domingo, 19 de xullo de 2026

Escudeiros e a Institución Libre de Ensinanza

 

Mire que lle digo, don Manoel! Ben sei que a súa benquerida compañeira —como vostede gusta en chamarlle— ten moito máis quefacer que vir pola nosa taberna a contar as súas belidas historias, pero teño para min que lle tería prestado moito coincidir co noso visitante de onte, que viñera á mantenta á taberna para coñecela.

Porque a tapa de onte era de «bienmesabe»: cazón cortado en dados, mariñado nun adobo de vinagre, allo, ourego e comiño, e despois fritido en abundante aceite, conforme a receita do chorado amigo «Migallas», que como lembrará era da fermosa vila de El Puerto de Santa María.

—Afonso; o visitante do que lle falo chámase Afonso —aclarou don Paio, para engadir decontado que tamén informara de que o seu pai nacera no lugar de Escudeiros e que coñecera persoalmente a Román e a Isolina, os protagonistas dun dos contos que vostede ven de publicar na súa bitácora co título de “Os limpadores da morte”. Engadindo, antes de que ningún dos fregueses da nosa húmida confraría ousara preguntalo, que era “Mestre de educación primaria, no C-E-I-P plurilingüe Ramón y Cajal”. No Picacho, vaia!

—Pois si, don Manoel! Tamén a iso respondeu: Coñecera á «Maradona» aínda que máis pola súa sona que pola súa asistencia ás aulas, e lera os contos de “Os limpadores de morte” na súa bitácora por indicación dun antigo alumno que sabía da súa orixe. E de milagre que deu atopado a taberna do Miguel! Que se non fose polas indicacións dun mozo da “Cultural de Bouzas” co que coincidira nunhas “Xornadas” de ensino, ía chegar á ela polo carallo arriba!

—Non tal! Nunca pensara atopar a dona Loli na taberna; revisando outros contos chegara á conclusión que ás súas visitas a este sagrado templo da oralidade eran pouco frecuentes; esporádicas, que diría un lingüista! A idea del era falar comigo por ver se a súa “compañeira de vida” tiña máis información do tema das Misións Pedagóxicas e a biblioteca que a Institución Libre de Ensinanza deixara no concello de Ramirás.

Falaba e falaba sen repouso ata que Miguel, sen que mediara comanda por parte algunha, puxo aos seus alcances unha cunca ben fría de monterrei. O lene son da porcelana riba do mármore do mostrador espertou a súa necesidade de humedecer a gorxa e deume tempo abondo para requirir algo máis de información, da que, co seu permiso fago un resumo un pouco máis ordenado.

O que contou o Afonso das Misións Pedagóxicas en Ramirás.

Sorprendente, insólito, inaudito, desconcertante e aínda milagroso. Ata eu o diría! Entendo que a xentes de mar como vostedes lles poida parecer que nun lugar tan afastado de todo como Ramirás poida aparecer unha biblioteca da Institución Libre de Ensinanza, aquela obra magna de Giner de los Ríos e tantos outros conectado directamente co pensamento de Krause e as correntes pedagóxicas marxistas de Célestin Freinet.

O camiño que trouxo aquela utopía ata as ladeiras de Gomesende tivo nomes, apelidos e unha intrahistoria moi pouco coñecida que é precisamente o obxecto da miña investigación, e a razón pola que estou hoxe aquí na vosa taberna coa pretensión de atopar algunha documentación máis dos feitos citados.

Unha intrahistoria que non ten nada de máxica, aínda que se desenvolva nun lugar tan propicio a ela como as Terras de Celanova.

Polo que teño pescudado, a concesión das bibliotecas non se facía ao chou: unha sementeira á palma aberta coa semente voando cara a onde lle petara. Detrás de cada biblioteca que se concedía a unha aldea do rural galego había un mestre consciente, vocacional e comprometido, nunha escola involucrada coa citada metodoloxía, e estou certo de que a chegada a Escudeiros daquela cobizada biblioteca da ILE non foi casualidade. Un fito que respondía á presenza, non só dese mestre, senón dun firme tecido asociativo local e partidario, e unha activa vida obreira ligada ás minas de estaño. Ou como lembraba a miña nai, que era de Vilar de Vacas, vida obreira, asociativa e sindical tan forte que Escudeiro se gañara a pulso o sobrenome popular de "Escudeiro dos comunistas".

E foi o Goberno de progreso da Segunda República, co pulo de Manuel Bartolomé Cossío e a paixón dos Lorca, Machado, Salinas, Maruxa Mallo e moitos, moitos máis mariñeiros do entusiasmo, como lles chamara Juan Ramón Jiménez os que asumiron a tarefa de:

“levar ás xentes, con preferencia ás que habitan en localidades rurais, o alento do progreso e os medios de participar nel, nos seus estímulos morais e nos exemplos do avance universal, de modo que os pobos todos de España, aínda os apartados, participen nas vantaxes e goces nobres reservados hoxe aos centros urbanos”.

Con ímpeto decidido, estes misioneiros da pedagoxía ética e laica chegaban aos pobos inzados de fervor na sagrada misión de achegar a Cultura ao pobo, coas pesadas caixas cheas de esperanza, ao lombo de mulas ou en vellos camións, ata as aldeas máis illadas de todo o territorio español.

Malia que don Manuel Bartolomé Cossío e a súa dona Carme López-Cortón pasaban os veráns en Bergondo, as Misións tardaron en chegar a Galicia. Ata onde eu sei, a primeira arribada dos misioneiros dirixidos por Rafael Dieste foi en agosto de 1934, e teño para min que deberon de andar pola provincia da Coruña porque hai unha foto que fixo o notable cineasta José Val del Omar en Malpica de Bergantiños da xente amoreada no peirao e nas barcas amarradas nel, agardando non sei ben por cal das actividades que levaban que eran moitas: cinema, gramófono, coro e teatro do pobo, museo popular ou o teatro, no noso caso de monicreques.

Disque as misións chegaron a Ramirás entre finais de xuño e principios de xullo do 36, nun dos últimos alentos de luz e cultura xusto antes de que o golpe de Estado deitase as sombras da represión sobre o país. Aquela última misión tivo como centro de operacións o magnífico edificio que o emigrante Rogelio García Yáñez fixera erguer en Freás de Eiras; un grupo escolar de arquitectura indiana bautizado co nome da súa nai, Concepción Yáñez. Aquela xoia, proxectada no 35, abrira as súas portas nese mesmo ano de 1936 como o escenario perfecto para un soño pedagóxico que estaba a piques de ser truncado.

Podo imaxinar o que supuxo para os meus pais, igual que para a práctica totalidade dos seus veciños, ver por primeira vez as copias das grandes lenzos de Velázquez ou Goya. Verse retratados nas fiandeiras, nos borrachos, nos ferreiros, filósofos e deuses; e, ao tempo, comprobar a cara de parvos que tiñan os de toda aquela dinastía de reis aos que, ata había ben pouco, veneraran como seres superiores.

Por non falar da maxia de ver, por vez primeira, o cine proxectado nunha saba estendida entre dous paus, ou de escoitar o son dunha gran orquestra enchendo de beleza os bosques dende o xiro daqueles vellos discos de lousa. E, coroados de risas, o Retablo de Fantoches, ese teatro de monicreques versión lixeira, nómade e adaptable do Teatro do Pobo, co que Rafael Dieste cativaba tanto os nenos coma os pais que os acompañaban. Todo nun medido equilibrio entre a sensatez dun espectáculo culto e a frescura, a picardía e a enerxía dos títeres.

Parece seguro que nesta misión de Ramirás participaron figuras de relevo como o intelectual coruñés Xosé Otero Espasandín e, de xeito moi destacado, a pintora surrealista Maruja Mallo. A presenza doutros artistas como Cándido Fernández Mazas, Ramón Gaya, Miguel Prieto ou o propio Urbano Lugrís —portentoso improvisador cos títeres e autor dos deseños dos bonecos— está menos documentada. Tampouco parece probable que estivese José Val del Omar, porque non se coñecen fotos destes actos.

Ao final, o exemplo de Ramirás demostrou que ningunha aldea está "afastada de todo" se hai libros nas súas mans. O fío invisible que unía o Madrid do krausismo coas terras do Arnoia sostíñase niso: na fe absoluta de que a cultura non era un privilexio urbano, senón un dereito que, para selo, tiña que chegar ata o último torreiro da máis afastada aldea.

Cando os misioneiros marchaban despois de varios días, a aldea xa non era a mesma. Quedaba un pouso de dignidade, a certeza de que o mundo era máis ancho do que acadaba a vista dende o monte, e unha biblioteca chea de páxinas listas para ser devoradas durante os longos invernos. Mágoa que as cousas acabaran como acabaron, e a luz do facho que as Misións acenderan en Ramirás fose tan efémera.

....................................................................................................
Seguiu un silencio mentres Afonso recuperaba forzas e humedecía a gorxa despois do longo parlamento. Silencio que alguén rachou dende o remate do mostrador.

—Vostede desculpará o meu atrevemento, pero eu son de Malpica de Bergantiños, e o meu avó estivo nas representacións do Retablo de Fantoches de outubro do 33.

—Nada que desculpar! Máis ben ás avesas, que algo lle contaría o seu avó daquelas Misións Pedagóxicas!

—Non se equivoca! Que o avó Tomé era panadeiro, e no seu forno cocéronse algunhas das figuras para a representación da “La Doncella Guerrera“, polo Retablo de Fantoches de don Rafael. Con resultados moi desconformes co esperado, debo dicir!

—E logo! Que foi o que pasou?

— Que ao seren de pasta, xeso e cola, entraban no forno cun carácter e saíron con outro! E a miña avoa non paraba de rir pedíndolle aos das Misións que non lle deran máis tormento aos bonecos, que entrar entraban como rosas pero saír saían como negros!

—Eu non sei moito de monicreques pero iso de enfornalos coma se fosen un molete de pan..., de quen foi a idea?

—Seica do mesmo Rafael Dieste, ao non dar secado a tempo os novos títeres.

—Tanto tempo leva facer un boneco deses?

— O traballo do carpinteiro para a estrutura e da costureira para a vestimenta foi cousa doada. Pero o carácter e o modelado concreto dos bonecos foi o que levou a moitas discusións ao equipo artístico: Ramón Gaya, Fernández Mazas e Miguel Prieto, por unha banda e Urbano Lugrís con único apoio de Dieste polo outro. Que «Unha man lava a outra, e as dúas lavan a cara» e don Rafael quería garantirse o apoio de Lugrís á súa visión da doncela Guerreira!

—E digo eu... Non é que dubide do que me conta pero, como chegou o seu avó a saber tantas cousas desta representación.

—Pois pode pensar o que queira, que o pensamento é ceibe, pero cóntollo como mo contaron! Quero supoñer que a condición de colaborador necesario deulle ao meu avó o tempo e a oportunidade necesarios para saber moitas cousas dese momento histórico.

Non dixo mais. Pediu a conta, recadou as súas cousas, despediuse con educación e saíu pola porta da taberna sen dar oportunidade ao tal Afonso de rectificar a súa desafortunada intervención. Así que, con pouco máis que tratar a conversa foi esmorecendo ata recalar nun balbordo de lugares comúns. Non tardou moito o de Escudeiros en decatarse de que pouca auga máis quedaba naquel pozo; e o que é moito peor: que tivera na cesta un rodaballo e o largara pola borda pensando que era un escacho!

E mire que lle digo, don Manoel! Moito proveito tirei desta conversa, pero hai algo que me emociona e conmove especialmente: a grandeza dos que, como Rogelio García Yáñez, fixeron fortuna nas Américas, pero, convencidos de que a redención de Galicia residía na cultura e na educación, decidiron financiar escolas na súa propia terra. A diferenza daqueles que viron na construción de grandes palacetes un monumento ao ego do indiano enriquecido, pura ostentación do seu triunfo social, García Yáñez e moitos coma el asinaron un compromiso ético e transformador coa matria que deixaran atrás.

Viviran en carne propia a rudeza do desarraigo e a dificultade de saír adiante nun mundo estraño sen unha formación sólida; por iso entenderon que a única ferramenta real para que as xeracións vindeiras non sufrisen a mesma fame era a educación. A cultura, aos seus ollos, era o único camiño cara á liberdade, o vieiro cara á dignidade e á redención colectiva.

E hai un detalle que emociona e engaiola: bautizar as escolas co nome da súa nai, Concepción Yáñez, constitúe un acto de gratitude eterno. É a homenaxe a quen sufriu a dor da separación, a quen sementou os primeiros valores nese neno antes de marchar e a quen, co alento sostido dende a distancia, acubillou moralmente aquela aventura transatlántica.

Nada máis por hoxe, don Manoel. Soamente por respectar o costume de pechar con copla,vai esta, non sei moi ben se do estro popular ou simplemente descoñecido.

No profundo val de Eiras

as Misións baixaron pano;

sombras veñen dacabalo,

do rancor e do sagrario.


Garda terra de Escudeiros!

Agacha o libro e o saber,

que os que odian a lectura

xa nos queren ver morrer.


Nas minas de Ramirás,

durmirán sen incerteza.

Agardando con paciencia

que o novo día alboreza.

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario