Mire que lle digo
Don Manoel! Que aínda que as manifestacións do Primeiro de Maio se parezan cada día mais ás procesións, as que se
asiste mais por tradición que por devoción, e que algúns berren as consignas coma
se foran ladaíñas, eu ei de sacar, mentres me dean as forzas, os meus ósos á
rúa detrás dunha pancarta. Ben sei que, ao recoller as bandeiras e volver á
casa, á pregunta de, qué foi o conseguido? teremos a tentación de respondernos a
nos mesmos que nada: unha manifestación mais, unha folga máis, aínda unha marea
mais. E sexa verde, branca, vermella ou violeta, todas teñen a súa enchente e o
seu devalar.
Mais iso non é
certo. Pola contra: cando non conseguimos nada é cando quedamos en casa coa
arreda de que un mais non conta, ou isto é o paseo de sempre, que o pobo
necesita saír á rúa para que a indignación e a rabia nono coman por dentro coma
o verme á mazá, para enchernos de esperanza ao comprobar que aínda somos moitos
os que aínda non perdémola, que encerrados cada un na súa casa non somos nada e
xuntos somos quen de cambialo todo.
Que quedemos na
casa quietos coma unha pedra nun pozo, que protestemos soamente nas redes
sociais, que nos quedemos nas verbas, que non saiamos á rúa, que non pasemos á
acción, é o que queren eles para poder bater en nos coma quen malla no centeo
con decretos lei que limiten cada vez mais a nosa liberdade, e deixen a
soberanía popular nunha cerimonia sen mais significado que o de meter un papel
nunha fenda cada catro anos.
Mais, mire que lle
digo Don Manoel! O que tampouco ten xeito é que vaiamos desnortados e sen ter
claro onde imos e que camiños, vereas ou congostras temos que tomar, porque
cada esforzo, cada loita e aínda cada derrota debe estar enfilada ao rumbo que
levamos. Se é carto que queremos un cambio radical non chega con estar de
comparsa, compre ser protagonistas e suxeitos do cambio, que cando se está no
medio do mar a terra que está mais preto é a do fundo do mar, mais non é esa a
terra onde queremos chegar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario