martes, 28 de xullo de 2026

Herba de namorar

 

Mire que lle digo, don Manoel! Pensa vostede que os sentimentos poden mudar coa morte da persoa amada? E da persoa odiada?

Non ten que responder, don Manoel: ben sei o que vai a dicir! O amor e o odio non son máis que as dúas caras da mesma moeda emocional; que a pouco que pescudes detrás dun gran amor atoparás unha miguiña de xenreira, e detrás dun odio brutal unha necesidade morbosa do aborrecido. Ou como ben dixera aquel pintor amigo seu: “a luz máis brillante necesita da sombra para ter volume, e non hai negro tan profundo que non necesite algo de branco para existir”.

Certo, don Manoel! Non menos acaída é a sentencia do noso benquerido amigo «o Migallas»: “a verdadeira morte do amor é a indiferenza”.

Dirá vostede, e con razón, que vento me deu na cabeza para vir hoxe con esa pregunta. Pois a razón non é outra que onte souben da Sefa. Despois de tantos anos sen saber por onde andaba, entrou, falangueira como unha carricanta e guapa como unha deusa grega, pola porta da taberna!

Sentou canda min, colleu as miñas mans nas súas e miroume de fite ao máis fondo da alma. Decontado souben que algo tiña que contarme, así que fixen un aceno a Miguel para que trouxera unha cunca de monterrei para ela e colmara do mesmo viño a miña. Entón, dispúxenme a escoitar con toda a atención que a ocasión merecía.

Fala a Sefa

A chamada de dona Amalia tivo o efecto dun raio nun ceo limpo, deses que non traen auga pero que deixan o aire cargado de ozono e unha xorda inquedanza no peito. Sostiven o teléfono uns segundos contra a miña meixela despois de que a nai de Ricardo cortase a comunicación.

—Morreu —díxenlle á cara que me miraba desde o espello do baño coma se precisase ver mover os beizos para crelo—. De cirrose. A besta consumiuse no seu propio veleno.

Non houbo bágoas. O que sentía nese momento non era dor, nin sequera alivio; era esa estraña quietude que queda no mar despois dunha tempestade que durou demasiado. O meu amor por Ricardo —se é que algunha vez fose tal— morrera moitos anos antes estragado a golpes e malos modos, nun longo proceso de humillacións e malos tratos. Violencia de palabra primeiro e de feito despois, para rematar nunha agresividade cada vez un pouco máis bárbara e descontrolada. Unha violencia que comezaba con berros destemperados, continuaba con couces a cadeiras e mobles e remataba en labazadas, puñadas e intentos de asfixia. Unha violencia que deu comigo no hospital Gómez Ulla e, como ben lembrará, de regreso en Bouzas pola afouteza do meu pai.

Deixei o teléfono en lugar seguro sabedora de que estes trebellos teñen a mala costume de ser moi obedientes á lei da gravitación universal —que algúns chaman da gravidade facendo referencia ás consecuencias dunha caída para a súa integridade funcional— e seguín nas tarefas que a chamada interrompera. Ata que unha pregunta incómoda abrollou no máis fondo da conciencia, unha pregunta que de novo obrigou aos meus beizos a formar, como se alguén puidera escoitarme.

—Pero, quen carallo lle deu a esta muller o meu número de teléfono?

Que estrañas artes empregou para localizarme despois de tantos anos? Por vostede, don Paio, unha das poucas persoas de Bouzas que sabía do meu paradoiro, poño a man no lume! E dos compañeiros da carreira ou da facultade... Merda para min! É que non teño amaño! Non vou e lle conto a Horacio —unha relación desas que unha pensa que son firmes e acaban sendo frustrantes—, os pormenores do meu matrimonio cun militar? De Madrid e de boa familia... "Touciño é, se o fociño redondo ten".

Pero Ao feito peito!, e “Quen lle teña medo ás chispas que non se meta a ferreiro”; que agora estou no meu Bouzas da alma, compartindo á calor da amizade, o viño e a conversa coa persoa que sabe case todo de min, na procura da mellor ocasión para pedir o seu sabio consello.

Non! Ben o sabe, don Paio! Non foi esa a única razón da miña volta a Bouzas. Que hai no cemiterio de San Miguel un sepulcro de pedra que —aínda que eu non acredite moito nesas parvadas— garda os ósos benditos de miña nai e do que gañou tal título por méritos propios, e ben merecen a miña presenza física canda eles, aínda que sexa de cando en vez.

E diso vai, don Paio! Ningún deles deu nin chío cando morreu Farruco «O Mincha». Ninguén cando Fina —a miña nai— abriu coa súa morte a porta da gaiola onde eu me encerrara, para deixarme voar. E agora ven dona Amalia dando ordes a torto e a dereito como se aínda tivera algún poder sobre min!

Que ata o de agora si que o tivera! Que puideron e non puxeron denuncia polo meu abandono do fogar. Porque marchar da casa sen a autorización do meu marido —ou máis ben contra a súa vontade— ou sen unha resolución xudicial de separación, era considerado un delito de desobediencia e abandono. Por moito que houbera un precedente de malos tratos, con ingreso hospitalario incluído, o marco xurídico e social do réxime non deixaba marxe de dúbida: a lei protexía a figura do cabeza de familia. Para a policía, a Garda Civil e os tribunais, a "autoridade marital" estaba por riba de todo e eu tería que enfrontar unha orde de "restitución ó fogar conxugal", e a regresar co meu maltratador.

Porque o certo era que eu seguía casada con Ricardo ante a lei! Era algo no que non pensaba moito pero cada vez que a lembranza asomaba o pico da gadaña, un calafrío xeábame as costas e poñíame de punta as lanuxes da caluga.

Souben un día que Ricardo fora destinado a Ferrol —do Caudillo coma dicían eles—, o que lle permitía dicir a súa nai sen pecar, que a parella “estaba en Galicia”, cousa que era certa se non temos en conta os case douscentos quilómetros que separan as dúas cidades. Logo morreu mamá e eu funme á Complutense a completar a licenciatura largo tempo adiada. O resto da historia ata o departamento de Historia Moderna da Universidade de Cádiz xa o coñece vostede das miñas cartas.

E anos de confort e de vida nova, esquecida de todo ata esta chamada da vella señora, coa súa voz rexa levemente tinguida polo orgullo ferido e o loito, pero sen trazas de pranto, ordenando o derradeiro recoñecemento ao defunto. Unha chamada que feriu coma unha cobra rateira que, cando te confías e tentas achegarte a ela con compaixón, ataca de súpeto para inocular a súa pezoña:

—Dixo o teu nome co derradeiro alento, Sefa. Non sei que lle fixeches, pero vaise sen descanso.

E na nosa terra, coma tantas veces lle escoitei explicar na taberna dos meus pais, cando alguén morre gardando unha débeda de amor ou de odio, o vincallo permanece, a atadura non se dá por ceibada ata que se cumpre un certo ritual! E un home coma Ricardo, que vivira sementando treboadas, non ía ter sen axuda un camiño doado cara ao alén. O peor é pensar que esa última cadea que o condenaba ou o ceibaba estaba nas miñas ignorantes mans!

Por iso veño na procura do seu consello, don Paio. Porque hei de confesar que naquel malfadado san Xoán non lle fixen caso ningún! Ou mellor: escoitei o que me conviña e non o que me advertía! Recorda aquel sanxoán no que contou o da «Herba de namorar» e o seu efecto? Pois eu seguín o seu consello e metín un atado delas no peto do uniforme de Ricardo. A herba encargouse de facer o feitizo, mais coas consecuencias nefastas que vostede ben coñece, e témome que agora xa non haxa forma de dar volta atrás!

—E agora lle pregunto eu, don Paio: que debera sentir cando quen morre é quen che ensinou a amar e a odiar ao mesmo tempo? Muda o odio cando sabes que o teu agresor xa non respira, ou queda a súa pantasma para sempre?

 

Cando Sefa rematou de falar, sentín que as miñas vellas pálpebras estaban perdendo a súa batalla contra as bágoas no seu intento de impedirlles abrollar. Como tantas outras veces no pasado tomei ás súas mans nas miñas para chegar máis doadamente ao seu corazón.

—Miña queridiña! Ben sabes que non son máis que un mariñeiro con moita mar nos ollos! Un home sen estudios que ascendeu á categoría de filósofo tabernario nas ás da prosa de don Manoel. Pero se é certo que “do vello o consello” e tal pides, hei de escaravellar nos meus saberes para darche, senón o máis asisado, o máis agarimoso que poida.

Din as mellores especialistas no tema, que para desfacer o efecto do esconxuro da «herba de namorar» cómpre o emprego de rituais baseados na forza da auga purificadora, ou na destrución física do elemento que causou o feitizo.

O da auga purificadora consistía en lavar as mans na auga dun regato de auga viva que discorrese cara ao poñente, queimar un anaco da roupa que estivese en contacto coa persoa esconxurada e tiralo ao regato, deixando que a corrente se levase a mala enerxía augas abaixo sen mirar atrás.

Aínda que, segundo estas meigas, o xeito máis efectivo de romper o vínculo é o de recuperar o amuleto e queimalo completamente nun lume purificador como o das fogueiras de san Xoán, e botar as cinzas preferentemente ao mar para que a inmensidade do océano neutralizase o influxo da herba.

Esas son as vellas receitas. Pero se tes algunha fe neste vello filósofo tabernario, lembra que os feitizos de amor creados pola forza da mente carecen de eternidade se quen os provocou deixa de alimentalos co pensamento. Cando a memoria se esvaece e a persoa afectada corta calquera elo mental coa outra parte, a atadura decae por si mesma, porque ningún esconxuro resiste o peso do verdadeiro esquecemento: a indiferenza.

 

Fun a recoller ao monte

a herba de namorar

fixen con el un encanto

do que non me sei librar.

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario