestre, como colaborador
necesario.
E, mire que lle digo, Don Manoel! Que o éxito ten moitos pais, porén o fracaso
é orfo. As enciclopedias din quen fundou a biblioteca pero nada falan dos que
acabaron con ela. Coma a cabra que pariu para o lobo, algúns calan e acaban
sendo cómplices dos que acabaron coa súa obra.
Grqan verdade.... diso disque sabía moito o Sr. Edison que apañaba canto invento había....
ResponderEliminar