sábado, 13 de setembro de 2025

O primo de Sheldon


 Mire que lle digo don Manoel! Sinto que esta xa non é a nosa taberna, que nola están furtando os turistas! Vexo que a xente de hoxe valora máis o que ten diante que o que ten que buscar; a satisfacción inmediata dos desexos por riba dos encantos da procura! Alá atrás estabamos ben tranquilos no noso acubillo da taberna do Mincha; tan agachada estaba nunha calexa do interior da vila, que a posibilidade de que entrara algún cliente despistado era pouco menos que remota. Na do Miguel a fuxida do mundo actual, e a busca dun equilibrio interior son pouco menos que imposibles.

E se a Sefa e o Farruco cultivaban con desvelo este carácter de lugar de paz, sabedoría e lonxevidade, este Shangri-La de serenidade no que desenvolvéronse os nosos parrafeos destes anos, o Miguel —ao que a reforma do paseo marítimo veulle como funil en botelo— non está por estas de manter a taberna na categoría de destinos lendarios, aos que só se pode acceder tras un longo camiño espiritual. Moito me temo que un día non moi afastado o Miguel non terá outra que ceder ao imperio da realidade, e pechar o contrato para instalar no local as billas de cervexa, acompañadas das mesas con parasoles na terraza, cando cada día vende máis cervexa e menos viño deses pipos de treixadura que os máis dos clientes pensan que forman parte da decoración.

E ben sei que detrás da cervexa entrará o televisor, có fútbol, o «regatón» e os programas de xentes que falan pero non se escoitan. Mais eu xa non estarei aquí!

Vaites, vaites don Manoel! Que non van por aí os tiros! Simplemente buscarei novo acomodo. E cambiando de tema: así que o Xurxo, o seu monitor, botou de menos na historia do Canducho, meu compañeiro de mareas no Gran Sol, a presenza do 73, o seu número favorito. Xa vexo que temos un devoto máis na confraría! Outro que tampouco é inmune ao feitizo dos números. E por que o 73?

Pois non coñecía a serie, pero polo que me conta ten boa traza. E bo título: A teoría do «Big Bang»! O detalle de que sexa precisamente no episodio 73 no que o personaxe de Sheldon Cooper di que o 73 é o mellor número, houbéralle encantado ao Canducho! E non digamos que o 21 sexa tamén un número primo! E que o seu número espello, o 37 sexa o doceavo da serie; e que o seu número espello, o 21, sexa o produto de multiplicar sete por tres!

Escriba, escriba que se lle vai esquecer! Dítolle do seu teléfono móbil:

      O 73 é ademais un primo de Stern, o que significa que non pode expresarse como a suma dun número primo e o dobre dun cadrado (por exemplo, p+2k2).

      En matemáticas, o 73 é un primo de Eisenstein —este non será primo do famoso director de cine?— sen parte imaxinaria, da forma 3n-1.—Don Manoel isto non llo entendo nin un pouco!

      O 73 pódese expresar como a suma de dous cadrados: 82 + 32 = 64 + 9 = 73. —Menos mal! Isto si que o entendo.

      En código binario, 73 escríbese como «1001001». Este número é un palíndromo, o que significa que se le igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda.

E mire que lle digo, don Manoel! Non sei se despois de todas estas explicacións o seu adestrador persoal o vai seguir mirando con bos ollos pero, se tal é o caso, convídeo un día para pasar por esta taberna, polo menos mentres o Miguel siga conservando o bo viño e a súa muller a man excelsa para a cociña. 

O bo tempo está no pote,

que en habendo de comer.

chova ou trone, vente ou neve,

ese bo tempiño é

Ningún comentario:

Publicar un comentario